ARAO DOS CONS

Calcúlase que son dez as parellas de arao dos cons que aniñan e crían en Galicia, principalmente nas illas Sisargas. A súa poboación minguou moito nas últimas décadas, sobre todo polo dano que sobre ela causaron mareas negras e limpezas de sentina en alta mar. No norte agrúpanse en colonias de milleiros de individuos e no inverno, sobre todo en xaneiro, moitos buscan refuxio contra os temporais voando cara o sur. As costas galegas son un dos destinos.

Arao dos cons. Debuxo de Carlos Silvar

Arao dos cons. Debuxo de Carlos Silvar

Camiñando pola beirada é frecuente atopar algún cadáver. Unha vez atopei un morto e anelado, un día 5 de xaneiro, no areal de Carnota, preto da Boca do río. O anel pertencía ao British Museum. Envieillo e contestaron cunha carta que non sei por onde andará, na que me informaban da idade, lugar de procedencia e data en que se efectuara a colocación do anel na súa pata.

Arao morto en Porto Cubelo

Arao morto en Porto Cubelo

Hoxe atopei outro morto, aboiando no mar, prendido a unha rede abandonada. Na beirada do Porto Cubelo, en Lira, alguén abandonou unha rede sobre as penedas. Unha parte desta caeu ao mar e prendeu no fondo. Nela enredou o arao que vin e que non puiden recoller, por estar prendido na rede.

Esta entrada podería estar vinculada coa de Fishernet. O abandono da actividade pesqueira, o desleixo co patrimonio que se perde e cos refugallos inútiles ciscados por portos, beiradas, nas penedas ou entre as silvas, non só é unha perda etnográfica senón que, como no caso que comento, supón, tamén unha trampa para a natureza.

Quizais convén lembrar, tamén, que a posta dunha parella de araos, é dun só ovo que chocan macho e femia durante 30 días. Esta información, así como o debuxo de Carlos Silvar, están sacados da Guía das aves de Galicia, publicada por Baía Edicións.