Xa comentei nunha entrada anterior, que o día 7, sábado, ás 11,45 h, na casa da Cultura de Xinzo de Limia, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregará á familia os restos de Perfecto de Dios, exhumados o pasado ano. Ás 13,00 os restos serán depositados no panteón familiar no cemiterio de Sandiás.
Tamén deixei constancia do enderezo electrónico onde é posible dirixir as mostras de cariño, de solidariedade e de amizade aos familiares de Perfecto: condolenciasfamiliadedios@gmail.com
Eu non poderei estar coa familia nesa momento, pero aproveitei o correo electrónico para mandarlle unha aperta forte de amizade a Camilo de Dios, irmán de Perfecto e, coma el, guerrilleiro antifranquista dende mozo. Esta é a carta que comparto, porque ao cabo, a exhumación e enterro dos restos de Perfecto é algo que transcende a intimidade familiar, xa que el, coma tantos outros, forma parte desa memoria que debemos preservar e desa obriga que, como colectividade, temos con respecto ás vítimas do golpe militar de 1936 e da represión cega e criminal que seguiu.
Esa é a razón pola que comparto esta mensaxe persoal, ao tempo que agradezo a Carmen Rodeja, representante en Galicia da ARMH, o empeño por proporcionarlle esta alegría a Camilo:
Querido Camilo:
Tiven a fortuna de coñecerte no mes de novembro de 1998, no acto de homenaxe tributado a José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, no cemiterio civil da cidade da Coruña, diante das tumbas 98 e 99 nas que, dende aquela, figura o nome dos dous loitadores antifranquistas executados pola ditadura en 1948.
Non sei que complicidade nos xuntou aquela tarde, baixo un voo de pombas e arrolados pola música do violonchelo. Non sei que simpatía nos fixo camiñar xuntos de regreso ao centro da cidade. Escoitei, entón, da túa boca, a crónica de feitos nos que participaches, e a expresión de ilusións e devezos que sempre mantiveches firmes, polos que loitaches e sufriches, e aos que entregaches á vida.
Aquel día contáchesme o intento de asalto á cadea coruñesa para liberar a Gayoso e Seoane, acción na que participaches; pero tamén me falaches, por primeira vez, da túa nai, Carmen, e do teu irmán, Perfecto.
Dende entón coincidimos moitas veces, en actos públicos, en manifestacións contra a guerra, en mesas redondas, nas ceas organizadas cada ano pola asociación de Amigos da República de Ourense. Cando esta asociación organizou o pasa-rúas republicano, lembro camiñar contigo pola praza Maior, baixo un flamexar de bandeiras tricolores. Pregunteiche que sentías nun día como aquel, de bandeiras ao vento, escoitando o himno de Riego interpretado pola banda municipal, compartindo a participación activa da xente nunha celebración tan reivindicativa e libre. Ti respondiches moi serio: “Por isto matabamos e morriamos”. Tempo despois souben que na utilización desa primeira persoa do plural incluías aos teus compañeiros de guerrilla e, tamén, a Perfecto, teu irmán.
Sei dos esforzos que fixeches para recuperar os seus restos, exhumados da fosa común en Chaerrero, no afán de que repousen definitivamente no panteón familiar, xunto co resto dos seres queridos, protagonistas de vidas desfeitas polo golpe militar e pola guerra.
Considero unha ignominia e unha indignidade que o estado español permita que 114.000 persoas asasinadas permanezan enterradas en fosas comúns, sen identificar, sen posibilidade de regresar xunto cos seus, sequera de maneira póstuma e simbólica, de que o seu nome figure sobre o granito ou o mármore dunha sepultura, recuperando a identidade e proclamando a memoria.
Perfecto xa o conseguiu, grazas á túa teimosía, á colaboración dos amigos da ARMH e, tamén, á solidariedade dun sindicato de electricistas noruegueses. Eu hoxe congratúlome contigo e comparto a túa emoción. Non é este un momento alegre. A vida puido ser diferente. Pero este si é un momento de xustiza e de descanso, e nese sentido, participo contigo e cos teus desta celebración.
Recibe a miña máis entrañable e agarimosa aperta.
POLO SOÑO DE XUSTIZA E LIBERDADE!!! POLA REPÚBLICA!!!
O teu amigo
Chisco Fernández Naval