CARNOTA: MUSEO ARQUEOLÓXICO

Semella que o soño de construír un museo arqueolóxico ao aire libre, vai adiante en Carnota. É este soño e proxecto do actual alcalde, Ramón Noceda, dende que accedeu á alcaldía nesta segunda etapa, que xa antes fora alcalde, nun tempo do que eu, que levo alí máis de vinte anos, non gardo memoria.

O proxecto, fermoso, pretende vincular os petróglifos da Laxe da escrita, Laxe da Fornalla, Filladuiro e As Laxiñas, incorporando o castro de Mallou (no que se traballou este verán) e A torre dos Mouros, a fortaleza probablemente sueva. En entradas anteriores xa se ofreceron imaxes de case todo este patrimonio. Nesta que segue pódese ver unha parte do petróglifo das Laxiñas, nunca antes publciada aquí. Nela obsérvase, perfectamente a espada, un dos elementos máis singulares que amosa.

Petróglifo das Laxiñas

Petróglifo das Laxiñas

Hai unha semana, Daniel e máis eu, en día fermoso de frío e de sol, puidemos facer o percorrido completo. Foron seis horas e media camiñando, gozando desas paisaxes extraordinarias que, por coñecidas, non deixan de nos sorprender e emocionar.

O proxecto semella aínda sen rematar. Compre, iso si, poñer máis celo ca antes no coidado dos petróglifos, xa que agora están sinalizados e son accesibles. Conviña rodealos dalgún elemento que convide a admiralos, fotografalos, querelos, pero non camiñar por riba deles, nin percorrer as liñas con xiz ou tella.

O día anterior, tamén os dous e só por entrar en materia, achegámonos a Louro por visitar esa marabilla do petróglifo da Laxe das Rodas. Probablemente eran os mesmos habitantes destes montes, quen facían os gravados que hoxe son de Muros e os de Carnota. Así que, convén observalos, aprendelos, interiorizalos e amalos, sabendo que forman parte do mesmo latexo humano e do mesmo momento histórico que, daquela, non existía Muros, nin a palabra concello, nin barreiras administrativas.

Laxe das Rodas

Laxe das Rodas

 

Advertisement

AS ESPIRAIS

Volvo a Yeats cada pouco. Non sei que ten este autor (ou si o sei, por iso volvo), pero os seus versos son alento, consciencia da nosa humanidade, da comuñón que somos coa natureza, da relación cos outros. Agora que o penso, volvo a el no tránsito entre estacións, sobre todo nos equinocios, que é, quizais, cando máis me afecta ou máis nos afecta o cambio. Os versos de Yeats son alimento e reforzo, vitamina ou xalea para o espirito. E moito o que os galegos compartimos co poeta irlandés e premio Nobel en 1923.

Respondendo a chamada, a semana pasada collín de novo o libro coa súa Poesía Reunida, publicado hai pouco máis de dous anos pola editorial Pre-Textos, en tradución de Antonio Rivero Taravillo.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla, comentaba que acudía a Blake e aos seus labirintos, que moita alegría e desacougo lle producían, cando sentía medrar dentro a sombra do misterio que somos e a Yeats cando precisaba alento e enerxía para seguir.

Hai un par de días, no apartado case final do libro, que baixo o título de Novas Poesías, recolle os poemas escritos en 1938, meses antes de morrer, descubrín con admiración este The Gyres, refirido aos petróglifos. Como sei que comparto paixón polos gravados en pedra con moitos dos que seguides este blog, vai o poema na lingua orixinal, seguido dunha tradución libre que lle debo ao meu fillo Daniel, versión que, na miña opinión, non está nada mal, sendo este o primeiro poema que traduce.

Non teño agora ningunha imaxe de espirais, pero si de círculos. Intúo que non é o mesmo o significado último destes dous motivos, pero creo que comparten ser, fisioloxía, quizais vontade de quen os traballou, acaso función e, sobre todo, atesouran e comparten o amor dos que os procuramos e admiramos, dos que neles nos recoñecemos, xa que con eles tomamos consciencia de formar parte dun ser común e colectivo, que transcende a historia. A imaxe que podedes ver, foi tomada por Lino Lema e corresponde ao petróglifo das Laxiñas, nos montes de Mallou, en Carnota.

THE GYRES

The gyres! the gyres! Old Rock Face look forth,
Things thought too long can be no longer thought
For beauty dies of beauty, worth of worth,
And ancient lineaments ar blotted out.
Irrational streams of blood are staining earth;
Empedocles has thrown all things about;
Héctor is dead and there’s light in Troy;
We that look on but laugh in tragic joy.
What matter though numb nightmare ride on top,
And blood and mire the sensitive body stain?
What matter? Heave no sigh, let no tear drop,
A greater, a more gracious time has gone;
For painted forms or boxes of make-up
In ancient tombs I sighed, but not again;
What matter? Out of Cavern come a voice
And all it knows is that one word “Rejoice”!
Conduct and work grow coarse, and coarse the soul,
What matter? Those that Rocky Face holds dear,
Lovers of horses and of women, shall
From marble of a broken sepulchre
Or dark betwixt the polecat and the owl,
Or any rich, dark nothing disinter
The workman, noble and saint, and all things run
On that unfashionable gyre again.

AS ESPIRAIS

As espirais! As espirais! Vella cara de pedra olla ao fronte,
Cousas demasiado pensadas xa non poder ser pensadas
De beleza morre a beleza, a riqueza de riqueza,
E borradas son as antigas faccións.
Irracionais regatos de sangue tinxen a terra;
Empédocles lanzou todas as cousas polo aire,
Héctor está morto e hai unha luz en Troia;
Pero os que ollamos rimos cunha tráxica ledicia.
Que importa aínda que o insensible pesadelo cabalgue na cima,
E sangue e lodo manchen o delicado corpo?
Que importa? Non amoses noxo nin vertas bágoas,
Un tempo máis grande e cortés xa pasou;
Por formas pintadas e caixas de afeites
En antigas tumbas suspirei, pero non desta volta;
Que importa? Dende fóra da caverna provén unha voz
E todo o que se recoñece é unha palabra “Alegrádevos”.
Conduta e traballo endurécense, e endurécese a alma,
Que importa? Aqueles aos que o Rostro de Pedra aprecia,
Amantes dos cabalos e mulleres,
Do mármore dun sepulcro roto
Ou da escuridade entre a mofeta e a curuxa,
Ou de calquera rica e escura nada desenterrasen
O artesán, nobre e santo, e todo volverá
Cara a aquela espiral pasada de moda. 

PETRÓGLIFOS DE CARNOTA

Hai días, ao fío dunha xornada sobre patrimonio local, o alcalde, Moncho Noceda, anunciaba o inicio das xestións para poñer en valor tres dos principiais petróglifos con que conta o concello e dos que sabemos grazas, en boa medida, ao traballo de investigación e divulgación de José Cernadas, canteiro de profesión, arqueólogo por paixón.
Son moitos os petróglifos gravados nas laxes dos montes de Muros e Carnota, feitos por membros dunha mesma comunidade ancestral. Dos situados no territorio de Muros, quizais habería que salientar o da Laxe das Rodas ou o da Cova da Bruxa.
Os tres elixidos polos responsables do concello, son unha boa mostra da riqueza arqueolóxica agochada nos montes da contorna.

A Laxe da escrita

A Laxe da escrita

A Laxe da Escrita ofrece a singularidade deses barcos ben marcados e, tamén das cruces e nós gordianos, unhas veces integrados nun círculo e outras non. É esta unha laxe sobre a que se superpoñen imaxes gravadas en momentos diferentes da historia, sendo os círculos concéntricos e coviñas o substrato máis antigo. Sobre eles gravaríanse os barcos, probablemente no período Alto Medieval, representando as embarcacións dos invasores do norte e do sur que ancorarían as naves na Foz de Carnota. Descoñezo a orixe, período e significado das cruces e nós. Conviría, iso si, retirar o cartel situado á beira, colocado alí pola Fundación Arao, que nos conta, entre outras informacións inexactas, que os barcos son fenicios.
As Laxiñas é un petróglifo grande e complexo, no que destacan os círculos concéntricos, moitos con sucos de conexión e algúns gravados aproveitando o relevo da rocha, pero no

As Laxiñas

As Laxiñas

que tamén podemos atopar unha espada que nos axuda a datalo, algunha figura animal e moitas coviñas.
Pero na miña opinión, o conxunto máis singular é o que se atopa no outeiro do Filladuiro, sobre o Castro de Mallou. Na parte superior o gravado de seis círculos concéntricos con doce radios e coviñas arredor, quizais nos fai invocar ao sol. Pero algo máis abaixo está esa imaxe que Fernando Alonso Romero, Maribel Longueira e eu, decidimos definir como “enigma na pel da pedra”, que ese foi o título do libro que publicamos sobre el, na editorial Toxosoutos. Sempre dixen que a min esta imaxe faime evocar a Mater Gallaecia ou algún dos outros cadros de Luís Seoane, nos que o pintor traballa a figura feminina.

Círculos petróglifo O Filladuiro

Círculos petróglifo O Filladuiro

Dende a liberdade que sempre invoco, eu interpreto o petróglifo do Outeiro do Filladuiro ou, como propón Gonzalo Navaza, Laxe da Afilladoira, como reprodución e representación esquemática dun destes seres anteriores á memoria, deusa da terra, señora da fertilidade que aparece no gravado cos seus atributos. Vexo aí a silueta de alguén, muller quizais, figura que o artista anónimo abstraeu dun xeito semellante a como o fará Seoane tantos séculos despois. Muller sobre pedra e habitando nela, con neno no colo que lle nace do ventre, ese baleiro central por debaixo do cal se sitúan os órganos relacionados coa reprodución e coa sexualidade. Á esquerda da figura, na parte inferior, un podomorfo, que semella indicar o xeito de acceder á laxe.

E as xentes en feituras figuradas
entre as pedras do mundo compoñendo
danzas xucundas, ritos de dominio.
Acaso estes tres últimos versos do soneto Petróglifo de Darío Xohán Cabana, sexan un bo xeito de rematar, porque neles aparecen recollidas todas as ideas que eu podería expresar e sabemos, que a poesía, é a única linguaxe que, ás veces, permite unha aproximación ao incomprensible ou inexplicable, como o é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro.

O Filladiuro

O Filladuiro

Todas as imaxes son do amigo Lino Lema.