MANUEL MARÍA E A PAISAXE DAS PEDRAS

Pindo 5Dentro de poucos días estará de aniversario a Asociación Monte Pindo Parque Natural, creada no ano 2010 coa ilusión e co ánimo de conseguir para o  macizo de pedra o recoñecemento legal capaz de garantir o seu coidado e de transformalo nun elemento dinamizador da zona. Durante ese tempo vivimos moita discusión e debate, incluso parlamentario, e situacións dramáticas, como o incendio de setembro de 2013. Pero sobre todo asistimos ao abandono. Os valores do monte e a súa contorna están ameazados. Semella que se quere reducir este patrimonio por asedio: minicentrais no Xallas, novos parques eólicos previstos na serra da Ruña, proliferación de pistas. A mellor nova deste tempo foi o peche da canteira de Caldebarcos. Hoxe, logo do lume, os eucaliptos colonizan todo. Eles serán a especie dominante nese territorio fantástico de pedra, de valgadas, de lendas e de historia que Galicia aínda non aprendeu a poñer en valor.

Eu non teño moita confianza en que os esforzos da Asociación callen e consigan o obxectivo. Está por unha banda a falta de interese da administración autonómica, pero tamén, o desacordo veciñal, que lastra a iniciativa, e tamén a falta de diálogo entre os concellos que o comparten. Moito teño falado cos membros de Monte Pindo Parque Natural sobre isto. De pouco vale que centos de entidades de fóra do concello reclamen o recoñecemento e a denominación legal, se dentro o que impera é a oposición e a indiferenza. O reto non está en convencer á administración autonómica de que cambie de posición, senón de modificar a postura dos veciños, facéndolles perder o medo que teñen a que a protección do Monte afecte os seus intereses. Estou convencido de que, conseguido ese obxectivo, á Xunta non lle quedará outra que asumir o reto. Porén, non é este o único lugar en Galicia no que se vive un problema semellante.

Tamén este mes vivimos o 11 cabodano do pasamento de Manuel María, coa ilusión de saber que o ano que vén celebraremos a súa memoria e a súa obra, por estarlle dedicado o día das letras galegas. Hai día vivimos a homenaxe anual, nun acto organizado pola Fundación e celebrado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Baixo o título Lúas de outono, sobre o escenario do teatro conviviron a música de Suso Vaamonde Grupo, que tivo ocasión de presentar o seu último traballo As pedras do lar, coas voces de Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán Vello e Xulio López Varcálcel, que puxeron voz a poemas de Manuel, ao tempo que, en homenaxe, recitaban un poema propio. De Manuel é este artigo que foi publicado no semanario A Nosa Terra o día das letras de 1984. Nel fala das máis emblemáticas paisaxes de pedra do noso país, entre eles, claro, O Pindo, aínda que ao final da segunda columna, unha gralla de imprenta transforma o nome en Pendo. A min gustaríame saber cales son esas pinturas rupestres das que fala.

Queda aquí como un elemento máis da riqueza que atesoura o Pedregal, tentando crear irmandande entre o Monte e a lembranza do escritor de Outeiro de Rei.

A paisaxe das pedras

A paisaxe das pedras