BARCOS EN CABO DA CRUZ

Todos as indicacións que un vai atopando no camiño, sinalan Cabo de Cruz, malia que os veciños da parroquia insisten en que de ser, o nome sería Cabo da Cruz. Alí, nese recuncho fermoso da Arousa, esta fin de semana celebrouse o XII Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais, que cada dous anos organiza a Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, sempre coa colaboración dunha entidade local. Este ano a candidatura presentouna a Asociación da Gamela de Cabo da Cruz.

Barco navegando

Os Encontros, cada ano, son unha emoción, con tantas embarcacións convocadas, que chegan de lugares distantes, coas tripulacións, animosas, divertidas, falando as súas linguas, coas súas prosodias e as súas músicas.

Barcos entrando

Pasamos alí dous días de calor, pero moi felices, rodeados de amigos, compartindo tantas emocións: alí estaban Xerardo Triñanes, Elvira, Eva e Laura, esa familia que sempre nos acolle; Vica, Xaquín, Pepe e o resto dos membros da Asociación da Gamela; Alberto e Pitusa do concello de Boiro; vin a Anxo Angueira, a Xosé Iglesias e María, a Lucía Aldado e María Lado, a Eva Veiga, Fito Ares, Bernardo Martínez e Alfonso Costa, aos amigos de Esteiro. Para os obradoiros de arte e natureza para nenos, chegaron Antón Sobral, Carmen Hermo e Jesús. Tamén, con eles, Perla, Marga e Álvaro. O venres, de madrugada, escoitando a Treixadura, tiven unha longa conversa con Antón Riveiro Coello arredor das novelas. Tamén se achegaron os amigos queridos Tacho e Rosario, dende Corrubedo.

Barco fe en deus

Coma sempre, acudiu Uxío, da Illa, amigo, animoso e divertido; tamén Lino Lema. Vin a Carlos e á xente de Lira que navegou na xeiteira de Canle ou que paseou. Un encontro moi emotivo, logo de tantos anos, foi o de nos atopar con Carmen Isabel, a oleira de Buño, que tiña posto de venda entre as carpas de artesanía. Outro foi o de recuperar o contacto con Santiago Veloso, un dos impulsores, a través de Ponte nas ondas, da candidatura da cultura inmaterial galega como Patrimonio da Humanidade.

Navegamos no Laberco, o barco de Xerardo, malia que el, logo dun accidente no estaleiro o día anterior ao inicio do Econtro, non puido navegar connosco, pero si o fixo Laura, a súa filla pequena, que patroneou moi ben.

Coma sempre, a emoción das velas, os nomes dos barcos, os xantares e ceas compartidos na carpa mariñeira.

Coma sempre, a alegría do mar, dos pailebotes brancos, das velas acendidas, dos mastros, dos ronseis, do galipote.

CAM00884Esta embarcación que vedes arriba, é a Esperanza e Liberdade, que ten a súa historia que conto brevemente. Responde ao modelo particular de gamela de Cabo da Cruz e que foi moi tradicional nesta parte da Arousa, tripulada sempre por un mariñeiro. Esta podería ser a historia:

“Chámome Esperanza, por non ser Liberdade, palabra temida e prohibida. Chámome vida, que esa foi sempre a miña relación cos mariñeiros deste litoral da Arousa chamado Cabo da Cruz”. Así podería contar ela a súa propia biografía, que é sabido que o nome que Francisco Outeiral lle quería era o de Liberdade, pero non era esa palabra ben vista naqueles días de ditadura e senrazón, polo que, non se sabe se inocente ou retranqueiro, propuxo que na folla de inscripción e no bautizo constara a outra palabra que axudaba a vivir nos días grises: Esperanza.

Os amigos da gamela de Cabo de Cruz, herdeiros da vella Esperanza, construiron unha replica, esa da imaxe, á que puxeron Esperanza e Liberdade.

Cartel

Consérvase unha fotografía na que se observa a Francisco Outeiral navegando a súa Esperanza. Esa é a imaxe que forma parte do cartel do Encontro, en arranxo fotográfico feito por Maribel Longueira. É breve a escuma causada nas ondas pola proa e leve o ronsel, que o navegar da gamela semella unha caricia. Vai el no barco de proa, gobernando o leme co aceno dos grandes pilotos do mar dos que fala a literatura. Quizais os aires teñen con el a mesma consideración que con San Patricio, preguntándolle con cal deles quere encher hoxe a súa vela, ou acaso aquí, neste mar, non é necesaria tanta consideración, que estos ventos, que levaron ata Padrón a barca de pedra, saben a cal deles prefire cada pau e cada vela.

Advertisement