MIGUELANXO PRADO

A miña alegría é de hoxe, aínda que a nova é de onte, o Premio Nacional de Cómic para Miguelanxo Prado, polo libro Ardalén.

Ardalén, un vento con recendo de mar, deixounos este outono a ledicia de dous galegos recibindo o Premio Nacional, primeiro Manuel Álvarez Torneiro en poesía, agora Miguelanxo. Eu sinto unha emoción especial polo cariño que me une a ambos.

Coñecín a Miguelanxo hai unha morea de anos, cando o convidei a participar nun ciclo de encontros entre creadores e público, de maneira particular, lectores. Eu estaba, daquela, na xunta directiva da Asociación Cultural O Facho. O encontro con Miguelanxo foi o que máis interese suscitou e o que máis público tivo. Desenvolveuse nun CGAI que abrira pouco antes. Aquel día Miguelanxo contoume que o principal nunha historia de banda deseñada non era o que aparecía nas viñetas, senón o espazo en branco entre elas, aquilo que o autor non debuxaba, o que tiña que imaxinar o lector, pero claro, sempre levado pola man do debuxante, velaí a dificultade, contar sen dicir.

Tempo despois, compartimos mesa, con outros amigos, nunha carpa ateigada de público, na Semana Negra de Gijón, falando do Prestige, sería o ano 2003.

Cando a Asociación Cultural Canle de Lira organizaba as Xornadas de Cultura Tradicional en Carnota, Miguelanxo veu a presentarnos de De Profundis, o film de animación que creou xunto con Nani García, quen compuxo a música.

Ardalén é un libro especial, todas as súas historias o son, dende aquel Trazo de tiza, o primeiro libro que eu lin del. En Ardalén, as baleas voan sobre os bosques, coma o vento do mar, e cantan. Comparto con Miguelanxo a certeza de que somos, individual e colectivamente, o que lembramos, aínda que a min, ultimamente, me dea por dicir que tamén somos o que esquecemos.

Orgulloso e emocionado, gustaríame compartir hoxe a miña alegría con todos os que seguides con frecuencia ou ocasionalmente este blog. Por eles, por Manuel e por Miguelanxo, quixera propoñer un brinde, aínda que sexa virtual. Tamén vos deixo o tráiler da película.

CANLE NIUS EN LIRA

No ano 2006 cumpríanse os corenta anos do naufraxio do buque Ariete nas costas de Lira. Aquel ano, as Xornadas de cultura tradicional, organizadas pola Asociación Cultural Canle de Lira, estiveron dedicadas ás navegacións. Foron as penúltimas.

Para o Canle Nius daquel ano, presentado por Belen Campos ou da Cregha, Miguel de Lira e Xaquín Maceiras, gravamos este vídeo, dirixido por Enrique Otero. Hoxe, día 21 de xuño, primeiro día do verán, para recordar aquelas datas festivas e felices, sete anos despois, vai para todos, co desexo dun sorriso.