ISLANDIA, O REINO DE THULE

Aproveitando a visita de Stela e Níels, amigos islandeses que andan estes días por aquí, aprendendo cousas do noso xeito de ser e, tamén, familiarizándose coa lingua, deume por lembrar a viaxe que aló fixen no ano 2010, xunto con outros compañeiros participantes no proxecto europeo Fishernet e, tamén, procurar cousas sobre a cultura e o xeito de ser dese país tan singular, único, podería dicir. Durante a viaxe vivimos a experiencia dunha travesía, a bordo do barco Haukur, unha fermosa embarcación de madeira, con posibilidade de navegar a vela ou a motor, cruzando a liña do círculo polar, indo de Siglufjordur a Husavik, nun dos días nos que máis frío pasei na miña vida, malia vestir o traxe especial que nos deron. Durante as horas de navegación procuramos baleas, pero non vimos ningunha, que para todo hai días.

Velaquí un grupo de galegos navegando no Haukur e vencidos polo frío logo de varias horas de travesía e malia levar postos os traxes térmicos.

Seguindo unha indicación de Juan Martínez Casanueva -o fillo do alférez que na novela A noite branca recita versos de Rubén Darío baixo a presión da artillaría rusa- cheguei á película documental “Heima” (Na casa), do director Dean Deblois , que narra con imaxes moi suxestivas, unha xira de concertos por Islandia do grupo Sigur Ros. Trátase dunha visión particular do que sucede máis alá, ou da outra beira do evidente, na trasteira dos escenarios dos concertos e, ao tempo, ofrece unha perspectiva suxerente das xentes e das paisaxes do país de Thule, aquel co que soñabamos cando nenos, mentres liamos as aventuras do Capitán Trueno, por ser de alá a súa amada Sigrid. A banda sonora do film é, como non podía ser doutro xeito, de Sigur Ros. Isto que vai aquí é o trailer, pero en You Tube pódese ver a película completa.