OUTRA VEZ RICHARD FARIÑA

Quizais algún dos primeiros lectores deste blog, lembre unha entrada do 13 de maio de 2013, na que refería o que me contaba Tacho, a propósito de Richard Fariña, o cantante que axudou a debutar a Bob Dylan e que foi cuñado de Joan Baez, por estar casado coa súa irmá Mimi.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/?s=Richard+Fari%C3%B1a&submit=Buscar

É Tacho de novo quen atopou este enlace cun artigo do xornal La Opinión. Nel queda clara a galeguidade de Fariña e tamén unha parte importante da súa biografía, con esa referencia final a unha Galicia idílica que non sabemos se visitou. Fáltanos por saber iso e a orixe do pai.

http://www.laopinioncoruna.es/cultura/2010/03/28/padrino-gallego-dylan/370598.html

Aquí deixo esta outra interpretación de Mimi e Richard, neste caso Pack Up Your Sorrows,  que soa así de nostálxico.

BOB DYLAN E DIANA KRALL

Levo días tentando publicar este artigo, pero non era quen. Algo mudou no xeito de publicar vídeos. A ver se vai desta, agora que aprendín de novo, porque dende finais de xaneiro, é a terceira vez que o escribo.

Quería falar de dúas novidades discográficas ben interesantes, que foron noticia a semana pasada. Os novos discos de Bob Dylan e de Diana Krall, tan vinculados entre eles, aínda que en principio non o pareza.

Bob Dylan rende homenaxe a Frank Sinatra neste Shadows in the Night, do que o meu amigo Antonio García Teijeiro, no seu blog Versos e Aloumiños, escribiu: “Paréceme un proxecto interesante. Frank Sinatra é un dos artistas máis significativos do século XX. Un descoñecido para a maioría, que só queda nas súas posibles relacións coa mafia, coa súa fermosa voz e coas interpretacións de “My way” ou “Strangers in the night”. Moitos descoñecen os seus magníficos discos de jazz, nos que cantou cos máis grandes instrumentistas do xénero. E, agora, Bob Dylan descobre algúns temas interpretados polo crooner por excelencia e dá unha volta máis no seu repertorio musical incluíndoos nun disco.  Para min, un verdadeiro pracer. Escoitei xa dúas das dez cancións: “Full Moon & Empty Arms” e “Stay With Me”. Gustáronme. É outro Dylan. Aplaudo a iniciativa dylaniana. Un xiro puntual, un descanso no seu labor compositivo, un reto encantador.”

Non teño moito máis que engadir, porque coincido con todo o que el di. Velaí queda este Full Moon And Empty Arms, que forma parte do disco:

Diana Krall, cantante, pianista e compositora, é a música de jazz de máis prestixio na actualidade, a quen sigo dende hai anos. Os seus discos fanme moita compañía nas viaxes solitarias que fago ao longo do ano, dun punto a outro da xeografía do país. Ten un “Bésame mucho”, cantado en español con acento canadiano, ben curioso.

O novo disco titúlase Wallflowers e recolle cancións dos anos 60, que forman parte da nosa educación sentimental. Temas de The Mamas and the Papas, Eagles, Elton John ou un inédito de Paul McCartney titulado “If I take you home tonight”, forman parte do disco, no que destaca a canción que lle dá o título, “Wallflowers”, composta por Bob Dylan en 1971. En 1973 gravouna Dough Sahm, con Dylan formando parte dos coros. El non a incluiría no seu repertorio ata 20 anos despois.