JOSÉ LUIS RABUÑAL PATIÑO

Esta fin de semana, participei no “I Congreso de escritores: Río Anllós e Dolmen de Dombate, Territorio literario 2016”, no concello de Cabana de Bergantiños, congreso organizado pola poeta Branca Vilela e o editor Basilio Rodríguez Cañada. Compartín recitais e conversas con moitos amigos e compañeiros, de aquí e chegados de fóra, pero a emoción maior, no meu caso, o agasallo do sábado e do mes, foi coñecer a José Luis Rabuñal Patiño.

José Luis Rabuñal é, para min, unha referencia case mítica. Escoitei falar moitas veces del, das súas observacións ornitolóxicas, da súa xenerosidade, pero nunca tivera ocasión de coñecelo. O sábado pola tarde el guiou unha breve excursión de congresistas á Barra do Anllós, vista dende a parte de Cabana, á beira do observatorio de aves que leva o seu nome.

Lembroume as figuras de Luis Freire ou Luis Monteagudo, sabio coma eles e, coma eles, xeneroso en compartir todo o seu coñecemento. Penso que non fun o único que quedei prendido ao seu saber, ás súas palabras. Preocupado pola posibilidade de chuvascos, acudiu á cita cunha colección de paraugas que ofrecer nun por se acaso. Tamén repartiu un folleto escrito por el, sobre a observación de paxaros nese espacio.

Jose Luis Rabuñal Patiño

Antonio Sandoval Rey, no libro ¿Para qué sirven las aves?, escribe:

[…] En la orilla opuesta a esta se eleva el Observatorio de aves José Luis Rabuñal Patiño, un pequeño edificio de madera inaugurado en 2007 por el Ayuntamiento de Cabana de Bergantiños. Lleva el nombre de la persona que más ha trabajado por conocer, proteger y divulgar la avifauna de este espacio. José Luis siempre está disponible para guiar excursiones ornitológicas con escolares o vecinos, charlar animadamente con cualquiera que se le acerque o atender a la prensa. Es un conversador entusiasta, con una rica memoria aderezada de buen humor. Pero las más apasionadas de sus tertulias, me consta, son las que comparte con las aves y la naturaleza de esta costa. Diálogos mantenidos durante lentos amaneceres y largas mañanas en la más primigenia de las lenguas, la que nos viene hablando desde siempre y no precisa más que de nuestros sentidos para ser silenciosamente articulada. Cada vez que tengo ocasión, y con mucha menos frecuencia de lo que desearía, le llamo para tomar un café y charlar. Entonces solemos acabar metiéndonos en filosóficos jardines por senderos que no he transitado con ningún otro ornitólogo, y con muy pocas otras personas. Él es el guía. Lleva viniendo aquí desde hace treinta y tres años. Empezó a estudiar sistemáticamente este estuario el 16 de agosto de 1979. Desde entonces ha completado más de tres mil seiscientas visitas, ha cubierto un buen montón de miles de quilómetros a pie por estos fangales y arenales, y ha detectado trescientas cinco especies y subespecies de aves diferentes […]

HORACIO FERRER

A primeira vez que viaxamos a Bos Aires, fomos escoitar tangos. Escollemos La esquina Homero Manzi por dúas razóns, unha porque era o que nos recomendaban no Hotel Diplomat, nosa segunda casa, e a outra porque eu coñecía a Manzi como poeta. As primeiras cousas del que lera foran na revista Correo Literario, dirixida por Luís Seoane, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado. Ese local, no corazón de Boedo, é a memoria de Homero, con fotos, letras del polas paredes, e un espirito que non advertín noutros locais aos que fun, agás algún boliche, claro, pero os boliches son outra categoría e outro ambiente. Volvín moitas veces a esa esquina de Manzi. Alí ofrecen espectáculo con cea e sorpresas. A cea non é cousa doutro mundo, pero en ocasións, xa finalizado o show, segue a música con algún grupo que xa só toca e interpreta, sen baile, sen coreografías. Nunha das formacións que alí vimos e escoitamos unha noite, xa case sen público, que todo o mundo marcha cando remata o show, tocaba o fillo de Luis Sandrini, o actor de cine do que tanto me falaba meu pai.

Aquela vez primeira da primeira vez, o espectáculo iniciouse cun tango para min descoñecido, pero que me emocionou: Ya  sé que estoy piantao, piantao, piantao, no ves que va la luna, rodando por Callao… Así descubrín eu a Horacio Ferrer, un do grandes. Ese tango titúlase Balada para un loco. 

Horacio Ferrer faleceu antonte. Cantas perdas nestes dous meses: Aurora Bernárdez, Paco Porrúa, Horacio antonte, onte mesmo Joe Cocker…

Eva Veiga ten un fermosísimo poema, que é tango, que algunha vez recitamos xuntos, pero que o domingo, no recital no que participamos a prol da Cociña Económica da Coruña, organizado no Pub Garufa por Branca Vilela, coa axuda de Maribel Longueira, Eva e Nani García, ofreceron unha interpretación poético musical que só podería cualificar como sublime. Creo que non hai gravación desa improvisación, pero penso que sempre nos quedará ese momento na memoria. Eran dous creadores, dous xenios no escenario, deixándose levar pola intuición, polos sentidos, pola enerxía que flúe e se transmite. Queda tamén, desa noite, esta fotografía, de Xacobe Meléndrez, na que estamos todos os participantes:

GarufaEste é o poema de Eva:

(lembrando os paxaros de Horacio Ferrer)
ai estes son os meus merlos
e hai que ver como chían
é o aire en cristais en áscuas
de mortal melancolía
e eu bebo a sorte desa copa
que afoga no escuro labirinto
dos teus ollos dos teus ollos
transparentes
abraiados insurxentes
sen autocompaixón
despenados nas correntes
que arrastra o corazón
os meus merlos cantan atan un tango
con bágoas e soños de alta tensión
ao seu traxe de azul roto
desolado
que lle quiten o bailado
anzol na punta da dor
parsimonia deste amor
furacando o seu buraco
polo espazo excéntrico e sideral
en celo astronáutico extraviados
os meus merlos de tenrura
aruñando
as súas unllas e o seu pan
o parqué incandescente
abismado trascendente
dunha ausencia diagonal
porque só o desexo vive así
morrendo por volver a aquel instante
onde unha vez se foi feliz
transparente

E como despedida, vai esta versión de Balada para un loco, con tres grandes: Horacio Ferrer, Astor Piazzola e Roberto Goyeneche (Paco Lores sempre di que o tango é o Polaco Goyeneche)

Non me deixa subir o vídeo, nin ese, nin o que recomenda Eustaquio, na versión de Amelita Baltar, así que se queredes, podedes buscalos en YouTube.