AZORES E O CRISTO DOS MILAGROS

Lin o venres no The New York Times, que cada ano, miles de cidadáns norteamericanos (canadianos e estadounidenses), viaxan á illa azorina de Ponta Delgada, para celebrar o Cristo dos Milagres, de moita devoción no arquipélago. O día da festa coincide coa celebración do Corpus.

Procesión Azores

Calcúlase que un millón de norteamericanos descenden de emigrantes procedentes das Azores. Foron varias as ondas de emigración dende as illas a América. Unha das primeiras foi a que levou a mariñeiros e arponeiros, especializados na caza do cachalote, ata a illa de Nantucket, en Massachusetts. Dende o seu porto saíu o Pequod, o barco de Akab e de Ismael, que percorre tres océanos perseguindo a Moby Dick. Melville conta na novela que varios mariñerios eran de Azores, terra propicia para os baleeiros, di. Tamén fala que enrolados no Peqod ían mariñeiros españois, que eu imaxino vascos ou galegos, ou vascos e galegos, que eran os que mellor dominaban a técnica da caza na península e os que levaban séculos facéndoo.

A pesca do cachalote foi o motor económico inicial da economía dos Estados Unidos, o antecedente do imperio, e tiña que ver, coma hoxe, coa enerxía. Foron os habitantes de New Beford e de Nantucket os que decidiron cambiar a caza da balea pola do cachalote, xa que este posuía un elemento cun poder lumínico extraordinario, o espermaceti, do que carecía a balea. O espermaceti é sa masas graxa que o cachalote ten nunha cámara enorme situada na cabeza e que lle permite descender a profundidades abisais, no exercicio que fai de compresión e descompresión.

Pero esta caza era perigosa e, sobre todo, debía realizarse en mar aberto, que os cachalotes non costean tanto como as baleas. Ademais o cachalote ten boca con dentes, é un odontoceto, polo que tiña dúas armas de defensa, boca e cola; non como a balea que só se defendía, e mal, coa cola, xa que sendo un misticeto en lugar de dentes, ten barbas.

cachalote

Outra característica do cachalote era que, ao se sentir ferido, fuxía cara as profundidades onde só el, o calamar xigante e outros seres aínda descoñecidos para nós poden chegar, lugares inalcanzables para a balea e aos que aínda hoxe non chegou o home. Todo isto supuxo unha revolución económica, de técnicas de navegación, de construción de barcos e chalanas, de procesado do espermaceti, que deu como consecuencia un imperio económico que alumeou todas as cidades de Europa, dende Lisboa a San Petersburgo, ata que a graxa foi substituida polo petróleo e logo pola enerxía eléctrica.

Quizais pensaban nisto algúns dos azorinos americanos que onte acompañaron a imaxe do Cristo polas rúas estreitas de Ponta Delgada, algúns, se cadra, descendentes dos mariñeiros cos que navegou Herman Melville.

(A fotografía da procesión, procede da información publicada polo The New York Times. A do cachalote de internet)

 

 

Advertisement

CACHALOTE E ÁMBAR GRIS

Meu amigo Xosé Manuel envíame estas dúas páxinas coa crónica da varada dun cachalote en Esteiro de Lugo. A crónica, escrita por un mestre chamado Chemi Lombardero, ten a súa miga e o que máis me chama a atención é a cobiza final polo ámbar gris, ese tesouro producido polo estómago dos cachalotes, pero non de todos, só daqueles que se alimentan de luras xigantes, como esa que hai pouco conseguiron filmar xaponeses e americanos.

Ámbar gris anacos

Mostras de ámbar gris

A lura xigante vive no fondo abisal, onde só o cachalote pode descender, grazas á materia graxa que conforma a súa cabeza, de tanta potencia luminosas, coñecida como esperma e que tamén aparece no artigo. Vencido e devorado a lura, as súas partes duras non poden ser dixeridas polo estómago do cetáceo, revestíndoas dunha materia viscosa coa que as envolve. Esta materia, en contacto coa auga e co aire, endurece. O ámbar gris, coñecido dende antigo, foi esencial para a perfumería de luxo. O paradoxo é que sendo un dos elementos máis nauseabundos da natureza, ten a propiedade de fixar os recendos todos, transformándose así en esencia, símbolo de elegancia e de voluptuosidade.

Vai a crónica de Chemi Lombardero Rico.

Cachalote en Esteiro.1Cachalote en Esteiro.2