Foi o venres pola tarde en Camelle. Por fin o esforzo de tantos deu froito e unha parte da obra de Man xa está exposta e a disposición da xente de Camelle e dos visitantes que, se xa ían por alí, sen máis que ver que a desfeita do que foi, agora teñen un alicente máis e este, positivo.
O alcalde de Camariñas, Manuel Valenciano, coñecido popularmente como Pichurri, contou que el coñeceu ao Man de traxe, o primeiro que chegou a ese lugar extremo, antes de se despoxar de todo, de se converter en crebeiro, e de facer do seu corpo un elemento máis do Land Art que practicou. Agradeceu, sobre todo, a constancia de Antón Sobral, que ano tras ano, cada 28 de decembro, foi quen de manter vivo o espírito do Alemán e, por suposto, o agradecemento para Carmen Hermo, alma deste proxecto e todo o equipo que xuntou arredor: Jesús Calvo, Víctor Hermo e Andrea Serodio, quen catalogou todo o material. Carmen agradeceu, tamén, a implicación do concelleiro Juan Carlos Canosa.
O primeiro paso está dado. A memoria de Man, máis alá das pegadas do seu corpo sobre o formigón do espolón, perdura. Faltan cousas por facer, porque Man foi constante na súa interacción artística co medio e son moitas as posibilidades de aumentar o patrimonio a partir do seu legado, pero nada sería posible sen esta primeira acción que abriu as portas o venres e que nos pon en relación con el.
Nas vitrinas, de deseño fantástico, que aproveitan ao extremo o pouco espazo dispoñible, podemos observar: cadernos dos que nos daba aos visitantes para que lle debuxaramos unha forma; tamén os de artista nos que el traballaba os seus deseños; están os libros que lía, coas súa anotacións; as botellas de plástico que quentaba e estiraba para xogar coas formas e logo decoralas; as ousamentas animais que atopaba e sobre as que tamén actuaba; fotografías, obxectos personais, autorretratos… e un vídeo formidable, en 3D, que amosa o que foi o seu xardín e a caseta onde vivía.
Grazas a Antón, a Carmen, e a todos os que con eles colaboraron e, tamén, a Juan Carlos e Pichurri, por crer neste proxecto.
(Pido perdón polas imaxes, malas a rabiar. Son miñas, obtidas co móbil).
En Camelle de novo, convocados por Antón Sobral, para unha nova experiencia de Arte e natureza, alí, nese espazo onde Man interpretou mellor que ninguén a relación que existe entre a natureza e a creación artística, entre o ser humano e o medio que habita, relación de vida e de morte que el levou ao extremo, nos dous casos.
A min tocoume falar das crebas, cousa que fago contento, sempre que me deixan. A proposta era, na medida do posible, traballar con elas, co azaroso que ofrece o mar. A charla foi o sábado pola mañá. Logo veu o xantar colectivo e a música. Sorprendeume Antón, collendo a guitarra e lanzándose a cantar, coma gaucho. Tamén cantou Marta Quintana. Logo, acudimos todos á praia das Lobeiras, en Arou, onde cada quen soñou e construíu algo que, sendo fermoso, tamén era efémero e sen por que, como a rosa e, ao tempo, respectuoso co medio. No móbil recollín algunha das intervencións, non todas e é mágoa, porque fixeron cousas marabillosas Marta Calvo, a máis nova do grupo; Jorge Valenciano; Cristina Ferrández ou David Herguedas, os dous chegados de Asturias, que nos contaron dunha exposición que preparan en Xixón e que se inaugura o mes que vén, sobre os depósitos de escoira que Endesa depositou durante décadas no Cabo Negro, coa conseguinte transformación da paisaxe e desaparición da vida.
Velaí algunha das cousas que fotografei. Esta primeira é a peza de Isabel Alonso,
Aquí Soledad Pite traballa concentrada na súa obra: tinxir de cor a corda crebeira, conseguir logo un negativo da impresión e, posteriormente trasladar o resultado a unha acuarela que, sobre o papel, evocará unha paisaxe,
Sutil e evocadora, esta liña de Delia Vilavedra
Marga Santiago xogou cos elementos minúsculos que atopou, primeiro xuntándoos, logo individualizándoos. A min, este xardín gustoume moito,
Fantástico este viraventos de Rafael Vázquez, que funcionaba moi ben co norte da tarde,
Evocando o espírito de Man, tiven ocasión de me bañar, o sábado pola tarde e o domingo pola mañá. O domingo, dende a auga vin pasar a ringleira de camiñantes que acudiron á chamada da organización da Ruta dos Faros, en etapa que, nacendo en Arou, chegaba a Camariñas: Areal do Trece, Cemiterio dos Ingleses, Cabo Vilán. Vintecatro quilómetros para os centos de persoas que se deron cita, e camiñar por un dos espazos litorais máis fermosos do país. Entre os convocados, o noso fillo Daniel e Inés.
O peirao de Camelle, máis alá do que fora xardín marítimo de Man, onde os enormes bloques desafían o océano, debe ser lugar escollido para ceibar cinzas, ben por decisión dos finados ou dos familiares. No formigón quedan as placas metálicas que lembran que a memoria dos seres queridos, nomes que se acompañan de versos e parágrafos de libros.
Tivemos dificultades para sobrevivir nunha cadeira de rodas, que Maribel está impedida dun pé, por operación recente. Beirarrúas imposibles, feridas no pavimento, ascensores que non funcionan. Durmimos, finalmente na Hospedaxe La Fe, xa en Ponte do Porto, con cuarto accesible en anexo ao edificio principal. Ademais, había bastante ocupación pola convocatoria dos faros e no almorzo catamos o biscoito caseiro No inicio do camiño de acceso ao cuarto anexo, florecía a ruda. Levaba moito tempo sen vela e non sei se algunha vez, antes de agora, repararía nela con flor.
Foi unha alegría atopar tanta xente querida e coñecer a outra, coa riqueza que iso supón. A todas e a todos estou moi agradecido porque entre todos axudaron a que Maribel participase do encontro e todos lle deron cariño, velaí a relación: Antón Sobral, Xesús Franco, Carme Hermo, Jesús Calvo, Isabel Alonso, Jorge García Valenciano, Eduardo Méndez, Berta Peláez, Olga Prieto, Marta Quintana, Marina Ramón, Alejandra Sampedro, Marga Santiago, Andrés Serodio, Mar Tajes, Francisco Tajes, Delia Vilavedra, Cristina Ferrández, Marisol Pite e Pedro Ávila, Rafael Vázquez e David Herguedas e Andrea, que tanto nos mimou.
Por certo, Francisco Tajes, veciño de Camelle e que nos acompañou cada día nos actos que se desenvolveron no museo de Man, contoume cal é a variante para se referir as crebas nese litoral: “crebantes”. Tamén nos sorprendeu a todos coa súa experiencia. Chamoume a atención o que nos dixo de que cando un corpo se perde no mar, os dos homes afunden e os das mulleres non e que, en calquera caso, un corpo humano aboia a partir do noveno día. Experiencia dun lobo de mar que eu non vou discutir.
O 17, ao mediodía, celebrando as Letras, rematamos cun recital con versos de Antón Sobral, Xesús Franco, Manuel Rivas, Eva Veiga, Luisa Villalta e algún meu. Manolo, Eva e Luisa non estaban connosco, pero os seus versos crebeiros, si.
Remato con Marta Quintana. A Camelle veu sen arpa, que é o seu instrumento. Aquí deixo esta fermosa mostra do seu traballo: