Hai poucos días regresou de Chile o meu amigo Lino Lema. Non era a primeira vez que viaxaba a ese país e, como na anterior, tivo ocasión de percorrer unha parte importante do longo litoral aberto ao océano Pacífico. Xa coñecía a casa de Pablo Neruda de Isla Negra e agora tivo ocasión de visitar a de Valparaíso, curiosa costrución que medra cara arriba, dende unha superficie de planta ben cativa.
Chegou cun agasallo mercado precisamente alí, o libro Maremoto de Pablo Neruda, que eu non coñecía. Publicado por primeira vez no ano 1970, nunha tirade de 110 exemplares, non era
este título coñecido nin que figurase na bibliografía do autor ata que en 1991, a editorial Pehuén e a Fundación que mantén viva a palabra e a obra do autor do Canto General, asumiron publicar unha nova edición en castelán, esta de 4.000 exemplares e, simultaneamente, unha edición en alemán, pola editorial Da Verlag Das Anderes, de Nürenberg.
O libro naceu da contemplación, por parte de Neruda, dunha colección de xilografías da artista sueca Carin Oldfelt Hjertonsson, que esta edición incorpora. As xilografías representan seres mariños: argazos, ourizos, estrelas, cunchas, langostino, buguina, foca, anémona, golfiño de bronce, polbos, sol de mar, albacoras, a peixaría, amais dos picorocos, que non sei moi ben que son e a jaiva, que, a partir dos versos, intúo como unha sorte de cangrexos.
A cada ilustración dedica Neruda un poema, abrindo e pechando o libro con outros dous que o enmarcan: Maremoto e Adios a los productos del mar. Hai un ton no libro que a min me fai pensar en Bernardino Graña. Tanto Neruda, como Bernardino, son dúas voces principais da poesía do mar. Eu aprecio neste Maremoto, ecos de Profecía do mar, o libro de Bernardino publicado por primeira vez no ano 1966.
Non creo que Neruda lese o libro de Bernardino, pero iso non importa. Sucede, ás veces, que dous escritores escriben libros de rexistros próximos en momentos case contemporáneos e en lugares afastados, sen saber nada o un do outro.
Comparto aquí o último poema do libro de Neruda: Adios a los productos del mar, e o poema de Bernardino Febre no mar. Pouco en común atoparedes, pero si intúo eu, como xa dixen, nos dous libros, un eco que os fai próximos, non no tema que tratan, o mar nos dous casos, senón no xeito de tratalo.
Volved, volved al mar Os carromeiros mestos