Coñecín a Carolina Zamudio en Nova York, no mes de outubro de 2014. Os dous acudimos a participar no festival de poesía organizado pola editorial Artepoética press, coa colaboración de varias entidades, entre outras: o Instituto Cervantes, a Casa Museo de Walt Whitman ou o Center for Worker Education. No recital que abriu o recital, no auditorio do Center for Worker Education, escoitei recitar a Carolina por primeira vez. Leu ela poemas do seu libro La oscuridad de lo que brilla. Escoitándoa tiven a sensación de que había algo neses versos que tiña relación co meu Bater de sombras, por iso, rematado o recital, achegueime a ela e comenteillo. Ese encontro foi o inicio dunha fermosa amizade.
Ela, arxentina de orixe, vive en Barranquilla, Colombia, con Gustavo e as fillas de ambas, Rocío e Delfina. Na súa casa acolléronme cando viaxei, en xullo do ano pasado, a participar no festival POEMARÍO. Natural do estado de Corrientes, nos últimos anos viviu en tres continentes: Asia, Europa e, de novo, América. Esa experiencia de xeografías e culturas afastadas e diversas, vai deixando un pouso enriquecedor na experiencia da vida e, tamén, no seu dicir poético.
Cando nos coñecimos, Carolina publicara o libro Seguir al viento. Este outono, Carlos Aguasaco, na súa editorial Artepóetica press, publicou, en edición bilingüe, aquel La oscuridad de lo que brilla, que xa, dende o título, nos predispón a asistir a unha iluminación, a luz da sombra, a pescuda nos ángulos de nós tantas veces invisibles. A xeito de presentación, elaborouse este vídeo, no que os versos, na súa voz, conxugan coas imaxes fermosas e coa música de Shubert.
A partir dos textos de Carolina, o tamén arxentino Jorge Paolantonio, narrador e poeta, confeccionou unha plaquette co título Teoría sobre la belleza y otros poemas, cuberta que pode verse no centro da composición fotográfica que segue, aínda que resulta difícil ler o título:
Tiven o privilexio de ser lector de La oscuridad de lo que brilla cando era borrador. Algunha suxestión fíxenlle a Carolina, pero o libro estaba maduro e feito. Esta é unha mostra da súa obra: