GABO E ELENA

Onte pola tarde, tomando un café co meu amigo Pepe Fernández Ferreiro, falamos moito de Gabriel García Márquez. Anda arrefriado. Cousa do sol de Ourense, o sábado 12, día no que recibiu homenaxe, xunto co resto dos membros que restan do grupo Brais Pinto, todos agás Ferrín, que non acudiu. Por certo, Brais Pinto non é un grupo musical, que foi o que dixo o xornal La Región.

Pepe é da opinión de que a mellor novela de Gabo (el dille así), vén sendo Crónica dunha morte anunciada, pero que Cien años de soledad é algo que está máis alá do común, un monumento, un universo inabarcable. Onte, tamén, Elena Poniatowska recollía o premio Cervantes, cun discurso sobre os amigos escritores perdidos ultimamente, o que lle valeu para falar dos desposuídos de México e de América en xeral, en particular das mulleres.

Cada día recibo correos dunha sorte de axencia de información libre que funciona na rede, con novas sobre México, chamada Mexileaks. Sempre ofrece perspectivas interesantes sobre o que sucede alá. As persoas que escriben manteñen unha actitude valorosa e firme contra a corrupción e o narcotráfico. O outro día, nunha información sobre intelectuais orgánicos, viña esta foto que aproveito para ilustrar esta entrada. Non sei Gabo, pero non considero a Elena nin a Monsivais intelectuais orgánicos, dende ningún punto de vista, senón todo o contrario.

Sei que no grupo hai políticos e xente do xornalismo e do teatro que eu non coñezo. Só identifico a Elena de pé no centro, a Monsivais, na esquina esquerda e a Gabriel García Márquez, do outro lado no sofá. Eu dinlle a man unha vez, en Guadalajara e ceei nun restaurante, nunha mesa á beira da que el compartía cun grupo de amigos. Tamén tiven a fortuna de estar naquela feira na que el mantivo un diálogo con Álvaro Mutis, aínda que aquel día o diálogo case non existiu, xa que os dous confesaron a amizade que se tiñan e que entre eles non había nada que discutir. García Márquez sempre dixo que el foi a México, a visitar por unha semana ao seu amigo Mutis, alí exiliado, e en México quedou xa para sempre.

A propósito de García Márquez tiven que falar na radio o outro día. Lembrei o que me contou a min Paco Porrúa, de como chegou a el o nome do escritor colombiano, como o buscou e como recibiu o orixinal de Cien años de soledad. Dicir que Paco Porrúa, nacido en Corcubión, foi sempre un editor exemplar.

O que non contei na radio foi o esforzo que debín facer para vencer a tentación de mal emular o xeito de escribir de García Márquez. Do esforzo por borralo sobrevive o inicio da miña primeira novela, O bosque das antas, na que quixen xogar cun deses principios tan marabillosos cos que el nos agasallaba. Como en Cien años de soledad eu pretendín arrincar a historia proxectando a novela nos tres tempos narrativos. Non sei se o conseguín: Levaba moito tempo agardando aquel intre. Que para min tiña dinamismo, viña do pasado, fincábase no presente e abría a porta a acción que se iniciaba. En fin.

JOSÉ EMILIO PACHECO E PETE SEEGER

Semán de perdas. Fóronse dous heroes, dous corpos que axudaban a facer máis resistente o ser colectivo, dous sorrisos, dúas voces que nos insuflaban ánimo e expresaban o sentimento común dos seus, dos nosos, dos que loitan e sofren cada día.

Coñecín e quixen a José Emilio Pacheco en México. Con el falei do poema como expresión do sentimento colectivo, a propósito de Miro la tierra, ese libro no que puxo voz ao sufrimento dos que padeceron o terremoto que asolou México en 1985. El, Carlos Monsiváis, Elena Poniatowska e tantos outros, denunciaron a corrupción previa e posterior que contribuíu e potenciou a catástrofe. O outro día Elena suspendeu o acto de entrega da medalla de Bellas Artes, como testemuña de loito pola perda do amigo.

Con Pacheco vivín unha experiencia marabillosa. Grupos de adolescentes camiñando detrás del polos corredores da feira de Guadalajara, sentándose na moqueta facéndolle roda mentres asinaba libros, pedíndolle que lles recitase versos, chamándolle mestre. Aquí en Galicia recibiu homenaxe do Pen Club, se non lembro mal, no ano 2006. Quero compartir aquí este poema breve seu, un deses poemas que nos axudan a seguir:

CONTRAELEGÍA

Mi único tema es lo que ya no está.
Sólo parezco hablar de lo perdido.
Mi punzante estribillo es nunca más.
Y sin embargo amo este cambio perpetuo
este variar segundo tras segundo,
porque sin él lo que llamamos vida
sería de piedra.

Nas cancións de Pete Seeger aprendemos o valor da liberdade, da resistencia, da pertenza a un ser común que soña un vivir solidario, outro mundo posible, o significado de palabras como xustiza e valor, e tamén a alegría.  Non lembraba eu esa viaxe a España da que estes días falou e escribiu Raimon, realizada durante a ditadura, visita feita por militancia, por crer que a música, a palabra, o concepto de cultura que el representaba, podía axudar na loita colectiva por ser libres. Aquí canta Worried Man Blues, con outra voz querida Johny Cash:

  

CARLOS MONSIVÁIS E ELENA PONIATOWSKA

En case todas as entrevistas concedidas onte, tras saber da concesión do premio Cervantes, Elena Poniatowska lembra ao seu amigo Carlos Monsiváis e recoñece o moito que o bota en falta. Compañeiro e amigo íntimo dende que se coñeceron en 1957, a súa foi a amizade intelixente de dúas persoas críticas coa realidade do país no que viven e ao que aman ata a dor.

Eu souben de Monsiváis a primeira vez que fun á Feira de Guadalajara, no ano 2006. Naquela edición fóralle concedido o Premio FIL, entregado no acto de inauguraciónda feira, correspondéndolle a el o discurso de apertura. Por aqueles días, finais de novembro, México vivía unha circunstancia especial, xa que, dalgún xeito, contaba con tres presidentes, Vicente Fox, que vivía os últimos días no cargo, Felipe Calderón que tomaría posesión o 1 de decembro e López Obrador, candidado da esquerda que denunciaba unha grande conspiración e fraude electoral que lle arrebatara un triunfo que se producira nas urnas e se autoproclamaba presidente. Carlos Monsiváis, unha das conciencias críticas de México, falou con ironía e intelixencia desa circunstancia histórica delirante, que xa se preguntaba el: para que escribir novelas, se a realidade de México é unha colección de novelas? Por iso, por novelar, el escribía crónicas.

Sorprendeume entón ver como os adolescentes perseguían polos corredores da feira a Carlos e a outro amigo, tamén premio Cervantes no ano 2009, chamándolles mestres e pedíndolles un autógrafo nalgún dos seus libros. Só para deixar constancia do que é a FIL de Guadalajara, dicir que aquel día, na mesa presidencial estaban sentados: Nadine Gordimer, Carlos Fuentes, Gabriel García Márquez, José Saramago, Carlos Monsiváis e José Emilio Pacheco. Ese ano a cultura convidada era Andalucía e na mesa, xunto coas autoridades mexicanas tamén estaban o Príncipe de Asturias e Chaves, daquela presidente andaluz.

O día 19 de xuño de 2010, Maribel e eu fomos testemuñas da preocupación de Elena pola vida de Monsiváis, que faleceu ese mesmo día, o seguinte ao pasamento de Saramago, de quen tamén falamos con Elena. Neste artigo que segue, breve crónica daquela viaxe mexicana, fálase diso. Publicado ao regreso en La Voz de Galicia, déixovolo con todo o cariño agora aquí.

                                 MÉXICO

-BREVE CRÓNICA DUNHA VIAXE A UNHA REALIDADE AFASTADA E PRÓXIMA-

Dende hai catorce anos, Zamora de Michoacán, en México, convértese no epicentro de algo absolutamente marabilloso. O encontro de decenas de poetas de máis dunha ducia de países, as súas voces e os seus versos, fan pensar que outro mundo é posible, que as palabras aínda teñen un valor orixinal e humano, que hai forzas invisibles cunha capacidade de transformación insospeitada, pero certa. Roberto Resendiz Carmona, que fai real esta miraxe, fala de encontro de poetas, non de poesía, xa que para el, a forza está nas persoas e a poesía, como elemento transformador, é consecuencia do traballo, creatividade e corazón do poeta, ese ser que nunca calará aínda que o linchen, di el, habitante dun estado tantas veces convulsionado pola violencia.

Para nós, México resulta un país próximo e afastado ao tempo. A música e o cine fixeron que todos levemos dentro algo del. Na capital, no DF como lle din alí, hai un centro galego con máis de 5000 socios familiares, propietario dun edificio fermoso no centro da colonia Roma e de instalacións recreativas fóra da cidade.

Emigración e exilio tamén aquí buscaron un destino. Hoxe, como o resto dos países hispanoamericanos, México celebra os douscentos anos da independencia e, no seu caso, o centenario da revolución. No colexio de San Ildefonso, fermoso edificio hoxe transformado en centro cultural con murais de Orozco, unha exposición analiza a relación do cine co proceso revolucionario e o xeito que tivo de contalo. É unha mostra singular, ben deseñada, con moita información, na que Galicia ten presencia propia a través da figura de Carlos Velo, director da película Pedro Páramo, con cartel anunciador que xa vemos exposto na primeira sala.

Na libraría El Péndulo da colonia Rosada, recitamos versos en compañía doutros poetas tamén participantes no encontro zamorano. Resoa nese ámbito o galego e, sobre todo, os versos de Luisa Villalta, a quen rendemos homenaxe e con quen proclamamos que a “amizade ten flor que rebenta nas paredes”.

Ábrenos a porta da súa casa Elena Poniatowska, quen recibira o pasado ano o premio de Escritora Galega Universal, que cada ano concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Con ela falamos de Compostela e de Fisterra, de José Saramago falecido o día anterior. Será ela quen nos informe da longa e penosa enfermidade de Carlos Monsiváis, o amigo, o irmán entrañable. Será ela quen primeiro se presentará na capela ardente do cronista de México, que falecerá a mesma tarde do noso encontro. Será ela quen fará a primeira quenda de loito e de dor na capela ardente instalada no Centro de Bellas Artes. Sentados no salón da súa casa, vemos como entran e saen do xardín os colibrís, un mundo de brillos semellante a esa manta coas cores do arco da vella que o músico Horacio Franco depositou sobre o cadaleito do escritor.

Monsiváis era a voz crítica de México. Inventor dun xeito particular de facer crónica, ollaba cada día a realidade do país cun xeito intelixente, transversal e lúcido de ver e de dicir, dun xeito que só permite o amor. A despedida dos seus restos transformouse nunha manifestación multitudinaria e espontánea de dor e de esperanza, na que se confundían os berros de: Viva Carlos Monsiváis! e Viva México! Na escaleira de Bellas Artes quedaban milleiros de rosas brancas que a xente procuraba. Na realidade diaria do país queda un baleiro difícil de encher porque, como recoñecía Elena, estrañarase ao Monsiváis humanista, ao de todos os días, pero tamén ao Monsiváis do gran sentido do humor.