Acompañounos estes días George Rodez, pintor norteamericano residente en Miami. O pasado mércores, día 3, na sala do museo Casares Quiroga da Coruña, inauguraba a súa exposición Síntomas del sueño. Estas son algunhas das reflexións a propósito da contemplación da súa obra:
Algunhas tribos indias das pradeiras, tensaban peles con cordas dentro dun marco, para reter e aprehender os soños. Así fai George Rodez cos seus lenzos. Porque os soños esvaecen, son cousa efémera, fráxiles, vulnerables como a rosa, corrómpense coa vixilia e cos anos. Os soños, tanto os da noite como os da vida, desaparecen e pérdense entre a brétema do esquecemento. Pasamos os años soñando unha vida e, cando espertamos, esta pasou e só resta ollar o pasado con nostalxia, comparando o vivido co que soñamos vivir e, malia isto, os soños nos afirman e definen. Álvaro Cunqueiro, dicía que o que nos diferenciaba das restantes especies animais do planeta era a capacidade de soñar. Dicíao el, que era un gran soñador de delicadas metáforas, de seres marabillosos, de viaxes fantásticas e de escondidos tesouros.
Rodez, nas súas pinturas e debuxos, trata de reter un universo onírico confuso e caótico, converténdoo en formas, exorcizando as sombras que axexan e intimidan ao lles dar corpo, ao facelas palpables e visibles.
O seu é un mundo complexo, cadros nos que a textura e a cor adquiren significado, liñas que son como una percusión batendo na consciencia. Labirinto de arañeiras hostís que tratan de reducirnos, de confinarnos, como lle sucede a ese Ícaro que xa non voa ceibe, que non pode exercer o seu albedrío diante o risco e a aventura, porque está atrapado nos cordeis dun cometa, na persistencia de ollos que perseguen e inmobilizan. Pantallas que profanan o íntimo, sexo amortallado, un irónico arlequín que move os imperceptibles fíos do azar, existencia inestable como a velocidade, a présa, un lance de xogo nese mar limitado, atrapado, tamén el na cobiza da cartografía do ouro e os arames, golpe de dados contra o que naufragan as mensaxes extraviadas na perfidia da sorte e do abismo.
Pero é necesario atrapar os soños, expresalos para esconxurar o mal facéndoo visible. Rodez, a través da súa pintura, proponnos buscar a protección das palabras, xogar con liberdade na mariola da vida e da morte, do ceo e da terra, da orixe e do destino.
Pintura viva, intensa, con ritmo musical, como una sintonía de abelorios. Luz e calor do Caribe onde o pintor vive, surrealismo expresionista con algo de grafitti, así son os seus cadros. Deses fíos invisibles pendura algunha dor de Frida. Hai nese xogo de atrapar, desentrañar, representar, unha proposta inocente e incandescente, a proposta de quen cre que o soño, os soños, axudan a recoñecer mellor as ameazas e os perigos, a trazar un horizonte como destino, a vivir outras vidas, porque eles son utopía e a esperanza, tal vez humilde como a do tango de Gardel, pero esperanza ao cabo, a certeza de que non hai máis ceo que este existir diario que habitamos.