Escríbeme o amigo Miro Villar para contarme, en relación co Museo do Castelo de San Carlos en Fisterra, que todo é peor do que eu dicía no artigo de onte. O Museo ou Centro de interpretación abre, pero sen Alexandre Nerium. O Castelo abriu as portas estes últimos veráns polo compromiso persoal de Alexandre, empeñado, malia as precariedades e incertezas, en amosar o centro a turistas curiosos e grupos organizados. Atesoura el na casa eses centos de poemas de poetas de todo o mundo, que invocan Fisterra e dos que botaba man de cando en vez, e cos que sorprendía aos visitantes, emocionados de escoitar, na súa boca, os versos dun poeta do seu país. Pero é que, ademais, tal e como quixen expresar onte, el forma parte do patrimonio do Castelo , el é, e así o entendemos moitos, a súa alma. Deixo aquí a información publicada pola edición local de La Voz de Galicia:
Arquivo por etiquetas: Castelo de San Carlos
CASTELO DE SAN CARLOS DE FISTERRA
Díxomo a semana pasada Alexandre Nerium. Este ano non abrirá o Museo do Castelo de San Carlos de Fisterra. Museo ou centro de interpretación da pesca que, con tanto amor, Alexandre amosou durante anos.
O Castelo, construído durante o reinado de Carlos III e situado sobre a praia da Ribeira, é un dos que mellor se conservan, de entre todos aqueles pensados para defender as vilas do litoral e hoxe case desaparecidos. Foi doado á vila por Plácido Castro del Río, fillo de Plácido Castro, quen llo mercara ao estado. A doazón expresaba o desexo do propietario de facer nel un museo. Ese destino chegoulle 58 anos despois da doazón, cando no ano 2006 abría as portas como Centro de Interpretación da Pesca, nunha vila de tanta tradición pesqueira como Fisterra. Ese momento coincidiu coa inauguración da lonxa nova, proxecto de Covadonga Carrasco e Juan Creus. A Confraría de Pescadores recibiu a encarga de xestionar os dous centros.
Porén, coa chegada da crise, a Confraría non foi quen de manter a xestión do Castelo, cedéndolla a Asociación Neria. Hoxe, Neria está en bancarrota, circunstancia que castiga de maneira particular o Museo.
Non son moitas as pezas que se expoñen no interior, pero son suficientes para que o visitante marche cunha idea do que é e foi a vida do mar. Alexandre Nerium ou Manolo de Fisterra, poeta e mariñeiro retirado, é quen de explicar con cariño os misterios das ondas, o valor das buguinas nos días de borraxeira, o funcionamento das nasas, a práctica do xeito. El fala das augas tintas, dos cetáceos, de naufraxios ou de versos, deses miles de versos, de poetas de todas as latitudes, que falan de Fisterra e que el se ocupou de recompilar. Nesta imaxe eu poso diante da caixa onde cada mes el expoñía un poema. Coincidiu na visita con Elena, que dentro estaba o meu Mar de Lira, no que son varios os poemas que falan do Cabo.
Conta, tamén, como dende as rochas que serven de base á pequena fortaleza, os nenos facían a guerra ao mar.
De visita ao Museo fun moitas veces, algunhas como guías a persoas ilustres, como cando levamos a Elena Poniatowska, ou ao escritor hindú Sudeep Sen, ou ao senegalés Abdoulaye Bilal Traoré. Tamén acompañamos a Yolanda Castaño, ao fotógrafo Francesc Torres, a artista norteamericana Terry Berkowitz. O resultado foi sempre o mesmo, unha revelación, a de escoitar a Alexandre contar con paixón o seu mundo, sen lle importar a lingua, porque el sabe que hai linguaxes que transcenden a fala, o corpo, e forman parte da emoción compartida.
Este verán os turistas italianos, franceses, alemás, ingleses, portugueses ou de calquera das comunidades do estado, ou de calquera provincia ou vila de Galicia, atoparán pechada a porta do Castelo. É mágoa, porque o Centro de Interpretación da Pesca e o seu guía, formaban parte, xa, do noso patrimonio, dese que amosamos con orgullo.
Eu confío en que o concello sexa quen de asumir e facer posible a apertura desta referencia principal da vila e da Costa da Morte.
(As fotografías, tomadas o día da visita de Elena Poniatowska e os seu fillo Felipe, son de Maribel Longueira. A ligazón que segue leva a un artigo anterior que lembra aquel día).
http://fernandeznaval.blogaliza.org/2013/11/19/elena-poniatowska/
ALEXANDRE NERIUM
Recibo estes días unha publicación que envía e asina o meu amigo, o poeta fisterrán Alexandre Nerium (Nocturnidade do sal, Vogar de couse) titulada Detrás da néboa o felo. Trátase dunha colección de poemas nos que Alexandre, a proposta do escritor e etnógrafo de Coles (Ourense), Emilio Araúxo, tende unha ponte ou un vínculo poético entre o seu mar de Fisterra, o mar de Fóra, ese mar que navegou e que tan ben coñece, e o entroido do val de Maceda, tomando como referencia a figura do felo, o personaxe que tanto nos lembra a outros da provincia ourensá, como peliqueiros e cigarróns.
Detrás da néboa o felo: abica o medo
escorrentando a ingravidez do día.
Novamente outro abismo, outra derrota:
cabelos de muller feitos sedelas
sentindo do ollomol a súa trabada.
Emilio Araúxo foille enviando fotografías do entroido, non as imaxes dun turista, senón instantáneas tomadas coa visión do etnógrafo, que humanizan as figuras da celebración, tan distantes e alleas cando a vemos correndo polas pistas e corredoiras, pero tan próximas cando as observamos no momento de ser vestir, no abrazo, na espera, no descanso. Consegue Alexandre un efecto fantástico nos versos, ao considerar el que tamén o mar é unha máscara de salitre: A máscara do mar ten ollos gacios./ Un sorriso de furna cada tarde/ sostén na comisura o precipicio./ O acantilado desminte o que pasou ás sete vagas.
A colección de poemas remata cun soneto titulado Cinza, arte na que Alexandre é experto (poña cada un o fin de estrofa seguindo a clásica secuencia de versos 4/4/3/3, os catorce que pide Violante):
Arrostra o mar a máscara do día
cun xesto azul de clara escuridade.
A chuvia entre as pupilas, a saudade
levemente marfil xunta a avreguía.
Rosma o solpor febril, queda utopía
ancorada na cinza: exhausta idade
que se perde mordaz na inmensidade,
que se agocha baleira na ardentía.
O mar esculca o vendaval vizoso.
co paraugas de man baila inconsciente.
Do chocallo a harmonía, o seu saloma.
Simplemente vivir, grisáceo aroma,
requente sabor doce, aínda se sente
disfrazarse en Maceda o mar vidroso.
Xa outras veces teño falado aquí de Alexandre Nerium, o poeta mariñeiro, o cabaleiro de mar, no seu día presidente do batallón da Costa da Morte, hoxe guía excepcional do centro de interpretación da pesca situado no Castelo de San Carlos de Fisterra, lugar de visita obrigada, tanto polo que amosa como, sobre todo, por quen o amosa, que o guía tamén é patrimonio.
Alí el explica como son as artes de pesca dese mar que se estende ao norte e ao sur do Promontorio Nerium, entre elas o xeito, unha das máis antiga e máis selectiva das nosas artes, exclusiva da sardiña e que deu unha embarcación tan fermosa como a xeiteira, amais de ditos e cantigas. Por iso, aínda co temor pola alarma recente da prohibición das redes de deriva, incluido o xeito, sen ter en conta as súas particularidades que a fan singular, e aliviados sabendo que acaso ese temor quede en nada, escoitamos a voz de Alexandre explicando que é o xeito para o programa Vivir o mar da CRTVG. Aquí queda este enlace ao blog de Miro Villar, As crebas, un dos vinculados a este, onde quen o desexe pode escoitar a Alexandre, quen remata con ese poema seu, tan fermoso, que se inicia co verso: O xeito faise ao mar sen despedida.