SAN CLEMENTE DO PINDO

Ten o concello de Carnota un rico patrimonio do que non sempre é consciente o viaxeiro. Do máximo interese son os petróglifos espallados pola contorna, nun espazo que abrangue as ladeiras de Muros e Carnota e que corresponderían á mesma colectividade, que, daquela, nada sabían da división administrativa do territorio. Pequeno, pero fermoso e posuidor de lendas e misterios, o castro de Mallou. Está, claro, a riqueza natural, co Monte do Pindo ou Pedregal como referencia permanente; e todo o litoral, co areal inmenso e a Boca do Río. Tamén o patrimonio etnográfico no que podemos advertir con facilidade a rica arquitectura do pan: aira, muíño, forno e hórreo, destacando as singularidades do hórreo de Lira e o de Carnota. Cruceiros, portos coma o de Quilmas ou o conxunto das casetas de mariñeiros de Caldebarcos. E, por suposto, o patrimonio relixioso, entre o que destaca o retablo da igrexa de San Mamede de Carnota.

Pero hai un elemento patrimonial pouco coñecido, incluso entre os habitantes do concello. Trátase do retablo en pedra da pequena capela de San Clemente, anterior á ampliación do templo, e que durante moito tempo foi empregada como sancristía e almacén. Felizmente restaurada pola Consellería de Cultura, nos días nos que foi conselleiro Roberto Varela.

San Clemente

O retablo, obra do escultor Antonio del Río, foi construído a finais do século XVIII. O contrato foi asinado polo escultor e o titular da parroquia de San Mamede de Carnota, da que dependía esta capela, en 1795. As imaxes que figuran nel son a de San Clemente e a de San Bernardo. O estilo é neoclásico, con certas reminiscencias do barroco anterior.

Eu visitárao en varias ocasións antes da restauración. Entre febres e chuvia, tivemos ocasión de velo Daniel e máis eu o pasado sábado, antes da misa, animados por un fregués que actuou de introdutor e que falou co cura, advertíndolle que prendía a luz interior para nós.

Marabillounos o equilibrio e harmonía do conxunto e a riqueza da policromía, en particular o ceo azul da bóveda. En realidade, toda a capela, construída segundo os planos do arquitecto José Cachafeiro, é fermosa, moito máis fermosa que a obra de ampliación da actual igrexa. Chama a atención, observando as dúas obras arrimadas, como a capela primeira mantén a orientación tradicional este-oeste, mentres que a igrexa actual perdeu ese referente cristián, tendo unha orientación que supoño, sen comprobar co compás, é norte-sur.

A fotografía é de Daniel.

CARNOTA: MUSEO ARQUEOLÓXICO

Semella que o soño de construír un museo arqueolóxico ao aire libre, vai adiante en Carnota. É este soño e proxecto do actual alcalde, Ramón Noceda, dende que accedeu á alcaldía nesta segunda etapa, que xa antes fora alcalde, nun tempo do que eu, que levo alí máis de vinte anos, non gardo memoria.

O proxecto, fermoso, pretende vincular os petróglifos da Laxe da escrita, Laxe da Fornalla, Filladuiro e As Laxiñas, incorporando o castro de Mallou (no que se traballou este verán) e A torre dos Mouros, a fortaleza probablemente sueva. En entradas anteriores xa se ofreceron imaxes de case todo este patrimonio. Nesta que segue pódese ver unha parte do petróglifo das Laxiñas, nunca antes publciada aquí. Nela obsérvase, perfectamente a espada, un dos elementos máis singulares que amosa.

Petróglifo das Laxiñas

Petróglifo das Laxiñas

Hai unha semana, Daniel e máis eu, en día fermoso de frío e de sol, puidemos facer o percorrido completo. Foron seis horas e media camiñando, gozando desas paisaxes extraordinarias que, por coñecidas, non deixan de nos sorprender e emocionar.

O proxecto semella aínda sen rematar. Compre, iso si, poñer máis celo ca antes no coidado dos petróglifos, xa que agora están sinalizados e son accesibles. Conviña rodealos dalgún elemento que convide a admiralos, fotografalos, querelos, pero non camiñar por riba deles, nin percorrer as liñas con xiz ou tella.

O día anterior, tamén os dous e só por entrar en materia, achegámonos a Louro por visitar esa marabilla do petróglifo da Laxe das Rodas. Probablemente eran os mesmos habitantes destes montes, quen facían os gravados que hoxe son de Muros e os de Carnota. Así que, convén observalos, aprendelos, interiorizalos e amalos, sabendo que forman parte do mesmo latexo humano e do mesmo momento histórico que, daquela, non existía Muros, nin a palabra concello, nin barreiras administrativas.

Laxe das Rodas

Laxe das Rodas

 

VOLUNTARIOS EN MALLOU

Castro de Mallou. Escavación 21 de xullo de 2013

Castro de Mallou. Escavación 21 de xullo de 2013

O sábado pasado tiven a sorte de compartir unhas horas cos voluntarios que participan cada fin de semana na campaña de limpeza e posta en valor do castro de Mallou, en Carnota. Baixo a atenta ollada de Antón Malde, director da escavación e sabendo dos traballo de comunicación de Manuel Gago, o que reina entre os voluntarios é a solidariedade e o bo humor. Moi interesante e motivador o traballo dos nenos, concentrados, respectuosos, entregados, comprometidos, xa, coa defensa do noso patrimonio.

Sempre me movera en ámbitos próximos á arqueoloxía, a antropoloxía, a historia, pero nunca participara directamente no traballo de ir desenterrando pedras, de ir descubrindo estruturas, de respirar o po da historia. É algo engaiolante, que cativa. Eu sentín algo semellante a unha forza procedente da terra, algo especial que logo se reproduce nos soños, a forza do que somos.

Castro de Mallou. Alxibe

Castro de Mallou. Alxibe

Castro é pequeno pero fermoso. Desenvolvérase nel un campo de traballo, polos anos 2005 e 2006, se non me falla a memoria. Daquela descubríranse cousas tan interesantes como a calzada de acceso, a porta e o torreón de defensa, o alxibe e unha construción misteriosa, moi regular, pero que nunca foi usada e que contén grandes penedos caídos ou que nacen no interior e que sempre estiveron alí, segundo os estudos realizados.

A croa está rodeada por tres murallas defensivas, e o conxunto está vinculado co mundo máxico e coa cultura espiritual de todo o territorio. Unha das pedras que coroan o outeiro onde está situado, chámase cadeira ou pedra da raiña Lupa, establecendo así un vínculo co monte Pindo, onde estaría o trono da deusa ou raíña, segundo a lenda e a tradición oral. Preto do castro os petróglifos do Prouso, Laxiñas e Filladuiro. Pola súa beira transcorría o camiño que empregaban as leiteiras de Mallou, Maceiras, O Carballal e Sestelos, para ir vender o seu leite á vila (Muros) cambiando de vertente pola Porta Ventosa. Eran aquelas valentes e esforzadas mulleres ás que inmortalizou a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson, dela e delas é esta imaxe:

Leiteiras
Ruth Matilda Anderson