CHARLIE HEBDO

Escríbenos a nosa amiga, a xornalista e escritora francesa  Manon Moreau, a quen xa me teño referido outras veces neste blog: http://fernandeznaval.blogaliza.org/2013/07/08/manon-moreau/

Escríbenos desconsolada: Soy tan triste amigos mios hoy, de lo que acaba de pasar a los de Charlie Hebdo. Tan triste. Mataron a dibujadores, periodistas increibles, y ademas, ademas,despertaron asi una maquina de guerra terrible. Y nosotros, con nuestros esfuerzos, nuestra fe en el ser humano y la tolerancia, nuestras luchas para vivir todos juntos, parecemos tan pequeños y vencidos esta noche. Pensamos en los compañeros Chab, Cabut, Wolinski, Tignous, el economista humanista Bernard Maris, y pensamos a las otras victimas de ese atentado: los musulmanes de Francia. Os escribo porque esta noche os echo de menos, mis amigos. 

Charlie Hebdo, Mahoma 3

Penso en Manon, penso en Veronique, nas amigas e amigos franceses que sempre, sempre, loitaron pola integración dos emigrantes e refuxiados procedentes dos países árabes. Lembro a Veronique, enfrontada unha mañá ás dependentas e parte da clientela dunha boulangerie, que querían expulsar a unha muller vestida de saial e pano na cabeza, porque agarimaba as pezas de pan antes de decidir a compra. A súa cultura é de tocar, dicíame ela logo; collen os alimentos coa man da mesma fonte que comparten, pasan o pan dunha man a outra, e pretender que dun día para outro prescindan dese xeito de se relacionar co mundo, supón amputar a súa identidade.

Con las manos se forman las palabras,
con las manos y en su concavidad
se forman corporales las palabras
que no podíamos decir.

Charlie Hebdo. Mahoma 1Escribiu José Ángel Valente. Eu escribo isto, con palabras, porque me sinto próximo á xente de Charlie Hebdo a quen xa non poderei tocar coas miñas mans cóncavas; porque defendo o dereito á liberdade de expresión; porque entendo a ironía e o humor como un xeito intelixente de ver e interpretar o mundo. Escribo isto por Manon, polos franceses, por todos os franceses, tamén polos da fronte nacional que agora quizais afirmarán o seu discurso excluinte e xenófobo. Escribo isto por min, por nós.

Entendo o que quere dicir Willy Toledo con esas declaracións que incendiaron as redes sociais e que teñen que ver cos centos de miles de vítimas inocentes causadas por conflitos que occidente alimenta. Non sei se sen Iraq, senCharlie Hebdo. Mahoma 2 Siria, sen Afganistán, sen Palestina, os xornalistas e humoristas de Charlie Hebdo estarían vivos, quizais non; pero o que si creo é que occidente, sobre todo occidente, vai polo mundo sementando tempestades. Esta fractura, esta radicalidade, esta dificultade para a convivencia, tamén teñen que ver con iso, co asasinato como xeito de xustiza universal, coa tortura impune, co dano colateral.

Non sei cal é a solución. Sei que cada día que pasa todo é máis difícil. Saramago rexeitaba a palabra tolerancia porque dicía que levaba implícita a desigualdade e a exclusión. Digamos pois convivencia e respectancia dito así, que semella máis dinámico. É o que nos queda, xunto coa firmeza contra o fanatismo e contra o crime, pero tamén o espirito crítico co mundo que habitamos, co mundo que facemos e ocupamos.

Advertisement

RAMÓN PARADA JUSTEL (I)

O pintor ourensán máis coñecido do século XIX, é Ramón Parada Justel (Esgos 1871- Ourense 1902), incluido na denominada xeración doente, formada por Jenaro Carrero Fernández, Ovidio Murguía Castro, Xaquín Vaamonde Cornide e o noso Parada Justel, nacidos os catro nos primeiros anos da década dos setenta e mortos entre 1900 e 1902. Ovidio Murguía era fillo de Rosalía e Murguía e naceu no pazo de Lestrove. Xaquín Vaamonde, nacido na Coruña, foi protexido de Emilia Pardo Bazán, quen lle deu papel  protagonista na novela La Quimera, morrendo no Pazo de Meirás. Jenaro Carrero era de Noia.

Parada Justel 3

No centro cultural municipal José Ángel Valente de Ourense, situado na rúa do Paseo, onde antes estaba o Banco de España, o Museo Arqueolóxico Provincial organiza unha exposición sobre o pintor ourensán, ao fío da restauración do cadro Os satélites.

O cadro figura como elemento central ou eixo da mostra, situándose á súa esquerda, sobre paneis, a información detallada do proceso e os traballos de restauración. Á dereita, ordénanse as outras obras do pintor que completan a mostra e, tamén unha pequena referencia biográfica.

Parada Justel 4

A min o cadro que máis me gustou foi o titulado O recordo das xoias, cun aire moi francés, impresionista, con ese xogo de luces, transparencias e reflectires no cristal do escaparate do cambiador, que lle dan o ton nostálxico que ten, tamén recollida, claro, na expresión da muller, nas mans… Logo, se me piden escoller, quédome co titulado A familia do anarquista no día da execución.

Parada Justel Anarquista

Pero hai na exposición unha cousa que me desconcertou. Dende que teño memoria, sobre todo dende que teño memoria cultural da miña cidade e do seu patrimonio, sempre escoitei dicir que a pintura que decoraba o teito do teatro Principal era del. Alguén me comentou hai algúns anos, que había dúbidas sobre a súa autoría. Nada se di dela nos datos biográficos que se ofrecen na exposición, que si recolle os momentos nos que pinta cada unha das obras máis singulares. Non sei se xa está absolutamente demostrado que non foi el quen pintou o teito do teatro, obra que lembramos de iren ao cine de nenos, substituida na actual restauración do edificio por unha alegoría de Xaime Quessada que hoxe podemos contemplar. Porén, con certeza ou sen ela, sabendo que moitos ourensáns seguen considerando que si foi el quen pintou ese teito, ou, cando menos, teñen dúbidas de si foi ou se non foi, ao meu parecer si se puido aproveitar a oportunidade e incluir unha referencia que dixese algo así: “1894: durante moito tempo considerouse que nese ano inicia os traballos de decoración do teito do Teatro Principal. Porén, investigacións recentes poñen en dúbida (ou rexeitan, non sei cal é o alcance do descuberto) que fose el o autor desa obra”.

Parada Justel. Principal

Paréceme a min que algo así non suporía quebranto para ningunha suposición ou certeza, e si tería un importante valor informativo e pedagóxico para os visitantes.

Non sei, se cadra este asunto non resulta de interese para os lectores destas páxinas que non sexan de Ourense, espero que a obra de Parada Justel, si e a referencia á súa xeración, si.