Se escribo “molimo” no buscador do ordenador, descubro que é un instrumento musical pigmeo, unha sorte de trompeta que pode ser de metal ou de madeira, pero tamén unha cerimonia que dura varios meses, durante a que, cada noite, os homes cantan arredor do lume mentres as mulleres e os nenos dormen e, ao seu canto, responde Molimo, o animal da selva, imitando e reproducindo os sons dos animais e do bosque.
Molimo é o nome que Cova Villegas, Chefa Alonso e Bárbara Meyer decidiron para o trío que forman e para o seu primeiro disco. Improvisación, jazz libre en estado puro, tecido cos fíos da sabedoría e sensibilidade das tres: mulleres, lúas, auga e terra.
O disco presentouse onte no pub Filloa da Coruña. Non é a primeira presentación, están en ruta, levando a súa proposta dunha cidade a outra. Nel Cova achega a súa voz, ben formada e cada vez cunha maior variedade de rexistros. Chefa séntase diante da súa “percusión menuda, menuda percusión” que di sempre que a presenta o poeta Víctor M. Díez, pero tamén toca o kechapi e o saxo tenor. Bárbara Meyer achega á formación o chelo.
Escoitándoas un séntese transportado sobre brillos e sílabas de son que forman palabras misteriosas e, ao tempo, sinxelos e orixinais ecos do primixenio. Cova canta nunha lingua da que semella ser a primeira ou a última falante, lingua do corazón da natureza e da vida. Chefa acada momentos intensísimos de expresión con cada un dos tres instrumentos que interpreta. Bárbara mergúllase no corazón do chelo na procura de sentimentos e emocións.
Producido por Vecto Sounds, este disco é unha singularidade excepcional que recomendo.