O significado de Vadebois, o nome do río que descende do Monte Pindo e que xunto co Laradas forma a Boca do río e dá lugar á Berberecheira, ou marisma de Caldebarcos, é o mesmo que o de Oxford, o paso dos bois.
Levaba un tempo obsesionado Fernando Alonso Romero coa idea de nos achegar o máis posible ás fontes do Vadebois, porque hai máis de trinta anos, un vello informante faloulle da existencia dun pozo no cauce, ao que chamaban Pozo do inferno ou Pozo negro, con historia de fada ou xacia encantadora, incluida.
Xa fixeramos un intento de localización do pozo o ano pasado, pero foi o sábado pasado cando cremos que demos con el, ou iso pensamos. Abaixo vai unha ligazón para poder acceder á imaxe de sátelite do territorio ao que me refiro. Pódese apreciar a canle do río, á esquerda un muíño abandonado e un punto onde o río se bifurca. As fontes do Vadebois estarían na parte alta do Monte, seguindo o ramal esquerdo, que baixa dende Cima da arca.
Entre o muíño e a bifurcación atopamos dous pozos. Bañámonos no primeiro, preto do muíño, pensando que sería ese o da lenda e invocamos á xacia, dispostos a nos deixar encantar, pero non apareceu. Logo, na casa, Fernando decidiría que seguramente o pozo é o segundo, situado algo máis arriba. Alí, no arranque da vertente que se precipita dende o monte, vimos esta canle tallada no medio do cauce, na rocha que é leito das augas. Cal era a súa función? Un misterio máis deste espazo que sempre nos emociona e nos sorprende.