COLISEO XESTEIRA

O outro día, na feira do libro de Compostela, unha muller, descoñecida para min, cando me escoitou falar do cine Xesteira de Ourense, achegouse á mesa para me dicir que ese cine estaba vinculado á súa vida dende nena. Ela accedía a el cando quería porque lle facilitaban a entrada sen pagar os membros da familia Perille. Por esa autoridade coa que accedían ao cine, pensou sempre que eles eran os propietarios e construtores. Informeina de que eran socios na empresa, xa que o propietario e construtor fora Manuel Xesteira, tío de meu pai e tío avó meu. Esta referencia e a conversa que mantivemos animouna a mercar un exemplar de A noite branca. Espero que lle guste.

Manuel Xesteira e a familia Perille eran socios, tamén, na empresa de transporte de viaxeiros que cubría a liña Ourense- Verín, con cocheiras no que hoxe son as Galerías Centrais. Alí estaba o bar Túnel, nome que aínda conserva o café que existe hoxe. Arredor da liña e do bar formouse unha organización clandestina e unha rede que facilitaba a fuxida, por Portugal, das persoas perseguidas pola ditadura. A pensión Concha, que estaba na rúa San Domingos, era o lugar onde pasaban a noite os que agardaban a fuxida. Un dos encargados de manter abertos os camiños da liberdade, era Julio Losada, a quen a asociación Amigos da República rendeu homenaxe hai varios anos. A información, que moito me sorprendeu no seu momento, foime facilitada por David Cortón. Esta fotografía recolle a imaxe das cocheiras con estrutura de túnel, contra a parede aliñábanse os limpabotas, que os domingos repartían panfletos coa programación do cine pola rúa do Paseo. Tamén no túnel había carteleira na que se facía publicidade das películas de estrea. Isto seino pola memoria de meu pai, administrador do cine durante 44 anos.

Toda a documentación recollida aquí, figura nun arquivo encadernado en pel, elaborado polo meu tío avó, no que gardou a memoria da fundación do Xesteira. Na entrada deste blog titulada Cines de Galicia e cines da memoria, afirmaba eu que os autores do libro Cines de Galicia, erraban ao situar a data de fundación do Coliseo Xesteira en 1941. A data que dá o seu fundador é a de de xaneiro de 1940. Nos artigos de prensa da época, celébrase a apertura do novo local, que contaba con salón de té e unhas modernas instalacións técnicas, así como un amplo escenario, destacando o seu aforo.

O único artigo dos arquivados no álbum que pode ser reproducido aquí con calidade, é este no que o columnista Cascarilla, celebra o acerto do nome. Non hai referencia nin do xornal no que se publicou, nin da data.

CINES DE GALICIA E CINES DA MEMORIA

Enredei estes días co libro Cines de Galicia, de José Luis Cabo Villaverde e Jesús Ángel Sánchez García, publicado pola Fundación Barrié o ano pasado. Moi ben editado, como todos os da Fundación, o libro ofrece unha boa aproximación ao que foi a arquitectura dos soños (metáfora dos propios autores), dende aquela que acolleu as primeiras sombras chinesas ata as modernas e despersonalizadas salas dos centros comerciais, con especial referencia aos tempos nos que os locais de exhibición foron eixo da vida social, nese período máxico do cine comprendido entre as décadas 30-60 do século pasado, cando o cine era referencia principal da xente, un tempo no que a escuridade da sala permitía, seguindo o camiño da luz, fuxir en liberdade da grisalla proposta vital e represiva do franquismo.

Remata o libro cun inventario de todas as salas que foron e das que aínda son. Nel atopo as fichas dos cines da miña vida, aqueles nos que traballou meu pai e nos que medrei, os que recollo na novela A noite branca: Xesteira en Ourense e Yago, no barrio da Ponte. Quizais, en xustiza, debería incluir o tamén ourensán Teatro Losada.

O Xesteira e o Yago non ocupan moito máis espazo que a ficha do inventario e dáme mágoa, sobre todo polo Xesteira, que no seu momento foi un acontecemento pola súa capacidade e polas características técnicas da sala, así como polo vestíbulo, cun aforo de pé semellante ao que tiña o cine en número de butacas. Pero é que a información ofrecida no libro tampouco non é exacta, sobre todo no que se refire á apertura do local.

Coincidiu esta lectura coa achega dun amigo, que me enviou un recorte de prensa de “La Hoja del lunes” de Ourense, do 31 de marzo de 1952, no que un fragmento dunha entrevista co escritor Manuel María, aparece enmarcado pola programación das salas que había naquel tempo na cidade. A entrevista a Manuel, feita por Costa Clavell, tamén merece lectura.

Como depositario da información que recolle a historia do Xesteira, e ao fío destas casualidades, anímome a ofrecer, nunha próxima entrega, a información que eu teño sobre el.