PAÍS SERIO

Gustaríame saber a que se refería Mariano o luns pasado, cando dixo que España non é Grecia, que este é un país serio. Referíase á Semana Santa? Ás preferentes e os preferentistas, entre os que estivo miña nai? A sutil intelixencia do seu partido gobernante, inventor dun habilidoso e ben serio sistema de fraude? Aos preferentistas non, non caben na súa cabeza de persoa normal e decente, que así se refería aos seus e a si mesmo, nos debates con Zapatero, aqueles debates que xa son historia antiga da televisión.

Quizais ao dicir país serio, Mariano falaba das touradas, en particular as de Pontevedra, con certo arrecendo a habano e celulosa. As touradas son serias sempre ás cinco da tarde, xa o escribiu Lorca, á hora na que soa o clarín. Por certo, Lorca, nese poema de homenaxe a Ignacio Sánchez Mejías, anticipou o efecto da lei mordaza naquel verso: “en las esquinas grupos de silencio”.

mafaldaLevo tempo querendo baixar deste vagón no que viaxo, guiado por maquinistas nos que non confío, seguindo o trazado dunha vía que non sei quen deseñou, cara un horizonte que non albisco, pero que nada ten que ver coa esperanza individudal e coa utopía colectiva coas que sempre soñei.

A cor imposta dende a seria sociedade tipo Mariano, é un gris de chumbo, que responde a un modelo teórico e non utópico, na idea expresada por Goethe de que toda teoría é gris; modelo e ton que se van conformando arredor das teorías do FMI, do Banco Central Europeo e da Comisión, pero non só, porque tamén emana de despachos inaccesibles, dende mesas de consellos de administración, dende as babas de especuladores e usureiros; deseños que poñen en práctica os democráticos gobernos nacionais que xogan o serio papel de lexislar (hoxe sabemos que Pérez Renovales regresa ao banco dos Botín, logo de trazar boa parte da lexislación, sobre todo económica, elaborada polo partido que goberna o país serio. Regresa con ascenso feliz, por eficaz).

Goethe. Cor

Volvendo a Goethe, acaso a utopía sexa a vida que el identificaba coa cor verde das árbores douradas. Estes días valoro a posibilidade de me facer papista e franciscano, pero non sei se iso é compatible co meu pasado de alumno nun colexio de curas.

(A segunda imaxe pertence ao museo Goethe de Düsseldorf, que tiven a sorte de visitar hai anos. Está na sala Weimer, que recolle os seus experimentos científicos, en particular, os estudos sobre a cor).