VERÁN

Entre a preguiza, algunha visita, os baños diarios, a bicicleta, as subidas ao Pindo e as cervexas da noite, vai pasando agosto e os días de vacación.

Este ano non teremos a festa bonita que sempre tiñamos en Lira. Nin sardiñada o venres, nin fogos de artificio o sábado. O porto invadido polas hoste moinantes e todo de rebaixas e non pola crise, ou non só pola crise. A confraría de Lira, que organiza a festa da virxe de agosto, navega ao pairo sen outro destino que o naufraxio e a desaparición. A que fora referencia internacional como proxecto de xestión: Lonxanet, Mar de Lira ou Reserva Mariña, o lugar que serviu de referencia de liberdade nos días do Prestige, un dos centros de Nunca Máis, xa non é exemplo de nada. O día 31 marchou Emilio Louro, Milucho.

Daqueles días do Prestige está por escribir a historia de todo o que aconteceu no Ximprón, tamén o encontro do hoxe rei coa hoxe raíña, por máis que xa se viran algunha vez en Madrid. Mentres, estes días, un artista constrúe unha marabillosa instalación co material da praia, bolos e madeira. Deixo estas fotos que non son extraordinarias, por ser miñas, de móbil e xa sen sol, pero quizais quen as vexa se faga unha idea do que é:

Instalación 2

Inatalación 2

Esa mesma tarde, camiñando xa pola beirada, por detrás da confraría, esta era o solpor:

Solpor

Advertisement