O SOÑO GALEGO DE JULIO CORTÁZAR

Libro novo. Trátase dunha edición revisada, aumentada e cun traballo final inédito, sobre a relación de Julio Cortázar con Galicia e cos galegos e dos galegos con el.

Inclúe case todo o libro do ano 2006, aquel “Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar”, pero vai moito máis alá, porque dende entón apareceu nova documentación que non invalidou ningún dos aspectos que pretendía salientar naquel libro, máis ben o contrario. O que sabemos agora e non sabiamos entón, reafirmounos na singularidade da relación que mantivo connosco, velaí, senón, as imaxes nas que vemos a Cortázar e a Aurora en Galicia; fotografías comentadas por el por detrás, colección á que pertence a que figura na cuberta do libro. Está, tamén, a fermosa carta que lle escribe a Eduardo Jonquières, o amigo pintor, a quen refire a primeira viaxe, a do ano 1956, e na que se expresa con paixón da Galicia que viu. Esta carta alimenta o título do libro, que muda e pasa a ser “O soño galego de Julio Cortázar”, pois nela o escritor confesa que, de ter un Deux Chevaux, viría pasar unha temporada aquí con Aurora, dedicándose a pasear, pescar e herborizar como Rouseau. Pero hai máis. Cando se publicou Respirar polo idioma, Pepe Neira Vilas chamoume para comentar que el coñecera a Cortázar. A partir de aí foron varias as cartas que recibín, nas que lembraba para min a relación que os dous mantiveron en Bos Aires, primeiro, e na Habana despois. Tamén esa información xenerosa de Neira Vilas se incorpora a este novo libro.

A publicación do epistolario de Luís Seoane, en edición dixital do Consello da Cultura Galega, ofreceu algunha información complementaria sobre a relación de Luís, Maruxa, Aurora e Julio, enriquecendo así o capítulo que analizaba a amizade que mantiveron durante tantos anos. Ademais, completa vai agora, coa súa autorización, a entrevista que Ramón Chao lle fixo no ano 1977, para o programa Esbozos, de Radio Francia Internacional e da que na edición anterior só se ofrecía un fragmento.

portada cortazar web

A terceira parte desta nova edición, titulada Presenzas supón, ao meu xuízo, unha achega novidosa, xa que analiza a presenza da obra de Cortázar na cultura galega contemporánea. Falo de presenza e non de influenza, por ser aquel un concepto máis amplo e enriquecedor, e digo cultura e non literatura, porque presenza hai na literatura galega, claro, pero tamén no cine, teatro, artes plásticas, mundo editorial, universidade, música ou asociacionismo cultural. Máis de 50 creadores e profesionais de diferentes ámbitos, me axudaron na elaboración deste apartado e a todas e todos quero agradecer a súa disposición e xenerosa colaboración.

O soño galego de Julio Cortázar é a homenaxe que a editorial Linteo rende a este autor no ano do seu centenario, como homenaxe foi a publicación da versión galega do relato Autoestrada do sur, que a editorial Trifolium publicaba a principios de ano. Para min é unha emoción e un orgullo formar parte deses dous proxectos.

Fantástico me parece o traballo de Linteo, na elaboración da cuberta do libro novo. As transparencias da caixa do título, permiten apreciar sen interrupción esa imaxe na que vemos a Cortázar sentado no cruceiro da ponte da Ramallosa, coa man esquerda vendada por unha queimadura causada polo sol das Rías Baixas.