JOSÉ MARÍA LABRA E O MURALISMO CORUÑÉS

Falouse estes días nos xornais da recuperación e protección dos murais de Urbano Lugrís nos locais públicos da Coruña. Pensei, entón, que a cidade ten unha importante tradición muralística -velaí as obras de Jorge Peteiro, amigo a quen perdemos hai poucas semanas, ou de Abelenda- tradición pouco valorada polos seus veciños e polas autoridades que a rexen. Lembro con arrepío a destrución do mural de Alfonso Costa na fábrica de Leyma ou o dano causado ao que Leopoldo Novoa realizou en Santa Margarita, mutilado, sen autorización do artista, para tender unha pasarela.

Quizais foi iso o que me fixo evocar a José María Labra, o pintor nacido na Coruña en 1925 e falecido en Palma de Mallorca en 1994. Autor dunha obra ben singular, encadrada na “abstracción xeométrica”, no “construtivismo” e representante da “arte normativa do século XX”, moi vinculado á arquitectura, tamén realizou importantes murais, como aqueles do antigo edificio de sindicatos, por sorte salvados cando a súa remodelación e hoxe expostos no pazo de Mariñán. Lembrar como curiosidade e como mostra da súa colaboración coa arquitectura, as celosías realizadas para o pavillón español da Feira Mundial de Nova York de 1964, hoxe no edificio do Corte Inglés de Arapiles en Madrid, ou as da Hípica da Coruña.

DEDICATORIA DE AMARAMA

DEDICATORIA DE AMARAMA

Souben de Labra ao pouco de nacer Daniel. Maribel xa o coñecía e foi ela quen me levou á presentación dun libro do pintor, un libro de versos titulado AMARAMA, fermoso palíndromo que, dalgún xeito, vén sendo a representación da súa pintura xeométrica (dicir como curiosidade, non sei se como mérito, que o libro leva un limiar de Paco Vázquez).

Non lembro moito aquel serán, sei que ceamos os tres xuntos e demoramos logo polos bares da cidade ata moi entrada a madrugada. Eu deille os meus poemas e el asinounos o seu libro. Daquela noite son estes debuxos cos que el procuraba explicarnos as simetrías e os xogos das formas.

Xeometría pictórica debuxada nun bar

Xeometría pictórica debuxada nun bar

Como lembranza e homenaxe, vai tamén esta breve mostra dos versos descubertos entón:

La olas…
y
las horas….
en letal letania
¡rómpen!
gritando: ¡vuélve! ¡vuélve! ¡vuélve! … … …

——————————–

… por eso pienso…
-con mi propia razón
proporcional-
que soy “ese” que…
yendo de camino
con éste de “el oeste”
y éste otro de “el este”
y éstos otros de “el
sur” y de “el norte”…
siendo natural de…
… el noroete…
soy…
… “transfinisterráneo”…
y sin extraterrestrarme
vialácteo

—————————–

fértil fiero feraz
vital aliento
que…
va dando…
 a lo dado
¡Vida nueva!