MAN SEGUE EN CAMELLE

ManOnte cumpríanse doce anos do falecemento de Man, o alemán de Camelle; vítima da catástrofe do Prestige e símbolo colectivo do sufrimento diante de tanta morte, Onte, convocados por Antón Sobral, acudimos a Camelle por lembrar a Man e tamén por escoitar a Carmen Hermo, quen con sixilo, pero con moito amor, dedicación e solvencia,Antón Sobral desenvolveu durante os dous últimos anos un traballo que nos fai soñar coa posibilidade de que Man e a súa memoria sexan unha realidade de futuro e parte da riqueza patrimonial da Costa da Morte.

Chegamos ás 12,00 e logo de saúdar aos amigos e de tomar un café, achegámonos ao xardín escultórico que foi o seu fogar. Alí é evidente a desfeita, consecuencia de dous factores, un certo abandono e, sobre todo, a acción do mar logo dun inverno tan duro como foi o pasado. A construción que lle servía de morada, centro de referencia do conxunto, é unha ruína sen cuberta. Algunhas das máis simbólicas formas que Man ergueu na beirada por lle dar corpo ao aire, desapareceron. Sobre as rochas quedan apenas as pegadas do cemento e os bolos escollidos por el confúndense co resto que forma ese coído exterior ao dique contra o que el loitou.

Carmen HermoPero xa dentro do que hoxe é “A casa do alemán”, escoitando a Carmen, foi medrando a esperanza de que o patrimonio artístico de Manfred Gnädinger, nacido en Radofzell en 1936, teña unha oportunidade de sobrevivir e se transformar en referencia artística, vital e turística de Camelle e da Costa da Morte.

Man xardín 2

Por Carmen soubemos que faltan poucas semanas para que a Fundación Man sexa unha realidade. Tamén que aprobado o proxecto MAN (Mar, Arte e Natureza), dentro das iniciativas que promove o Grupo de Acción Costeira, zona 3, Costa da Morte, xa é unha realidade accesible a páxina web: mandecamelle.com; tamén se realizou un traballo rigoroso de inventariar boa parte do material: fotografías (feitas por Man ou por visitantes), libros intervidos por el, libretas de visitantes, esculturas e pezas realizadas con plástico fundido. Pero ademais, tomando como referencia unha das súas obras fotográficas: Museum vom Einsiedler Man, (Museo do ermitaño Man) creouse un espazo expositivo para amosar parte do seu legado, que poderá visitarse proximamente na “Casa do alemán”. O proxecto desenvolvido por Carmen e as persoas que colaboraron con ela, implica, tamén, que Man xa teña imaxe corporativa, folletos explicativos do proxecto e unha sinaléctica específica de acceso ao espazo onde viviu e traballou dende que afincou en Camelle, no ano 1962.

Man muelle 1

No debate posterior falouse da rehabilitación da caseta, como elemento central que conserve o seu espirito. Sería necesario elaborar un proxecto que permitise poñer cifras ao custo da reconstrución. O concello de Camariñas, neste momento, garda 6.000 euros para realizar unha intervención de urxencia que impida a perda definitiva dese lugar construido por Man para vivir. Apuntei eu a posibilidade de iniciar unha campaña para promover a idea de que a propia comunidade, a través de achegas individuais, se constitúa en custodia dese patrimonio excepcional e tan simbólico, asumindo de maneria colectiva a restauración da caseta, unha vez exista proxecto e orzamento. Escoitando as intervencións da xente, souben que un grupo de veciños limpa periodicamente o espazo do xardín escultórico.

Man Caseta

Man non foi un tolo que vivia espido sobre as penedas do litoral. Man foi un artista que levou ao extremo o concepto Land art, desenvolvido dende principios dos anos sesenta, precisamente cando el chega a Camelle. Como Richard Long, Man abriu carreiros pola beirada, colocou pedras dándolle orde e sentido, xogou coas crebas. Lonxe do afán comercial, quizais intuindo que todo o que facía era efémero, por estar sometido á natureza, Man elaboraba as súas instalacións na paisaxe coa intención de crear unha emoción no espectador. Para lograr iso necesitaba compenetrarse e comprometerse co lugar, por iso o seu corpo nu, os baños diarios, a exposición ao vento.

Arpón golfiñoMoitos dos que acudimos á cita fomos xantar a Punta Arnela, o restaurante de Camariñas que nos acolle sempre que imos aos encontros Arte e Natureza promovidos por Antón Sobral en Camelle. Sentado á beira de Carmen faláballe eu da importancia do traballo desenvolvido e comentáballe que, tendo un edificio como “A casa do alemán” e agora tamén: inventario, páxina web, Fundación e, en pouco tempo, exposición permanente, a memoria e o espirito de Man estaban salvados. Faloume ela de que nunha gravación radiofónica, dunha entrevista feita a Man no ano 1985, fálase de que tamén deixou a súa pegada artística no Monte Pindo. Sería interesante dar con elas, Pindo e Man enriqueceríanse mutuamente con esa referencia. A entrevista pódese escoitar na páxina web. No restaurante onde xantamos estupendamente, coma sempre, conservan un arpón destinado á caza de golfiños que a min sempre me chamou a atención e que onte fotografei.

Sobral Tenreiro

VilánLogo de xantar acudimos ao faro do Cabo Vilán, onde Antón Sobral e Enrique Tenreiro expoñen as súas obras nese proxecto de diálogo pictórico-escultórico do que xa se falou aquí, a propósito da inauguración coruñesa do verán, denominada Contra vento e madeira, aínda que as pezas que forman a mostra van variando en función dos espazos que a acollen. Lembrar que o museo dos faros e a sala de exposicións do faro Vilán, con 50.000 visitas este ano, son dous dos proxectos expositivos que reciben máis visitantes ao longo do ano en toda Galicia.

Posta de Sol VilánDespediunos un marabilloso solpor en día de inocencia, case de fin de ano.

CONTRA VENTO E MADEIRA

Enrique e AntónOnte dous queridos amigos inauguraron exposición conxunta, vento, mar e madeira, elementos dos que se nutre a forza expresiva do escultor Enrique Tenreiro e do pintor Antón Sobral. Foi na sala Arte Imagen da Coruña. A exposición viña xa de Compostela e seguirá camiño de Ferrol. Foi unha alegría e unha emoción estar cos dous e con outros amigos comúns. Aí deixo estas imaxes, a primeira tomada por min; a segunda é de Pedro Taboada Martínez, responsable da páxina http://www.pintoresgallegos.com; a terceira de Daniel Fernández Longueira e forma parte da reportaxe-entrevista publicada por Vivir na Coruña, con este enlace: http://vivirnacoruna.es/arte/contra-vento-e-madeira/

OLYMPUS DIGITAL CAMERA(Con Olga Patiño, Antón Sobral, Manuel Peña Romay e Enrique Tenreiro)contra-vento-e-madeira.2   Hai un par de anos, a petición de Enrique, escribín un texto para un catálogo seu e aquí volo deixo, como curiosidade e por admiración: TRINTA MIL ONDAS PARA DAR FORMA AO INFORME

Algo especial hai na música de J.S. Bach, elixida por moitos para mellor facer o labor, para propiciar o fluír das ideas, o agromo da inspiración, a luz da intelixencia. Será que a súa música, exemplo de harmonía, vén sendo o resultado da intuición e do control intelectual, dando por resultado unha síntese que algúns din mística. Luís Monteagudo, o arqueólogo coruñés que dende hai anos reside no convento das monxas de Belvís en Compostela, contaba que cando necesitaba reflexionar poñía un disco de Bach, collía unha buxía e un calcetín aburatado e zurcía nel, deixando que as ideas fluísen coa música. Enrique Tenreiro afirma, tamén, que é Bach quen lle guía a man, cando esta se esforza en procurar as trinta mil mazadas que se precisan para cada escultura.

Pero dáme a min que non é unicamente a música. Creatividade e sensibilidade a parte, está a ollada de Enrique, unha ollada entrañable e fondamente humana, intensa e inocente, capaz de conmover e emocionar e, tamén, de facer dúctil o material máis resistente.

Nesta mostra da súa obra, a madeira e as formas xogan coas cores branca e vermella, sinxeleza e paixón, memoria e textura dos días. Enrique lembra os restos de madeira atopados nas praias cando neno, lembranza de embarcacións desfeitas contra os cons ou arrombadas na area, refugallos tallados polas ondas que labra nelas como el fai coa maza e coa gubia. Invoca a Man, o alemán de Camelle, recoñecendo unha débeda antiga. Man recollía as crebas oceánicas, obxectos que o mar deixaba na liña da marea. Con elas e cos bolos dos coídos, construía o seu mundo de formas, esa paisaxe de escuma e de aire que agora se esborralla, vencida pola couza do esquecemento. Algo de Man prendeu nel. Hoxe, a súa gubia labra coa intención de lle dar ás pezas un acabado semellante ao que o mar, co seu bater de ondas, consegue sobre os troncos procedentes das selvas ecuatoriais e das illas incógnitas. Explorar e perseguir o traballo do océano, suxerir o acabado da natureza supón posuír unha intención de ciclope, a perseveranza do soñador audaz. Enrique dálle unha volta ao ser do crebeiro. El non procura a peza nos cantís e nos areais de inverno, senón no estudio, deixando que a cadencia da música de Bach leve as mans, mazada tras mazada, onda tras onda, ata as trinta mil que son precisas para que estas traballen como a auga. O resultado, velaquí o tedes.