Fun ver a película A xuventude de Paolo Sorrentino. Penso que o título orixinal é Youth, e digo isto porque o director é italiano e italianos, suízos e franceses son os cartos. Gustoume moito. O tema non é doado, unha ollada cara atrás e cara adiante, da man dos personaxes que interpretan Michael Caine e Harvey Keitel. Atrás e adiante, horizontes xa inalcanzables para eles. Na miña opinión, a proposta estética, quizais por veces excesiva, axuda a mellor levar un tema que sen ese adobío podería causar a depresión do espectador maior e a deserción da xente nova. O guión é moi bo, fondo nos diálogos cando é necesario, e con momentos de humor. Os minutos de Jane Fonda son formidables.
Paréceme que a nómina de personaxes que se reúnen no hotel de luxo de Suíza -un lugar imposible para o común da xente, como imposible era a Roma que viamos en A gran beleza-, compréndense dende a perspectiva do actor que leu a Novalis e debe interpretar a Hitler, cando nos fala da paixón. Nada hai neles de cotián, por máis que o personaxe de Caine diga que finalizadas as vacacións regresará á rutina. Pero todos eses seres: Maradona, o monxe budista, o escalador… viven ou viviron a súa paixón e ese é, paréceme, o nó da película.
Son seguidor de Michael Caine, dende aquela La huella de Joseph Mankiewicz, que vin, quizais, con 13 ou 14 anos no Xesteira; película na que el e Laurence Olivier mantiñan un duelo interpretativo extraordinario e inesquecible para min.
Agora, nesta de Sorrentino o diálogo, -non exactamente un duelo- é con Harvey Keitel. Admiro a Keitel. Sei que estivo a piques de deixar o cine por aquela decisión de Coppola o Grande, de substituílo polo noso Martín Sheen, en Apocalypse Now. Pero soubo superar aquel momento difícil e atopou o seu camiño no cine independente ao que se entregou: O piano, Pulp Fiction, Thelma & Louise e ao meu ver, sobre todo, Smoke de Paul Auster e Wayne Wang. Nesa película gañoume para sempre.
Tamén nesa película hai paixón, a paixón do cotián, expresada na teima fotográfica do protagonista, que cada mañá, á mesma hora, toma unha imaxe da rúa e da esquina que olla dende a porta do seu negocio, un café-tenda de revistas e tabaco. Miles de fotografías que semellan retratar o mesmo, pero que son todas diferentes. Xa di el que un día chove e outro vai sol, un neva e outro venta, pasan pola beirarrúa diferentes persoas e pola rúa coches distintos… Eu lembro esa teima súa cada día, cando vou ao traballo. Paso sempre á mesma hora polo mesmo traxecto. Son 300 metros dende o coche ata a escaleira, pero procuro sentir neles a paixón do cotián, a riqueza do día; cada mañá a mañá, como se fose única, a última. Lembro o personaxe de Keitel e busco a diferencia ou o matiz, onte era a lúa chea, hoxe no principio do devalo; dentro dun mes será o amencer; poden ser planetas aliñados, o canto dun merlo na sebe de mirtas, a estridencia das gaivotas, o matrimonio de xubilados que sube no mercedes cada mañá á mesma hora para ir á aldea; a ansia por ver ás persoas que quero na oficina, por compartir un sorriso.
Son lector de Auster, pero admiro a súa capacidade para traballar con eficacia outros rexistros, como o cine. Smoke gustoume moito. En Brooklyn fun á encrucillada da Terceira coa Sétima Avenida só por ver o espazo do film. Iso foi no 2014. Está a esquina, pero non o local que valeu de localización para a película. Gústame moito este trailer, no que Tom Waits interpreta esa canción marabillosa Innocent when you Dream. Aí está o soño desa avoa cega por recuperar seu neto en Noiteboa. Polos soños.