MANOEL PRIETO MARCOS

coral de ruadaContáronme o outro día que pronto teremos novo disco da Coral de Ruada. É este un proxecto moi importante no devir desta formación, unha das corais históricas de Galicia fundada en 1929. No disco participan algunhas das máis importantes figuras da música, outros grupos e corais, nenas e nenos cantores.

Quen isto me contaba faloume de que o disco servirá, tamén, para reivindicar a figura de Manoel Prieto Marcos, poeta, músico e compositor nacido en Tui no ano 1905. En 1928, coa súa dona Nandela, Manoel emigra a Arxentina, primeiro a Entre Ríos e logo a Bos Aires. Na capital dirixe coros como o da Nova casa de Galicia, Lembranzas de d’Ultreya, Saudades ou Os rumorosos. Antes de marchar, en Vilagarcía, fora subdirector da banda municipal de música.

Manoel Prieto falece sendo novo, en 1945. Escribiu versos que publicabaManoel Prieto Marcos en revistas e xornais da Comunidade e que xuntou nun libro con título Versos en gama de gaita, publicado en 1970, ao se cumprir o 25 cabodano do seu pasamento, por iniciativa da Irmandade Galega de Buenos Aires e cun crowdfunding da época, ao que se suman 50 persoas, relacionadas ao final do libro. Eu non atopei imaxe del, polo que me atrevo a inserir aquí esta fermosa alegoría do pintor Paz Antón, na que está Manoel.

A ilustración de cuberta de Versos en gama de gaita é de Luis Seoane. O libro leva un limiar no que eu non percibo a prosa de Eduardo Blanco Amor, aínda que hai quen di que é del. Os versos van precedidos dun texto de Manoel que remata así:

Irmáns na patria e na esperanza: ai van eses versos, moxenas do meu esprito, momentos da miña vida inútil. Prégovos que os admitades, porque vai neles a lentura d’un corazón agradecido. E ti, leitor… disimula. 

Versos en gama de gaita

Seus versos fluén rítmicos, ricos na linguaxe e nas imaxes, poesía vinculada á vida rural e do mar e, ao tempo, cun certo ton modernista e de vangarda que algúns sitúan no ronsel de Amado Carballo. De seguro que, de vivir máis anos, a súa obra tería madurecido e florecido e, acaso hoxe falariamos dunha referencia poética para o país, en lugar do esquecemento que cobre a súa memoria.

Eu deixo aquí estes dous poemas. O primeiro pola primavera que se achega e que xa respiramos. O segundo porque, de coñecelo cando fixen aquela colección de poemas vinculados coa carpintería de ribeira e as embarcacións tradicionais, (Tamén navegar. Editorial Toxosoutos), figuraría nela, e só se me ocorre agora un xeito de subsanar ese baleiro, que é compartilo aquí.

ROMANCE DA PRIMAVEIRA

Nas cerdeiras frolecidas,
ramallos de volvoretas;
ou pingas de sol maduro,
quizais bágoas das estrelas…
Ai, que ti viñas rubindo
camiños da miña espera,
i-o meu ollar criou lume
i-o lume ergueu bambinelas.
Pero ben vin que petaba
no teu sangue a primaveira.
                            Xila, que linda ficabas
                            garnida de garnicela!…
                            Volallas ao teu redor
                            -cachizos de ollada acesa-
                            queimaron íntimos liños
                            e gusmiñaron roseira
                            toda albariza de rosas,
                            toda de rosas doncelas.
                            Ai, cómo tamén petaba
                            no meu sangue a primaveira!
Lene chamarís da lúa
chamando pol-as noitebras;
o sol apagaba os lumes;
os paxaros tiñan festa.
As mans da bris, a trenzar
risos e canzóns antergas;
i-a fita roxa das gaitas,
i-o queixume das ovellas…
O teu sangue i-o meu sangue,
vértigos trenza que trenza.
¡Ben comprida foi de nós
a manda da primaveira!
…………………………………………
Xila, que na miña carne
madura, magra e morena,
aínda recenden as rosas
novas da tua carne albeira.

VERSOS DE BEIRAMAR

Ai, a belida peixeira
ben querida na ribeira.
           (Levaime, barcas!…)
Ai, a peixeira belida
na ribeira ben querida.
           (Levaime, barcas!…)
                Po-los vieiros do mar
                van proa á noite as barquelas
                ceibando alalás no ar.
                              As estrelas
                derrétense encol das velas.
                Encol da miña emoción,
                derrétese corazón.
Nas túas pernas dispidas,
peixeira de Vilaxoán,
alóngase esta serán
que adorme as miñas feridas.
Atustulla nos meus bicos
a mariñeira faciana
namentras o trebón brúa
i-o mar arremuiña barcas.
                Navegarei o teu corpo,
                                ai, a-la-la!

 

Advertisement

SAN AMARIÑO DE OIRA

San Amaro 1Día do San Amaro, festiña de Oira, este ano de sol e luz. Pouca xente na misa. Esta é a única misa á que eu vou de maneira voluntaria en todo o ano. Acompaño á miña nai á capela. Logo virán ou non outras misas por obriga social: vodas ou funerais. Este ano veu moi pouca xente. Hai unha fractura social na parroquia, que iso non é cousa exclusiva de Cataluña, o malo é cando afecta a un lugar de cento e medio de habitantes. Fíxose procesión, levando a imaxe no colo, que é pequena, porque estragou o enganche das angarellas. As mulleres que o levaron fixérono con tenrura, case con tanta como a expresada por Carolina Bescansa co seu fillo no Congreso.

San Amaro 3

San Amaro 5A capela de San Amaro é cativa de todo, garda proporción co santo. Forma parte dun edificio que foi conventiño de monxas ata aSan Amaro 2 desamortización. Pertencía a Oseira. Agora é vivenda privada, pero mantense a capela e a devoción. Quedan pegadas do que foi. Esa fiestra con escanos, o sinxelo retablo da virxe, o san Bieito ou o escudo.

No ano 2014, na entrada deste día, compartín o retranqueiro poema de Valentín Lamas Carvajal, sobre o San Amariño de Oira, que aconsello ler porque é moi divertido.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/01/14/san-amaro-de-oira/

Tamén ten canción, composta por Manuel de Dios e interpretada pola Coral de Ruada:

Festa, festiña de Oira,
festa do santo Amariño
naquel campo tan fermoso
ata baila o río Miño.
                                      É un santo milagreiro
                                      o noso santo Amariño,
                                      non faltará boa vitela
                                      e bo viño do ribeiro.