RAFEEF ZIADAH, VIGO, CÍRCULO POÉTICO ABERTO

O sábado pola noite fun ata Vigo para participar no Círculo Poético Aberto de marzo, convocado por Cruz Martínez e Rosanegra. O local que acolle cada bimestre o recital do Círculo é UF, un histórico da cidade. Antes dos versos, presentouse o número 2 da revista Elipse, que fan os membros do Círculo, aberta á lusofonía. Foi noite de emocións moi intensas. Unha, a acollida de Cruz e Rosa. Outra, moi especial para min, que acudiron ao local, para acompañarme, Antonio García Teijeiro, xunto con Susi, a súa compañeira de vida, e Alba, unha amiga deles moi querida. Convidado por Cruz, Antonio animouse a subir ao escenario e recitou tamén el, poemas dun libro que levaba para min, Chove nos versos, con ilustracións de Lázaro Enríquez.

Antonio e Chisco no Círculo poético

Antonio e Chisco no Círculo poético

Cando lle tocou a quenda a Moncho Iglesias, a quen non coñecía, sorprendeume ver que sostiña nas mans o libro do Papagaio, con fotos de Maribel Longueira e textos de Luísa Villalta. Como era o día da muller e o décimo cabodano do pasamento de Luísa, decidira ler versos seus, dese libro feito por mulleres. Moi emocionado, animeime a saír, explicar como nacera o libro, falei de Maribel e de Luísa, e recitei o poema dela que fala da amizade.

Pero Moncho, que é de Boborás, ourensán coma min, de preto do Carballiño, aínda tiña máis que ofrecer. El, que viviu tempo en Palestina, coñece ben o padecemento da xente, desprazada pola guerra e pola ocupación, vivindo nos campos de refuxiados, sen ter unha parede na que pendurar os retratos dos antepasados, que dicía Mahmud Darwish, sabe tamén da súa literatura e aínda nos puxo dous vídeos da escritora palestina Rafeef Ziadah, traducidos por el e que me impresionaron e conmoveron, por iso quero compartir este con todos, porque é algo extraordinario: