No campamento de Harran, na provincia turca de Sanliurfa, viven máis de douscentos mil refuxiados sirios que conseguiron fuxir da guerra.
Entre eles, o pintor Ahmad al Hammoud, íntimo amigo e compañeiro do artista Ali Ali, residente na Coruña dende hai anos. Ahmad, en compañía dos seus pais, xa maiores, das súas cuñadas, viúvas dos seus dous irmáns, e de 14 sobriños, sobreviven no campamento en condicións de absoluta precariedade.
Ahmad conseguiu levar canda si algunhas das súas obras. Ese é o seu único patrimonio. Con Ali Ali, un grupo de amigas e amigos, consideramos a posibilidade de organizar unha poxa que nos permita recadar unha cantidade que o axude a paliar a actual situación e, se é posible, abandonar, xunto cos seus, o campo e atopar un novo lugar onde vivir e pintar.
Non se trata de realizar unha colecta, senón de permitir que un pintor poida, coa dignidade do seu traballo, acadar medios para sobrevivir, el e os seus, ás circunstancias da guerra.
Ahmad al Hammoud, natural da cidade de Dayr az Zawr, situada na ribeira do Éufrates, é artista de prestixio, con proxección internacional, no ámbito dos países árabes.
Non sabemos que dará de si esta iniciativa. De non acadar o obxectivo, buscarémoslle as beiras, por ver de axudar a Ahmad.
Esta é a convocatoria. Se podedes e o considerades, dádelle difusión. O deseño e maquetación da tarxeta foi obra de Inma Doval.
AS AMIGAS E AMIGOS DO ARTISTA SIRIO AHMAD AL HAMMOUD CONVOCAN ACTO INFORMATIVO SOBRE A SITUACIÓN EN SIRIA E A POXA DAS SÚAS OBRAS.
PARTICIPARÁN: Noa Morales, licenciada en Ciencias Políticas e da Aministración, especializada en estudos árabes e islámicos contemporáneos, quen analizará a situación de conflito que vive Siria e o resto do Medio Oriente, con ela, o artista sirio residente na Coruña Ali Ali.
Presentará o acto o escritor Francisco X. Fernández Naval , e conducirá a poxa o tamén escritor Camilo Franco
Día 9 de xuño, martes, ás 20,15 horas.
Lugar: As Portas Ártabras, sede da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia. Rúa Sinagoga, 22. A Coruña.