OS CARREIROS DA RIBEIRA

Hai anos, durante a primeira xeira de López Veiga como Conselleiro de Pesca, discutiuse moito en público e en privado, sobre o descanso do mar en relación co esforzo pesqueiro. López Veiga impuxera o descanso semanal a toda a flota galega o que suscitou debates e bastante bibliografía en prensa. Daquela, nos bares dos portos e nas confrarías, afirmábase que o mar non precisaba de sábados e domingos, que xa el impoñía os seus períodos de descanso, en particular no inverno, cando había veces nos que se sucedían as semanas cos barcos fondeados, sen poder faenar. Algo así aconteceu no pasado mes de decembro e no que levamos de xaneiro.

Sei que en Lira, por exemplo, perdeuse a oportunidade de aproveitar as datas de Nadal e Fin de ano, para vender centolas a bo prezo. Prezo houbo, pero centolas non, que non puideron ir por elas. Iso supón unha creba importante na economía das xentes do mar e unha certa sensación de desánimo, xa que por moitas centolas que se collan ata a veda, a oportunidade pasou e ata o ano que vén, non volve.

Cando os temporais enfían un con outro, descansan os recursos do esforzo pesqueiro, é verdade, pero iso non quere dicir que os seres que habitan o océano e o litoral, non sufran a dureza do clima, a dificultade para se alimentar, o esforzo por conseguir voar ou por loitar coas ondas e co mar de fondo. Daquela, algúns non sobreviven, como lle aconteceu a este congro, que xa dicía Cuchía que o congro é moi mal nadador.

Estes días paseei os carreiros da ribeira, entre o Ximprón e o areal de Carnota, camiños ancestrais tecidos polos pés de pescadores, crebeiras e crebeiros, mariscadoras e mariscadores. Todas as  imaxes que acompañan este comentario forman parte do que vin: un mar arrebatado, natureza morta e crebas asasinas, ben lanzadas directamente pola borda ou apañadas polas ondas que varren as cubertas dos buques. Chamoume a atención esta, escrita en inglés e en árabe.