ELENA PONIATOWSKA ENTRE O DURMINTE E O SILBATAZO

A editorial Trifolium publica estes días unha novidade importante e fermosa, un relato de Elena Poniatowska, poucos días antes de que ela veña a España para recibir o Premio Cervantes 2013. Trátase dunha historia que explora territorios que teñen que ver co sexo, coa posesión, coas relacións dos seres solitarios cos outros e coas cousas, todo contado cunha sensibilidade moi especial e co marabilloso sentido do humor de Elena.

O relato narra a historia de Pancho, un maquinista de tren, que sente pola máquina, Prieta, unha atracción semellante a que lle produce Teresa a súa amante. Non é Pancho o único que humaniza a súa locomotora. Luciano púxolle La Coqueta á súa. As primeiras páxinas, coa máquina abríndose camiño na noite, precedida da lanterna de luz que alumea dous quilómetros por diante e contra a que morren os paxaros, son dunha forza e dun alento creador insuperables.

Non é o primeiro libro de Poniatowska que publica Trifolium, que xa antes acollera no seu catálogo o libro infantil Lilus Kikus, traducido ao galego por Teresa Moure e, tamén en galego, a emotiva e novelada correspondencia entre Quiela e Diego, doce cartas que dende París escribe a Diego Rivera a pintora rusa Angelina Beloff, no libro que leva por título Benquerido Diego, abrázate Quiela.

A fermosa e suxestiva ilustración de cuberta desta novidade é obra da pintora Ánxela Pérez Meilán.

 

 

 

 

DETROIT

A conferencia sobre o mundo das Crebas que levei por tantos sitios e que nos vindeiros meses, se todo sae ben, dará un libro, empeza así: “No Instituto das Artes de Detroit, exhíbese un cadro do pintor francés Louis Gabriel Eugéne Isabey, titulado The Wreck, pintado en 1854…” En Detroit estivemos no mes de setembro de 2002, un ano despois dos atentado do 11 S, cando viaxamos a Ann Arbor, convidado eu polo profesor John Patrick Thompson, para dar na unha conferencia na universidade sobre narrativa galega, á que puxen por título: A construción dunha narrativa nacional.

A Detroit fomos un domingo, no coche de Jonh. Sabíamos que a cidade era a referencia mundial na fabricación de coches, velaí o nome do equipo de baloncesto da NBA “Detroit Pistons”. Daquela soubemos que a cidade fora determinante no devir da II Guerra Mundial, cando era coñecida como “arsenal da democracia”, por fabricarse alí case todo o armamento co que Estados Unidos loitaba no Pacífico e en Europa. O final da contenda e o retorno á normalidade, trouxo como consecuencia a perda de postos de traballo, o que deu lugar a un conflito social sen precedentes. A batalla, que batalla foi, deixou o centro da cidade arrasado e en mans dos negros e das clases menos favorecidas, desprazándose as clases máis ricas a varios quilómetros e fundando novas cidades, como a propia Ann Arbor, lugar ao que se trasladou a universidade.

Nos anos de esplendor Detroit acadou a cifra de 1.850.000 habitantes. Hoxe, cando se declara a quebra da cidade, ten poucos máis de 700.000. A consecuencia ou o resultado:

Eu vivín alí unha experiencia que non se producira antes e que non se repetiu despois. Sentinme expulsado. Non superei a presión da cidade en ruínas, nin o desacougo que me causaba o frío. Vía do outro lado do río a cidade canadiense de Windsor e desexaba ir para alá e deixar de ver os ollos cegos das fiestras sen cristais dos grandes edificios abandonados.

O contraste era un moi moderno metro de superficie e algúns edificios novos na ribeira, entre eles o da General Motors, brillos entre a desolación. Malia isto ou por iso, nada alí producía calor, nin ofrecía acougo.

Visitamos o Instituto das Artes. Vimos os murais sobre a industria do motor feitos por Diego Rivera, as salas magníficas na que se exhibe unha colección excepcional e marchamos ou fuximos, a media tarde, logo de tomar un té nun bar grego.

A crise de Detroit lembra un pouco o momento que vivimos nós. Alá foi a industria do motor, condicionándoo todo, facendo primar o transporte individual (cada quen un coche) sobre o público, co que iso conlevou de exclusión e desigualdade. Aquí foi a cobiza da especulación urbanística. Nos dous casos, as clases menos favorecidas padecendo a inxustiza e un futuro hipotecado.

Nos días de gloria, Detroit deu lugar a un movemento musical denominado Motown. Grupos e cancións dese tempo forman parte da nosa memoria común, e axudaron a conformar a banda sonora das nosas vidas, como estas versións de The Temptations e Four Tops que vos deixo.