JOSÉ LUIS RABUÑAL PATIÑO

Esta fin de semana, participei no “I Congreso de escritores: Río Anllós e Dolmen de Dombate, Territorio literario 2016”, no concello de Cabana de Bergantiños, congreso organizado pola poeta Branca Vilela e o editor Basilio Rodríguez Cañada. Compartín recitais e conversas con moitos amigos e compañeiros, de aquí e chegados de fóra, pero a emoción maior, no meu caso, o agasallo do sábado e do mes, foi coñecer a José Luis Rabuñal Patiño.

José Luis Rabuñal é, para min, unha referencia case mítica. Escoitei falar moitas veces del, das súas observacións ornitolóxicas, da súa xenerosidade, pero nunca tivera ocasión de coñecelo. O sábado pola tarde el guiou unha breve excursión de congresistas á Barra do Anllós, vista dende a parte de Cabana, á beira do observatorio de aves que leva o seu nome.

Lembroume as figuras de Luis Freire ou Luis Monteagudo, sabio coma eles e, coma eles, xeneroso en compartir todo o seu coñecemento. Penso que non fun o único que quedei prendido ao seu saber, ás súas palabras. Preocupado pola posibilidade de chuvascos, acudiu á cita cunha colección de paraugas que ofrecer nun por se acaso. Tamén repartiu un folleto escrito por el, sobre a observación de paxaros nese espacio.

Jose Luis Rabuñal Patiño

Antonio Sandoval Rey, no libro ¿Para qué sirven las aves?, escribe:

[…] En la orilla opuesta a esta se eleva el Observatorio de aves José Luis Rabuñal Patiño, un pequeño edificio de madera inaugurado en 2007 por el Ayuntamiento de Cabana de Bergantiños. Lleva el nombre de la persona que más ha trabajado por conocer, proteger y divulgar la avifauna de este espacio. José Luis siempre está disponible para guiar excursiones ornitológicas con escolares o vecinos, charlar animadamente con cualquiera que se le acerque o atender a la prensa. Es un conversador entusiasta, con una rica memoria aderezada de buen humor. Pero las más apasionadas de sus tertulias, me consta, son las que comparte con las aves y la naturaleza de esta costa. Diálogos mantenidos durante lentos amaneceres y largas mañanas en la más primigenia de las lenguas, la que nos viene hablando desde siempre y no precisa más que de nuestros sentidos para ser silenciosamente articulada. Cada vez que tengo ocasión, y con mucha menos frecuencia de lo que desearía, le llamo para tomar un café y charlar. Entonces solemos acabar metiéndonos en filosóficos jardines por senderos que no he transitado con ningún otro ornitólogo, y con muy pocas otras personas. Él es el guía. Lleva viniendo aquí desde hace treinta y tres años. Empezó a estudiar sistemáticamente este estuario el 16 de agosto de 1979. Desde entonces ha completado más de tres mil seiscientas visitas, ha cubierto un buen montón de miles de quilómetros a pie por estos fangales y arenales, y ha detectado trescientas cinco especies y subespecies de aves diferentes […]

DE DOLMENS E DE MÁMOAS POR TERRAS DO XALLAS

Hoxe, desafiando a chuvia, Daniel e eu saímos de excursión co obxectivo de visitar varios monumentos megalíticos das Terras de Xallas, esas que van dende Mazaricos a Vimianzo, pasando por Zas e Dumbría. Non saímos cedo, que a noite do sábado foi longa e algo había que durmir.

Mina da Parxubeira, Arca da Piosa, Pedra da Arca e Casota de Berdoias, esa era a ruta, polo medio, a ponte de Brandomil e a riqueza etnográfica do lugar de Berdoias. Tamén procuramos cogumelos. Unha dúcia de níscalos dos que, xa na casa, perdemos dous, que Maribel non os come con vermes.

Dolmen de Pedra da Arca

Dolmen de Pedra da Arca

Eu gozo desa rota que normalmente remato en Dombate e na cidade de Borneiro, pero que hoxe acurtamos, deixándoa en Berdoias. Todos estes monumentos megalíticos son fermosos e únicos, cada un coa súa singularidade, cada un coas súas circunstancias. A Parxubeira ergue a súa ruína no centro do lameiro, coa mámoa moi ben debuxada arredor. Fáltanlle lousa e antas, pero alí está o que resta, cara o ceo con orgullo, no seu silencio de séculos. A Arca da Piosa, coas súas lousas ciclópeas, rodeada das plantacións de eucaliptos dunha explotación privada, ofrécenos o eco que dende ela produce a nosa voz sobre o pequeno val circular que domina. Nela situou Eduardo Pondal a tumba do heroe Brandomil. Pedra da Arca, quizais fortalecida coa enerxía eléctrica que viaxa pola liña de media tensión que lle pasa xusto por riba, amósase humilde na súa grandeza. Hai quen di que é máis monumento que o propio Dombate. Dende logo, debe ser dos máis grandes do país. Fáltalle unicamente a lousa que pecharía a cámara. Dentro, na cara interior dunha delas, os gravados que durante anos foron coñecidos no mundo da arqueoloxía, como The Things (A Cousa) formas sen determinar, que estudios recentes consideran cachalotes, como tamén lle sucede aos de Dombate, e a os de varios dolmens de Portugal e de Bretaña. A casota de Berdoias resulta familiar e, ademais, foi integrada durante centos de anos pola comunidade no seu vivir cotián, xa que era empregada como cuberto dos pastores. É pequena, expresión dun megalitismo serodio, porén, é posible que no interior das súas lousas estea representado o infindo firmamento que sobre ela brilla polas noites.

Casota de Berdoias

Casota de Berdoias

Eu confiaba en que a adquisición de todas por parte da Xunta e a declaración do parque megalítico da Costa da Morte, faría algo por elas, por estas e polo resto que a terra toda está inzada de antas e de mámoas. Pero o estado de abandono no que se atopan é triste e penoso. Velas así perturba o gozo que un quere sentir por poder agarimalas de novo. Comestas de silvas e xestas, con lixo nas cámaras, cos gravados das lousas repasados por riba con pedras e madeiras, ata perderse o sutil trazo da liña orixinal que sobrevivira aos séculos: en todo estás e ti es todo,/ pra min e en min mesma moras,/ nin me abandonaras nunca,/ sombra que sempre me asombras. E, polo que se ve, aí seguimos.

(Ben se ve que as fotos de hoxe son miñas)