SENTIMENTALISMO: ANTOLOXÍA TRANSCENDENTAL

Varias persoas pregúntanme por Eva, logo da nova do seu regreso que din o día 12. Está ben e traballa en varios proxectos inmediatos, entre eles, un recital con poemas mariños, que con Fito e Bernardo, os músicos que compoñen con ela o grupo Ouriol, dará en Cabo da Cruz, o sábado 11 de xullo, dentro da programación cultural do Encontro de embarcacións tradicionais, que alí se celebrará esa fin de semana e que convocará a centos de embarcacións que, coas súas velas, navegarán o mar da Arousa. Animádevos.

Antoloxía sentimentalistaDicir que estes días saíu unha nova antoloxía sentimentalista, ese movemento creado por Xesús Manuel Valcárcel e que ten como casa a editorial Bubela. É a cuarta entrega, logo das etapas de fundación, de implantación e de expansión, chega esta denominada transcendental.

Nela participan: Carlos Arias, Xulio Cid Neira, Xabier López Marqués, Manuel Celo Matalobos, Mariña Pérez Rei, Elías Portela, Baldo Ramos, Helena Salgueiro, Xesús Manuel Valcárcel e Eva.

Mentres non nos chega Soño e vértice, o libro que mereceu o premio do concello de Carral, imos manténdonos co que temos, tamén cos versos que Eva achegou á antoloxía, dos que aquí queda unha mostra:

O BALEIRO VAI TOMANDO A FORMA

froito dunha meditación
o baleiro vai tomando a forma
para a árbore medrar
e no mesmo aire ábrese unha fiestra
para o seu perfume
e sae ao fin a lingua
coma serpe da súa cova
probar o que lle é estaño.

CALOR E LOIS PEREIRO

A miña intención era publicar isto onte, no día dos feitos, pero tiven dificultades con AirDroid. Vai hoxe a crónica da tarde do martes, dous de setembro, tarde de calor.

Tiña cita para o taller ás catro. A primeira avaría seria do coche, logo de oito anos e douscentos corenta e oito mil quilómetros. Entre tres horas e tres horas e media de tempo levaría a reparación. A asistencia técnica é en Perillo-Oleiros, así que decidín agardar por alí e non regresar á casa. Carpe Diem, díxenme, aproveita o día. Fun pois ben armado para a espera: a poesía completa de Lois Pereiro, á que regreso con frecuencia; a novela A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, que estou lendo; un caderno con poemas novos nos que traballo para incluír na próxima antoloxía sentimentalista que prepara Edicións Bubela. A miña idea era saír da sucesión de naves industriais pola antiga N-VI, baixar pola primeira rúa á esquerda cara o paseo marítimo da Ría do Burgo, sentar na primeira terraza con sombra e alí herborizar, como dicía Julio Cortázar. Quizais convén lembrar que onte foi o día máis caloroso do ano. Saín das naves, atopei a rúa, baixei, cheguei ao paseo e lanceime con ánimo a camiñar, na procura da sombra hosteleira. Pero tardei 45 minutos en dar cunha terraza, non cunha terraza axeitada para o meu soño, senón cunha terraza, boa ou mala. Foron tres cuartos de hora camiñando baixo un sol de xustiza ata Santa Cristina, ruzando baixo a Ponte da Pasaxe, cousa que non fixera nunca. En Santa Cristina, por fin, si puiden ler a Lois, a Xerardo e anotar algunha corrección nos meus poemas.

Faltaba a volta. Pasaba das seis e media cando iniciei o regreso. Socioloxicamente o paseo foi enriquecedor. Nunca vira a morea de xente que se xunta no céspede que hai á beira do paseo, entre a praia e a ponte. Xente en bañador, con mesas e cadeiras de cámping, uns xogando ao dominó, outros ás cartas, mulleres escoitando a radio ou concentradas nas revistas, homes lendo o xornal, moitos charlando e discutindo. Nais e pais con nenos, xubilados, grupos de amigas, adolescentes, milleiros de persoas que prefiren a herba ao areal, pero que gustan da beira do mar. Poucas con libros.

Dorna

Era o devalo e no areal estaba a dorna, fermosa, moi afastada do seu mar natural, a Arousa e, probablemente, sen navegar dende hai tempo, cousa que se advirte no argazo prendido aos amarres.

Moitas aves: cisnes, garcetas brancas, charráns, parrulos, as tres gaivotas (a pata amarela, a sombría e a reidora), limícolas variados, corvos mariños e garzas reais, coma esta, que paseaba sen medo acompañada dun sol aínda alto, pero que xa anunciaba o crepúsculo.

Garza

Cheguei ao taller e aínda debín agardar polo coche. Da tarde quedaron, sobre todo, as referencias sociolóxicas, a calor e os versos de Lois, en especial este poema que a min tanto me gusta e que comparto:

ALERTA E VIXIANTE

Que a vida non me sorprenda xamais
desprevenido calado e neutral
e que un segundo antes de renderme
vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro
Fumes de Barakaldo Rentería Sestao
invernías nos corpos desde dentro e ferro húmido
nos aceiros da Ría do Nervión co Ruhr cruzado
nos trens da Deutsche Bahn tocando carne de
San Pauli
Kreuzberg con fame de Kebab paseando libres
á sombra do Muro coira vodka e Pogo
demolición alternativa en revolta eficaz
O cheiro acedo de suor a sono ferroviario ás cinco
da mañá
con frías de dúas noites e dous días en mono de metal
Pena Moa Carqueixo o Vao en Wáteres de dor entre
ferruxe
e mil niveis de medo estratos de arrepío sobre
a miseria
que nos cravou no tempo un por un
caídos nunha guerra de arquitectos sobre a fatiga
dos mateirais
A loita continúa e somos moitos menos e distintos
e o informe sont les autres
tamén nós
tantas derrotas nos libros na alma e nas casoupas
feitas de fatalismo e humidade moral
co mofo dos vencidos
E vestixios visuais dunha procesión xorda de
evidencias marxinais e feridos van comigo sen
esquecer que a vida
esvara a contraodio polo gume da morte o seu cóitelo
do que día tras días todos nos esforzamos por salvar.

 

 

(E dixo Sartre: “cando Genet decide que quere
O Peor, sabe que o Peor xa foi vencido…”
Eu tamén o souben desde o principio, pero
Debía ser cuestión de prioridades.)

 

 

(Poesía última de amor e enfermidade -1995- en edición Poesía completa. Xerais clásicos 2011).