PACO PORRÚA (II)

(Continuación do capítulo dedicado a Francisco Porrúa no libro O soño galego de Julio Cortázar)
Sudamericana nacera anos antes dunha idea da xente agrupada arredor da revista Sur: Victoria Ocampo, Mallea, Borges, Carlos Mayer, Oliverio Girondo, Antonio Santamarina, que quixeron facer unha editorial moi literaria, destinada a difundir os escritores latinoamericanos. Os resultados económicos non eran bos e buscan un xerente. Alguén lembra a un catalán, López Llausás, que logo de pasar polo exilio arxentino decidira regresar a Europa, instalándose en Francia. El acepta a proposta e volve disposto a facer da empresa un proxecto eficaz, iniciando a publicación de libros comerciais, libros serios de consulta, indica Porrúa, quen se incorpora ao proxecto en 1958.
Primeira edición de Rayuela.

Primeira edición de Rayuela.

—Cando Julio empeza a falarme de Rayuela, antes de me enviar o libro, pregúntase se Sudamericana é a editorial axeitada. Pensaba que Rayuela era unha especie de escándalo literario e que, en Sudamericana, ía caer mal, pero o que se comprobou foi que Sudamericana deixou de ser esa formalidade literaria que era, grazas a que publicou Rayuela. É dicir, que Rayuela, o libro que ía ser inadecuado para Sudamericana, convirte a Sudamericana nunha editorial adecuada para Cortázar e para moitos outros, curiosamente.
—Julio e vostede xa se coñecían…
Non, iso sucede no ano 62. Nese momento témonos escrito xa unha grande cantidade de cartas, témonos escrito con frecuencia, pero no ano 1962 el vai por primeira vez a Buenos Aires.
—Vostede, ademais, publica os Cronopios
Sí, publícoos eu…
—A Julio gustábanlle os cafés?
É un costume moi arxentino…
—No café Richmond acordan editar os Cronopios que ata entón só apareceran publicados en xornais…
Non. Cando el chega a Buenos Aires no 62, a edición dos Cronopios xa está decidida. Lembro que temos unha reunión na casa de Checho Fassio, con Julio e Aurora e alí xa estamos discutindo os textos da lapela do libro.
CronopiosEsa reunión será a que Cortázar describe no apartado «Cronopios, vino tinto y cajoncitos», que forma parte do capítulo «De otra máquina célibe» do tomo I de La Vuelta al día en ochenta mundos. Paco, Sara, Aurora e Julio desencóntranse no bar da estación da praza Once: Buenos Aires y especialmente el café del Once se coaligaron sordamente para evitar un encuentro del que no podía salir nada bueno para la República. Unha vez xuntos, diríxense á casa de Juan Esteban Fassio, que os agarda con moito viño tinto e sándwiches de tamaño natural. Divertiríanse facendo fotos baixo dun paraugas, coa vella cámara kodak do tempo dos pterodáctilos, propiedade de Checho ao que Julio dá os títulos de: Proveedor Propagador en la Mesembrinesia Americana, Administrador Antártico y Gran Competente OGG, además de regente de la cátedra de trabajos prácticos rousselianos. Nese texto Cortázar considera a Paco e Sara Porrúa dous lados do indefinible polígono que vai tecendo a súa vida con outros lados que se chaman Fredi Guthmann…
Fassio, que se proclama membro do Instituto de Altos Estudios Patafísicos, será o inventor daRayuel-o-matic Rayuel-O-Matic, máquina que permite a lectura mecánica de Rayuela, coa opción de leito incorporado, xa que Rayuelaé novela para ler deitados, e varios modelos en oferta, entre eles un estilo Luis XV e outro Luis XVI. No verán de 1966, Aurora e Julio reciben en Saignon un grande galano de Fassio. Trátase doutro deseño que os leva a mercar, por cinco mil francosantigos, unepidiáscopo(sistema de lentes e espellos que permite proxectar unha estampiña ou unha mosca viva na parede e conseguir resultados alucinantes). O primeiro que fan e proxectar unha mosca, logo un verme, pero asústanse ó velo do tamaño dunha vaca. Finalmente optan por proxectar o embigo de Brigitte Bardot, conresultados esmagadores.
—Sorprendéronse do éxito dos Cronopios?
—Pode ser, para min foi un libro moi querido, un libro nacido… onde o editor tivo a súa importancia, xa que non recibiu manuscritos, senón que colaborou co autor…
—Neste caso o editor participa no proceso de creación do libro…
Ben, a miña idea era nada máis que facer un libro con eses textos, ningunha outra cousa.
—Julio era deses autores que aceptaban discutir os textos co editor…
Si… Eu nunca practiquei o sistema americano de ler o texto e indicarlle ao autor cales eran os puntos frouxos e se habería que engadir isto ou suprimir aquilo. Pero en Los premios interviñen sen me decatar, porque unha vez díxenlle a Julio que os personaxes que subían ao barco eran todos dunha cultura extraordinaria, falaban de Lautréamont, de poesía francesa, música dodecafónica, etc. Parecíame un pouco excesivo esta xente elixida por unha lotería, que se atopa e semella unha especie de universidade flotante. El díxome que o tivera en conta e que suprimiu moita da sabiduría dos personaxes…
—Moita xente pensa de vostede que foi un editor singular, alguén que abriu moitas portas e fiestras que permitiron a entrada dun aire literario novo…
Si, pero penso que me terei equivocado algunha vez…
Opina que ó traballo do editor se lle dá unha importancia como motor da cultura que en realidade non ten. Para el o editor forma parte dunha corrente que se inicia co escritor, continúa co editor, que o único que ten que facer é editar ben e finaliza co lector. O editor, afirma, non é máis cá un catálogo, o seu valor non vén determinado polas cualidades intelectuais que teña na casa. Se o catálogo é bo, o editor é bo, se é malo, o editor é malo. Di isto quen resucitou aMarechal, quen confiou en Cortázar, quen deu a coñecer a García Márquez.
—Estiven hai un ano en México, onde me daban un premio que eles conceden como recoñecemento ó labor editorial. Aclareilles que, efectivamente, eu fixera ese traballo que eles indicaban, pero que iso sucedera había corenta anos. Para min que estabamos falando dun personaxe moi lonxano co que eu tiña unha identidade dubidosa. Unha identidade de memoria, máis ca unha identidade persoal. E, curiosamente, todos estes premios e todos estes recoñecementos, fanme dubidar aínda máis, en canto ao que é o traballo do editor. Pero atopeime con García Márquez, con quen teño unha relación un pouco rara, digamos, porque é moi afectuosa, pero vémonos pouco. E el díxome o que eu fixera por el, e eu empecei a contestarlle, porque non vexo de ningún modo que o labor do editor contribúa á difusión do libro, senón que eu penso que o seu labor é Los nuestrossoamente a función de alguén que está casualmente no momento axeitado.Cien años de soledad, o tema do que eu quero falar con García Márquez, é un libro que eu recibo como caído do ceo. Estaba en Buenos Aires e chega un señor, que logo me entero de que é un escritor norteamericano frustrado, que publicara dúas novelas con pouco éxito (Porrúa refírese a Luis Harss), pero é fillo dunha nicaragüense e dun chileno. Escribía en español porque era unha das súas linguas. Era o autor dun libro sobre o queempezaba a chamarse daquela o boom latinoamericano. O libro titulábase Los nuestros. Trouxo o manuscrito a Sudamericana. Na miña oficina eu tíñao enriba da mesa, estabamos falando, volvo unha páxina e vexo que hai un nome que di Gabriel García Márquez. O libro estaba composto por Onetti, Cortázar, Rulfo,Borges, Vargas Llosa, é dicir que estaban, para min, os grandes escritores que eu lía todos os días e nun principio sorprendeume ese nome. Pregunteille: quen é este home? Contestoume que era un escritor colombiano do que lle falara Carlos Fuentes. Como aparece aquí?, díxenlle… Harss pasa por México e encóntrase con Fuentes. Podería non terse atopado con Fuentes ou, atopándose,Fuentes podería non terlle dito absolutamente nada de García Márquez. Pero el inclúe a García Márquez no libro. Imaxinándote un pouco como funciona a cabeza dun editor, nese momento xa está todo resolto. Este é un escritor que aparece recomendado xunto a unha ducia de escritores de primeira categoría, eu xa non teño nada que pensar. O único que podo facer é ler os libros anteriores de García Márquez para confirmar que realmente está nese nivel e escribirlle. El di que eu lle cambiei a vida. O día que escribiu a primeira liña de Cien años de soledad, empezou a cambiar a súa vida. O que lle cambiou a vida foi o libro. O libro fai ó editor.
Cien años de soledad. Primeira edición

Cien años de soledad. Primeira edición

Luís Seoane dedicaralle unha «Figuración», en concreto a publicada no xornal La Voz de Galicia o 7 de xaneiro de 1973. Nela recoñece a paixón de Porrúa polos grandes escritores aparentemente sen lectores. Julio Cortázar sabía da súa orixe galega, pero considerábao tan arxentino coma el mesmo, coa singularidade de que ningún dos dous nacera na Arxentina. As conversacións sobre Galicia eran sempre en presenza de Aurora. Falaban sobre os galegos da comunidade porteña, os costumes, os amigos comúns coma Seoane. Sabía de todos, de Cuadrado, de Lorenzo, de Dieste, pero insiste en que con eles, a relación persoal máis intensa era mantida pola súa irmá.
—¿Coñeceu a Rafael Dieste?
Máis que coñecelo, líao. Era un dos poetas que estaba na Argentina e que eu lía con interese, parecíame un bo poeta…
—E os relatos, ¿Historias e invenciones de Felix Muriel?
Hai moitísimo tempo, pero creo que os lin, si…
—Eu atopo certa coincidencia entre a idea ou concepto que Dieste e Cortázar tiñan do relato.
Seguramente Fredi Guthmann sabía disto. El axudou a Julio, axudoulle a conseguir o traballo de tradutor xurado con Zoltan Havas. Fredi e Julio saían moito xuntos e Fredi era amigo de todos os galegos.
Zoltan Havas era un húngaro aventureiro ó que Fredi coñecera navegando polas illas do Pacífico. Vivía en Samoa, onde os nativos lle chamaban Sultán, tratándoo como tal. En 1940 instálase en Buenos Aires, abrindo unha axencia de tradución. Cando Julio renuncia ó posto de docente na Universidade Nacional de Cuyo, Fredi fala con Zoltan e conséguelle un emprego de tradutor xurado, o que desenvolvía ata entón Natacha Czernichowska, quen por eses días casa con Fredi.
—¿Coñeceu a Perla Rotzail?
Coñecina bastante. Era moi amiga de Julio e sobre todo de Aurora. A última vez que tiven unha reunión con eles en Buenos Aires, foi na casa de Perla, con Julio e outros amigos.
—¿E a Baudizzone?
Eu non cheguei a tratalo, pero foi moi amigo doutra persoa que era moi amiga de Julio e miña, Fredi. El e Baudizzone eran amigos de todos os días…
Recoñece que todos se vían no Tortoni. Galegos no mundo, unha historia que se repite en todas partes, sentencia. Regresa a Galicia por primeira vez en 1969, aproveitando unha viaxe á Feira de Frankfurt. Laxe e Corcubión serán os destinos do rencontro, á procura de vencellos familiares e conta que na última viaxe a España o pai decátase da barbaridade que cometeu regresando a América.
Debeu quedar en Corcubión. Aquí a vida social de miña nai era saír polas tardes coas súas irmás, mentres que na Patagonia a paisaxe era algo máis que desoladora, paisaxe de deserto, casas débiles e de madeira, incendios frecuentes causados polo gas que viña directamente dos campos de petróleo. Meu pai, que era marino, xubilouse, fixeron unha última viaxe a España e de regreso, instaláronse preto da cidade.
Supón que a voz galega mariola, recollida por Cortázar no Caderno de bitácora de Rayuela, tivo que ser facilitada por algún galego de Buenos Aires. Na correspondencia con Julio, este insiste unha e outra vez en que o visite en París. Mes tras mes, ano tras ano, a mensaxe de Cortázar sempre é a mesma: Vengan. En París veranse en 1969, Porrúa sen Sara, Julio sen Aurora. Dende París viaxan a Barcelona para estar con García Márquez. Ao ano seguinte, Paco distanciase de Sudamericana.
—Nese tempo a relación con Julio empeza a cambiar. El está moi ocupado con urxencias políticas e non teño ningunha clase de lembranzas dese tempo. Sempre tiña que ir a Nicaragua ou a calquera outro lugar. Chega a súa morte. Entérome, non me movo de Barcelona, pero vou poucos meses despois a París. Chego alí e, cando empezo a camiñar, doume conta de que Julio morreu. Aí empecei a ter conciencia da perda. Era o baleiro, había un oco na cidade, era evidente que Julio desaparecera…
Antes de editor, Porrúa foi tradutor, actividade que continuou exercendo durante toda a súa vida.
Aurora, Julio, el, os tres ofrecendo textos doutras linguas. Tamén el, coma eles, do inglés e do francés. As súas traducións aparecen asinadas con seudónimos, empregando para isto, tantas veces, os nomes familiares, fermoso xeito de manter vivo o vínculo orixinal, a concidencia de pertenza e de estirpe. Francisco Abelenda asinou a tradución de Crónicas Marcianas; Manuel Figueroa aparece nos créditos de El Hobbit e Luis Domenech nos de El señor de los anillos, abmos de Tolkien. Outros seudónimos de orixe familiar son Gregorio Lemos e Joaquín Valdivielso.
Crónicas marcianas, tradución de Francisco Abelenda

Crónicas marcianas, tradución de Francisco Abelenda

Considera que ese é o oficio para alguén que se interesa pola literatura. A tradución, para el, é unha sorte de lectura microscópica, lenta, onde cada coma, a lonxitude das frases ou das palabras, ten importancia. Pensa que é un oficio duro, longo e ingrato, porque nunca chega o que un quere. Lembra que Valéry dicía que hai poemas abandonados e recoñece que tamén hai traducións abandonadas.
O escritor escribe moitas veces o que non sabe, os personaxes revélanselle, buscan outro camiño, e o escritor… Non hai un dominio total do escritor sobre o texto. A crítica contemporánea que plantexa a morte do escritor e a primacía do texto sobre el, ben, é unha maneira de ler na que te atopas o que o escritor dixo e o que non dixo, o que o escritor non quixo ou non puido dicir e o que o escritor dixo por demais, sen se decatar, e no texto, nese senso, está todo, el revélao todo. O que eu vin na miña experiencia, en relación con isto da morte do autor, é que hai unha correspondencia bastante agochada e subterránea entre o escritor e a súa lingua, o seu xeito de falar, a súa dicción e a lingua falada. Hai aproximacións de estilo… Borges falaba de maneira moi semellante a como escribía, tamén Julio. García Márquez máis aínda. García Márquez fala exactamente como escribe, é dicir, a linguaxe común de García Márquez é sentenciosa. Por exemplo o rapaz que na beira do mar pregunta ó avó onde está a outra ribeira e o avó contéstalle: non hai outra ribeira. Ese é o xeito de falar de García Márquez. Pero o escritor sorpréndese moitas veces ó se ler e non saber realmente de onde vén o que escribiu.
Paco Porrua.2É posible que todo Cortázar estea contido en Rayuela. Tamén Julio diría cousas das que non se decataba, palabras, frases, que interpretadas ao seu xeito por cada lector, constituiron un manual de educación sentimental, un xeito de entender a vida. Porrúa lembra que o primeiro capítulo de Rayuela que Julio escribe é o do madeiro, ese madeiro polo que Horacio trata de cruzar de fiestra a fiestra sobre un patio e ver a Talita… Ese oco, o do patio porteño, presente en toda a novela, é, en opinión de Porrúa, un oco existencial, a nada, un tema moi común na filosofía francesa contemporánea. Segundo el, toda a novela está trazada sobre esa angustia da nada, a presenza de algo nu diante do home. Considera que iso está moi presente en toda a vida de Julio e que merece unha lectura que teña en conta ese paso inicial sobre o oco, sobre o baleiro. Hai capítulos, o primeiro, por exemplo, que semella un Julio moi vistoso, moi colorista, poético, e de sócato iso interrómpese por reflexións de Oliveira, que son reflexións moi da última parte, do oco, da negación… Ou da saudade, poderíamos pensar. Porque tamén Porrúa, o galego sen saudade, sente a debilidade da negación e da nada. Hai días, nos que cando observa a cidade e o mar dende un piso alto en Barcelona, parécelle estar contemplando o Monte do Pindo segundo se mira dende Corcubión; e é que a saudade está máis prendida a nós do que ás veces pensamos, porque non só se trata de extrañar aquilo que deixamos, do que nos desprendemos, porque tamén está a nostalxia do paraíso perdido que é a infancia, a nostalxia da inocencia.
Advertisement

FRANCISCO PORRÚA (I)

PACO PORRUAOnte, sobre as 21,00 horas, mentres presentabamos o documental de Juan de la Colina Cortazar Galicia e o meu libro O soño galego de Julio Cortázar, mentres falabamos del, falecía Francisco Porrúa, o editor.

Entre hoxe e mañá, para aqueles que non o coñezan, quero publicar, en homenaxe, o capítulo que, co seu nome, figura no libro, irá en dúas entregas, que é longo, agora a primeira:

PACO PORRÚA
Galego sen saudade, segundo a súa propia expresión, a vivencia de Galicia de Francisco Porrúa sitúase entre a memoria da infancia, cando aprendeu o valor da amizade, da liberdade e a convivencia cunha natureza humanizada e amable, e un soño que se repite obsesivamente nos últimos tempos: vese a si mesmo no interior dun autobús que descende sen chófer unha rúa de Corcubión e, cando chega á praza, antes de colisionar, el esperta e exclama: Que curta foi a viaxe!, e insiste no carácter amable dese soño.
Francisco José Joaquín Jesús Porrúa Fernández naceu en Corcubión, concello da provincia da Coruña, en 1922. Coñecer agora, sequera en parte, a súa árbore xenealóxica, axudaranos máis adiante, cando nos fale do seu traballo de tradutor e a súa relación co libro, cos libros. Fillo de Francisco Porrúa Figueroa, natural de Corcubión, e de Carmen Fernández y González de Lema, nacida en Laxe, eran seus avós paternos Manuel Porrúa Valdivielso e Cándida Figueroa Domenech, sendo os maternos Jesús Fernández Abelenda e Florinda González de Lema y Calo.
Con ano e medio marcha á Arxentina. Regresa a Galicia en 1932 e vive tres anos de adolescencia en Ferrol, onde o avó exercía de notario, pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos. Ao cabo, emigra de novo, indo a vivir a Comodoro Rivadavia, ata que rematados os estudos secundarios, o pai formula a alternativa de buscar un traballo ou estudar bacharelato en Buenos Aires. A opción elixida é a de continuar os estudos e prepararse para a vida universitaria na capital. En Buenos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.
Na Patagonia, aínda que eu tiña un campo de xogos que podería dicirse que era inmenso, un outeiro sobre o que estaba a casa e que miraba o mar, era unha vida moi restrinxida coa natureza, porque os invernos eran duros, había ventos case continuos, ventos do oeste que son ventos de area. Corcubión, daquela, era una especie de campo de xogos no que eu tiña unha relación co tempo, co tempo que tiñan as cousas. Porque os nenos da miña idade andaban sempre, ou case sempre, buscando tesouros dos tempos das guerras napoleónicas. Sentíame moi cómodo porque estaba ao coidado do meu pai, pero sen o meu pai, sempre ao coidado de mulleres, unha visión case freudiana. É dicir, as irmás do meu pai e as irmás da miña nai eran as que coidaban de min. Hai outro lugar que lembro con moito cariño, un lugar un pouco alto e nós viviamos detrás da estación de ferrocarril. Ese lugar chamábase Oza dos Ríos. Alí foi a novidade da vida do bosque. Era a primeira vez que vivía nun bosque. Pasara polos bosques de Río de Xaneiro e Brasil e vira algúns bosques en Ferrol e A Graña, moi fermosos. En Oza dos Ríos, durante o tempo en que vivín alí, entendíame coas cousas da natureza, máis que coa natureza, co verde. Tamén a sociedade, os amigos, as amigas, todo isto era para mín… na Patagonia eu tiña un amigo, que era o fillo da señora que lavaba a roupa da casa e nos vendía ovos. Pero en Corcubión estaba rodeado de xente…
É sábado de finais de setembro e anúnciase o outono en Barcelona. Dende a terraza do seu apartamento, diante do parque da Ciudadela, vense as cúpulas dos edificios tinxidos dun intenso vermello crepuscular. O té quente fai máis cálida a hora. Empoleirados no aire, entre pombas, non podemos evitar o balbordo da rúa que ás veces vence a voz de Francisco Porrúa na gravación.
Editor, fundador en 1955 da editorial Minotauro que, segundo Luís Seoane, ofrecía nos seus catálogos algúns dos autores máis inmensamente minoritarios do mundo, iníciase coa publicación de Crónicas marcianas de Ray Bradbury, con limiar de Jorge Luis Borges. Logo propoñerá a Cortázar a publicación das Historias de Cronopios y de Famas. Pero o seu traballo de editor compleméntase co que desenvolve, durante máis de vinte anos, na editorial Sudamericana, sendo responsable da edición de Las armas Secretas; Todos los fuegos el fuego; Los premios; Rayuela; Buenos Aires, Buenos Aires; 62. Modelo para armar; Libro de Manuel, títulos todos de Julio Cortázar ou de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez, pero non de Octaedro, libro de Julio no que xa non intervén.
—Creo que Octaedro é unha edición censurada polos mesmos editores, por Sudamericana de entón.
A edición de que dispoñemos agora, ¿tamén está censurada?
—Creo que non, que á edición española restituíronselle os contos que a censura quixo suprimir.
Cen, así de redondo é o número de cartas que lle escribe Julio Cortázar e que aparecen recollidas nos tres tomos da correspondencia publicada por Aurora. Cen cartas que definen unha relación que trascende a normal entre autor e editor, cen cartas que explican moitas das circunstancias que rodean a obra de Cortázar, pero que tamén son expresión dunha firme e fonda amizade. Considera que sempre tivo o hábito ou a fatalidade de ter amigos no outro lado do océano. Cando estaba na Arxentina, Julio, que era o seu amigo, estaba en París. Cando chegou a España, en 1977, deixou dous queridos amigos na Arxentina, agora ten moi bos amigos en Estados Unidos.
—Iso si mo tomaba moi en serio, como se ve nas cartas de Julio a min, establecéndose unha amizade que comportaba obrigas, pero obrigas tácitas. O escritor, Julio neste caso, sabe que eu farei todo o posible por imprimir ben o libro e eu sei que Julio está facilitándome un material que a mín me resulta interesante, válido e importante. Aí non hai aparentemente cousas sentimentais, pero hai a emoción da amizade, iso é evidente. E hai unha carta de Julio que a min sorprendeume cando a lin de novo, logo de moitos anos, que é esa carta na que el fala de agradecemento…
—Hai varias: «unha amizade que é para min coma unha presenza incesante»
—Unha bonita carta
—«… xemelgos que se ignoran, a suma de coincidencias e correspondencias, máis ou menos máxicas que hai entre nós é para deixalo frío a Cagliosto…»
Ben, o que eu che digo e que tal vez non tes anotado, é unha na que el fala do agradecemento que lle gustaría transmitir e comunicarme a min, e di que iso é difícil entre homes, que é preciso o escenario dunha confitería, dun café, pero logo di esta frase, logo de advertir que esas cousas non se din: «pero todas estas cosas que no se han dicho, están dichas para siempre». É mesurado e ó tempo mostra unha grande paixón. En Julio nunca verás un individuo que se tira dos pelos, é unha persoa que reacciona aparentemente con mesura, pero que é capaz de vivir unha grande paixón.
Ó pouco tempo de entrar a traballar en Sudamericana, Julio envía o orixinal de Las armas secretas. Paco Porrúa ten repetido en moitas entrevistas que nos almacéns da editorial estaban case todos os exemplares de Bestiario sen vender, pero insiste que non hai escritores completamente descoñecidos.
—Nalgúns lugares, nunha librería onde se reunían os surrealistas da cidade, dicíase que había un escritor descoñecido que se chamaba Julio Cortázar, que editara un libro moi bo en Sudamericana. Eu falei cos propietarios e recibín a aquiescencia de parte deles, ó lles dicir que conviña editar Las armas secretas. Mandeille unha carta a Julio e aí empezou a nosa relación.

Tamén deixo a carta que me escribiu cando lle enviei o orixinal mecanografado.

Carta Porrúa