EN ISLANDIA

Alá foi a primeira semana. Nestes días coñecimos xente, en particular a Elías Knorr, con quen puiden recitar onte e a Holmfriour Gardarsdottir, a profesora da universidade que, sen nos coñecer, confiou en nós e decidiu acollernos. É profesora de español, lingua que fala con acento porteño, xa que boa parte da súa formación foi en Costa Rica e Bos Aires.

Onte foi día longo e intenso. Primeiro a conferencia das crenas. Moi pouca xente, estudantes galegos e vascos e algunha persoa de aquí. Logo a inauguración e o recital con Elías. Estaba a televisión pública de Islandia, que fixo reportaxe sobre todo o evento e entrevistou a Maribel.

Deixovos esta foto na que está Elías con garavata, Níels, Holmfriour, ao meu lado e no centro, vestida de branco, á beira de Maribel, a expresidenta Vigdis Finnbogadóttir, que tal e como di unha reportaxe sobre ela que limos nunha revista, está entragada ás causas que cre xustas e que sente non corazón: a cultura, as linguas, a natureza. Onte estivo moi cariñosa e alabou moito o traballo de Maribel. Non sei quen é a moza que está á miña esquerda.

Dentro de media hora saímos para Akureyri. Alí repetiremos a experiencia. Esta foto é dunha xornalista que cubrir o acto.

ELENA, CREBAS, ANIVERSARIO, ISLANDIA

Hoxe é o meu aniversario e hoxe, tamén marchamos a Islandia. A miña amiga Rosa Álvarez, dende Madrid, mándame esta imaxe dun globo branco, metáfora da vida e da viaxe, di.

A Islandia imos cun proxecto fermoso, creo, no que as crebas son elemento principal. Alí Maribel expoñerá as imaxes de Xente no Medio, en dúas cidades simultaneamente, Reikiavij e Akureyri. No marco das exposicións haberá recitais no que participaremos Elías Knörr e eu. Eu, ademais, darei a conferencia das crebas nas universidades das dúas cidades. Aquí tendes a illa de Thule, o reino de Sigrid, na carta mariña de Olaus Magnus, de 1537, unha das primeiras representacións que se fixeron dela.

Este xoves pasado presentabamos na libraría Couceiro de Compostela o libro das Crebas, precisamente. Foi un acto entrañable, con amigos e cariño, no que rin moito, o que pasa é que iso de rir os propios chistes, non sei se está moi ben. Os de Couceiro fixeran un fermoso escaparate con libros e crebas. Nesta fotografía estamos Belén, de Baía, Manuel Rodríguez, xornalista e Soledad Pite, pintora e poeta e eu. Faltaba Miro Villar, que non puido acompañarnos, como estaba previsto nun principio. A imaxe é da miña amiga Malores Villanueva, que veu á presentación dende Pontevedra.

Déixovos aí ese enlace para poder ler o discurso de Elena Poniatowska o día do Cervantes. Non sei con canta frecuencia, pero eu procurarei contar algo aquí de como nos vai no norte, na luz do frío.

http://www.eldiario.es/cultura/libros/Discurso-completo-Elena-Poniatowska_0_252675207.html

Apertas e bicos.

AS CREBAS

Saíu o libro das crebas. Chegounos o venres. Resultado de tantos paseos pola beirada do litoral entre Muros e Fisterra, de tanto perdernos por recunchos do litoral da Costa a Morte, de tanta conversa e tanta información recollida, da curiosidade, do xogo, da casualidade e da descuberta. Corenta fotos de Maribel e un texto meu deron este, As crebas, outro xeito de andar ao mar, que a editorial Baía acolleu no seu catálogo, nunha colección chea de luz. Esta é a cuberta, lembranza e homenaxe a Man. As crebas, título tamén dun libro de poemas e do blog de Miro Villar. Falando delas percorremos moitos lugares e con elas iremos a Islandia, país de crebeiros, entre abril e maio. Fotos, versos e conferencia acompañada de imaxes, na compañía de Elías Knörr e de Níels Einarsson.

Onte, en Area Maior, dei con este cavaco (madeira na linguaxe dos crebeiros), que ben valería para apuntalar o tellado da casa, madeira de teca en bo estado, agardando por alguén que a recolla.

Estando xa o libro disposto para imprimir, no límite do tempo, puidemos recoller, como colofón, fóra de texto, a imaxe da estación meteorolóxica que apareceu en Lira o mes pasado, procedente de Miami e que xa foi comentada nunha entrada anterior.

Espero que esta achega nosa axude a ollar ese mundo con curiosidade, porque del tamén se obtén información e por el aprendemos cousas. Hoxe a maior parte das crebas son lixo e sobre iso deberamos tomar consciencia. No libro fálase das illas artificiais formadas pola acumulación de moléculas de plástico nos lugares dos océanos onde conflúen as correntes. Gustaríame que este noso dea outros moitos libros, porque a súa vocación deste non é esgotar nada, senón abrir e dialogar.

 

RESINA DE POLIÉSTER, CORREA CORREDOIRA

Fomos á presentación do novo libro de Xabier Correa Corredoira, titulado Resina de poliéster e publicado por Baía Edicións. Acolleu o acto, no que tamén participaban Lino Braxe e os músicos Miguel Ladrón de Guevara e Ismael Bardei, a galería Monty4. Viñeron canda nós Stella e Níels, os amigos islandeses que nos visitan estes días. Foi para eles unha experiencia fascinante, pola cantidade de xente que congregaba a presentación dun libro de poemas e pola forza creativa de Xabier a quen descubriron tamén como pintor. Aproveitando, faleilles de Elías Portela ou Elías Knorr, o poeta nacido no Morrazo, pero que hoxe é unha das voces máis singulares da poesía islandesa e de quen me gustaría falar máis devagar outro día.

Fomos de presentación, pero nós xa sabiamos do libro porque hai dez días atopamos a Xabier na esquina da rúa da Torre co Campo da Leña e falounos del e recitounos algúns dos poemas que sabe de memoria e fíxoo, xa daquela, coa paixón que Xabier pon en cada cousa da vida. Onte recitou e deixouse levar por un blues ben compasado que improvisaron os músicos xa contra o final.

Resina de poliésterResina de poliéster. Di el que ese é o material máis cabrón, máis agresivo e máis perigoso daqueles cos que traballa no estudio. Para el, este tempo canalla que habitamos, a densidade da agresión que sufrimos, as emanacións nocivas das palabras e dos discursos que escoitamos cada día, son como resina de poliéster. Velaí a razón do título, velaí a xustificación do libro. Digamos que é este un libro necesario, polo que ten de denuncia, de resistencia e, sobre todo, pola forza que tamén é desexo e que, quizais, contaxie en nós a necesidade xa non de sobrevivir, senón de combater.

De mostra van dous poemas. Un polo que veño de comentar, outro porque fala de baleas e… niso ando.

DO REGRESO DA PALABRA POBO
depende a melloría da terra.
Pasamos as tendidas correntes
e as cordilleiras exaltadas
co territorio enrodelado
na caluga. Arrastramos sombra
entre lumes tras carne divina
coa que acadar mover a morte.
Mais fracasamos ao someter
os animais e o cereal
á cultura; a muller con himen
e a terra acaeron dominio
privado, herdade de príncipe
que dispón clases e arreda
escravos tras muro eléctrico
que só a república mundial
deitará co abalo do trigo. 

———————————————–

AUSCULTAS CO FONENDO A TERRA
coa man colles o pulso na falla,
a fogaxe do monte cinsento,
apalpas ganglios polos ríos
e tensión nas carnes abertas;
no iris do abismo albiscas
cemiterios radioactivos,
a túa ollada clínica chega
ás fístulas da estratosfera,
entendes o canto das baleas…
Es moi capaz de morrer por elas.
Es quen Zaratustra reclamaba:
O que virá detrás daqueloutro
que pestanexaba preguntando
Que é amor? E unha estrela?