OS BARCOS DO EXILIO

BARCOS EXILIOOnte chegoume o exemplar ao que teño dereito como colaborador, do libro Os barcos do exilio, publicado pola revista Casa da Gramática, na colección Porta azul, coa apoio do concello de Noia e o IES Virxe deo Mar da mesma localidade.

 

Figuran como autores dos traballos: Xerardo Agrafoxo, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Ruy Farías, Eliseo Fernández, Mª Teresa García Domínguez, Gustavo Hervella García, José María Leal Bóveda, Rosa María López Gozález, Bernardo Máiz Vázquez, Xoán X. Mariño, Luís Martul, María Luísa Julia Pazos Pazos, Lino Pazos Pérez, Dionísio Pereira, Hixinio Puentes e Raúl Soutelo Vázquez. Tamén Baldo Ramos, a quen o libro debe o deseño de cuberta.

Eu achego o artigo titulado A memoria do As e o esquecemento dos vencidos, ao que xa me referín algunha vez. Anunciei hai meses que publicaría esta historia aquí, pero quixen darlle a prioridade ao libro da Casa da Gramática. Agora xa pode ser. Síntome contento e orgulloso de figurar aí, rescatando unha parte da nosa memoria, memoria esquecida dos vencidos. O artigo é longo. Pido perdón de antemán. Cada un, se sente interese, administrará a lectura ao seu xeito.

A MEMORIA DO AS E O ESQUECEMENTO DOS VENCIDOS

Aínda hoxe as vosas mortes fican no olvido,/ marcharon co río do esquezo, son versos do poema Escapados do Pedregal, do carnotán de Caldebarcos Xan da Centola, poeta popular, entendendo como tal aquel que compón versos sen afán de que sexan publicados, pero si recitados e compartidos, cousa que fai sempre que ten oportunidade, con acerto e grande éxito, porque os seus son poemas dunha alta carga emotiva, que a xente da contorna percibe como propios, que escoita con atención e que aplaude con entusiasmo.

Si, son moitas as vidas e as mortes, tantas delas épicas e heroicas, todas tan dignas de seren coñecidas e lembradas, pero que fican sen investigar e sen narrar. Dende hai tempo, bastante antes de que Raúl Soutelo se dirixise a min para solicitarme participación neste número da revista A casa da gramática, coa que tantas veces colaborei, emocióname a historia dos fuxidos do Monte Pindo e, en particular, a dos que no mes de outubro de 1937 decidiron fuxir por vía marítima, secuestrando o AS, un barco dedicado a mercarlle sardiña ás xeiteiras en alta mar, para logo trasladala ás fábricas de salgazón. En concreto, o AS pertencía a familia Sel, que tiña o almacén de salga na vila de Muros, no edificio hoxe restaurado sobre a praia da Virxe e dedicada a escola de vela. A do barco é unha historia xa escrita e contada, sobre todo por Barreiro Barral, Luis Lamela García e Dionisio Pereira, porén son moitos os fíos que nacen dela e que se perden na dor, na confusión e na desmemoria. Aquí vou tentar desenredar algún, rescatando do esquecemento, na medida do posible, algúns dos nomes que viviron esta epopea.

O que a min me conmove de maneira particular, o que me acompaña a cotío -mentres paseo, cando mondo patacas, cando pedaleo na bicicleta, cando leo, mentres conduzo, cando me deito e imaxino as historias que me conto antes de durmir, esas historias ás que se refería Julio Cortázar nun dos seus relatos- é o periplo vital de Manuel e Joaquín Rodríguez Louro, irmáns, naturais do lugar da Torre, na parroquia de Ézaro, en Dumbría, os dous mariñeiros de profesión. Estreméceme, de xeito especial, o devalo de Manuel, o seu destino, observar como se lle van pechando as portas ata o final.

Manuel e Joaquín naceran en 1916 e 1918, respectivamente, Manuel, en concreto, o día 15 de maio. O nacemento fora na casa que recibía o nome do lugar, Casa da Torre, na localidade coruñesa de Ézaro, á beira da fervenza do Xallas. A Casa da Torre, que aínda existe, fora construída polo avó ao regreso de Nova York, onde traballou no porto. Diante, compartindo o resío, pódese ver a anterior onde o avó naceu, de planta baixa, con bastos muros de pedra, hoxe abandonada e vencida. Entre as dúas, a aira e o patín. Fillos de Domingos e Prudencia, eran sete os irmáns: José, Manuel, Joaquín, Ramón, María, Agustín e Juan. A memoria familiar conta que ningún dos fillos foi bautizado, pero que no verán de 1936 alguén se achegou ao pai para lle dicir que debería pasar pola parroquia e bautizalos. De non facelo, advertía, algo malo podía sucederlle. Acristianou os pequenos, pero José, Manuel e Joaquín non o aceptaron.

Eran mariñeiros, así figura en canta documentación existe sobre eles, aínda que Iria Ameixeiras recolle un comentario da muller de Agustín, un dos irmáns pequenos, no queManuel Rodríguez Louro afirma que Manuel, cando marchou, ía para zapateiro. Formaban parte do Pósito de pescadores do Pindo. Daquela, o mar de Galicia estaba moi politizado, como o estaba a sociedade, sendo a CNT a organización principal na organización do gremio do mar na provincia da Coruña. Porén, esa mesma memoria familiar afirma que nin Manuel, nin Joaquín, pertencían a este sindicato. É posible, polo que veremos máis adiante, que a súa ideoloxía estivese máis próximo ao Partido Comunista, co que parece que simpatizaban o avó e o pai. O historiador Bernardo Máiz apunta que non había, nin hai, contradicción entre militar ideoloxicamente nun partido, neste caso quizais o comunista, e estar afiliado a un sindicato con implantación no seu ámbito laboral, neste caso a pesca, onde era maioritaria a CNT, en particular na provincia da Coruña.

Dionisio Pereira conta que no mes de xuño de 1937, cando debían incorporarse ao exército sublevado, varios mozos da bisbarra optan por refuxiarse no Monte Pindo. Nel, xa dende o mes de agosto do ano anterior, procuraran agocho moitos outros homes, parentes uns, amigos ou veciños outros. Algúns fuxiran alí por evitar a vesania homicida. Outros por evitar a guerra, en particular por non ter que ir loitar cun exército que rexeitaban. Arredor dos douscentos mozos en idade de seren chamados a filas e algúns homes de máis idade, comprometidos cos partidos e sindicatos republicanos coincidiron alí, nas penedías altas do Pedregal.

Entrevistei hai anos a algúns fuxidos da parroquia de Lira e tamén a Carme, muller dun deles, daquela moza namorada. O primeiro verán levaron bastante ben a separación. Baixaban ás festas da contorna onde se atopaban coas noivas e, a modo e con prudencia, podían achegarse á casa, porque aínda os asasinos e os represores non exercían moita presión. O malo foi o inverno, moi duro, con frío, chuvia e pouco que comer, o que levou a moitos a se entregaren. Sería ese o caso de José, o irmán maior de Manuel e de Joaquín, alcumado Chión, condenado por desertor e conmutada a pena de cárcere pola de ingresar no exército franquista e facer catro anos de servizo militar. A partir de 1937 todo se complica. A garda civil, o exército e os falanxistas acosan e castigan a familiares e amigos, co obxecto de impedir o abastecemento de provisións aos refuxiados no monte. Tamén comeza a vixilancia dos carreiros. De todo iso e da dureza do novo inverno que se achegaba eran conscientes os mozos fuxidos en xuño de 1937.

Manolo da Chatola, natural de Quilmas e fuxido ao monte con 18 anos, informou antes de morrer a Xilberto Caamaño, da situación dunha cova grande, coñecida como A cova (da Campa) do Campo da Braña, localizada (baixo) diante do cumio chamado do Barquiño polos veciños do Pindo e Pena Longa polos de Fierio, á beira Penafiel ou Xan Quente, que tamén así se coñece ese outeiro, destacado de entre os cumios do macizo. (A cova estaría situada nunha zona que os veciños do Pindo coñecen como O Barquiño e os de Fieiro como Pena Longa.) O refuxio, coa entrada a ras de chan e formada por unha laxe enorme pousada sobre grandes penedos, ampliábase cara dentro, permitindo estar de pé. A memoria de Manolo lembra que estaba habilitada para vivir, con sollado de madeira, e amoblada con mesas e cadeiras. Tiña tanta capacidade que nela reuníanse en asemblea os homes do monte. A situación do refuxio ofrecía certa seguridade. Dende ela podían ver as súas casas, se ben, entre medias, Manuel e Joaquín tiñan o río Xallas, ou Ézaro, que o curso fluvial cambia de nome no tramo final. Dende alí, cada día, observarían cal era o pano que ondeaba no salgadoiro do porto do Sinal. Se era saba branca indicaría ausencia de perigo. Alí vivirían cos outros mozos que ían compartir con eles varios capítulos da súa aventura vital.

José Joaquín Casais Piñeiro, de 22 anos; Manuel Caamaño González, de 24; Alfredo Piñeiro Riveiro, de 25; Constantino Piñeiro Riveiro, de 21; Manuel Piñeiro López, de 25; José Piñeiro Casais, de 21 e Ángel Casais Caamaño, de 27, eran veciños do Pindo, entendendo como tal o núcleo arredor do Porto do Sinal e do Fornelo, pero tamén Quilmas e A Curra. Do Ézaro eran Miguel Ferrer Fanda (Gándara), de 24 anos; Domingo Antonio Castro Rodríguez, de 23; Manuel Lago Sambad, de 25, xunto con Manuel e Joaquín. Canda eles Luis Casais Casais, de 21 anos, estudante, natural de Santiago de Compostela e veciño do Pindo. Velaí os trece que figuran relacionados nunha dilixencia da causa número 747-937, aberta na súa contra polo xuíz instrutor do Departamento Marítimo de Ferrol (aínda sen Del Caudillo, que si aparece no texto da sentenza en 1941), o día 20 de novembro de 1937, ditando auto de procesamento, polos delitos de piratería, roubo e rebelión.

Cóntase no Pindo e no Ézaro e así se recolle en parte da bibliografía, que por medio de familiares, os fuxidos pactaran co Curriolo, alcume do patrón da lancha xeiteira Carmen, deixar aparellada a embarcación no porto do Sinal. O armador conseguiría para ese día unha consulta médica da súa muller en Santiago de Compostela, pasando a noite fóra, afastando dese xeito toda sospeita de colaboración. Na causa este declararía que se atopaba ausente, xa que fora a Corcubión na lancha de pasaxe.  Contra o solpor do 16 de outubro, sábado, os trece baixan do monte armados de pistolas. O número de armas é indefinido, pero escaso, dende logo, non tiñan unha pistola cada un. No certificado do Consello de Guerra seguido contra eles indícase que ían armados de paus, agás dous ou tres signicados cabecillas provistos de pistola. Na rampla do peirao do Sinal, baixo as táboas dun barco abandonado, os familiares deixaran algunhas provisións, entre elas empanadas de millo feitas co amor das nais, nos fornos das casas. Cargan todo na xeiteira, arman a vela e navegan cara as illas Lobeiras. Diante da illa Grande había dous barcos dos que lles adquirían ás xeiteiras a sardiña en alta mar. Un deles era o AS, buque de 17 metros de eslora, 3,72 de manga e 1,60 de puntal, construído no Freixo no ano 1934. O nome coincidía coas iniciais do propietario, Antonio Sel. O outro pertencía ao almacén Vilas, de Ribeira. Eles escollen o AS.

Barreiro Barral no seu libro sobre o Pindo, e Luís Lamela, en Escapado, contan polo miúdo como abordan o buque, ameazando aos tripulantes coas pistolas, como incautan o combustible da outra embarcación, como se achegan na xeiteira ao peirao de Corcubión onde baleiran depósitos de barcos amarrados e conseguen máis provisións e auga. Regresan, inutilizan o outro barco e a xeiteira, e xa no AS parten cara o porto de Fisterra. Alí arriman ao peirao e repiten a operación de obtención de combustible e auga. Logo fanse ao mar e navegan cara o norte, dobrando o promontorio de Fisterra. Con eles vai a tripulación do barco, o patrón Manuel Louro Lago, o maquinista Antonio Eliseo Riomayor Fernández, e os mariñeiros Manuel Fernández Lestón e José Rodríguez Louro, quen responde ao mesmo nome que Chión, o irmán maior de Manuel e Joaquín.

A épica tecida arredor desta fuga conta da borraxeira que os envolve no amencer, o que impide que os localice o hidroavión que envían na súa procura. Dous días de navegación, sempre cara o norte, coa lúa en crecente, e logo catro ao pairo, sen combustible, soportando só co leme un duro temporal de outono. Ata que dá con eles o vapor inglés Etrib, que lles ofrece remolque ata Bristol.

Evening World

A chegada a porto está recollida no xornal Evening World do día 22 de outubro, venres. O arribo producíase o día anterior. A crónica de W. S.  G. Smele fala de 13 refuxiados e 4 tripulantes simpatizantes de Franco. Estes malia querer a repatriación, temen que ao chegar a España lles peguen un tiro. Smele refírese aos trece como homes desesperados e conta as dificultades e penurias vividas durante varios meses nas montañas. Fala da serenata que organizan ao chegaren, cantando reunidos na popa da embarcación. Unha das imaxes que ilustra o artigo amosa un grupo composto por oito rostros e oito brazos en alto co puño pechado, que dan un total de dez corpos, xa que hai dous rostros sen brazo e dous brazos sen rostro. Suponse que a fotografía foi tomada no momento no que cantaban a Internacional. A lenda que se formou arredor da fuga conta que, ao escoitar o himno revolucionario, un mariñeiro saíu dun bar, achegouse correndo ao barco, berrando en galego: Iso aquí non! Iso aquí non! Parece que non conviña que alí cantasen esa canción.

Teño para min que os dous rapaces que están en primeira fila, vestidos con chaqueta abotoada, semellantes na estatura, no recorte do pelo sobre a fronte e na configuración da cara, son Manuel, o situado á esquerda e Joaquín, o da dereita. E esta fotografía é unha das razóns que me leva a pensar que de seren militantes de algo, serían comunistas, que o de erguer o brazo co puño pechado é xesto que, co tempo, adquire determinación e afouteza, e nese sentido, non hai dúbidas en ningún deles.

Un comentario recollido na crónica do xornal, escrita antes de se saber o destino dos fuxidos, acaso explica cal é o ánimo das autoridades e da opinión pública británica, porque ao falar do silencio que se produce cando cantan a Internacional o xornalista apunta que é indicativo do drama e da fractura que vive a sociedade española, sendo eles os representantes dunha das dúas partes en conflito, pero deixando claro que son dúas as que loitan.

Os catro homes da tripulación, que se declaran partidarios de Franco, permanecen no barco en “corentena”, mentres que os outros trece, partidarios do goberno, escribe Smele, son acomodados no Bridewell pola policía, supoño que un reformatorio ou unha escola. O reverendo George Hood, superintendente da sociedade mariñeira de Bristol, declara que: imos coidar dos homes mentres estean aquí. Esa intención inclúe os dous grupos. Anuncia que xa lles levaron comida, calcetíns e zapatos, tanto para os catro do barco como para os outros, e fai unha chamada pública, solicitando aos veciños acheguen á capela roupa de abrigo e botas.

Tres Tripulantes secuestradosO xornal publica, tamén, unha foto do AS abarloado ao peirao e custodiado por un policía. A bordo vese un home que pola idade parece coincidir cun dos que aparecen nun retrato no que se ve a tres, moito máis maiores cos do grupo do brazo en alto, e que serían parte da tripulación do barco.

Nun principio as autoridades británicas afirman que os catro tripulantes poderán regresar a España co buque, en canto reciban autorización. Porén, o AS nunca regresou. O martes, 22 de febreiro de 1938, ás 3 p.m., ten lugar a poxa pública convocada polo Marshal of the Admiralty. Polo anuncio sabemos as características, matrícula, ano e lugar de construción, equipamento e peirao no que permanece fondeado e onde acudirán os interesados para comprobar o seu estado. A matrícula é F.1587. Ten 19,48 Tm. de rexistro bruto e 13,24 de rexistro neto. Está equipado cun motor Deutz de, aproximadamente, 17,15 N.H.P. e 68,5 I.H.P.. Dous son os mastros, cada un co seu foque. Dous zapóns, velas, molinete de man, aparellos de goberno, bomba de man, áncoras e lancha de salvamento.

O AS abarloado

Os trece homes acollidos no Bridewell solicitan asilo. As autoridades británicas, invocando o principio de non inxerencia, denéganllo. A opción é seren repatriados á España que permanece fiel á República ou á que, como Galicia, pertence aos insurrectos. A opción é clara para os trece, que son enviados a Cataluña a través de Francia, incorporándose ao exército republicano no que loitarán ata o final.

Nun principio todo sería euforia. Seguían xuntos, vivos, afastados das privacións do monte, do terror dos paseos e das gabias. Pero axiña chegaría a decepción causada pola división dos partidarios da República, pola falta de medios, pola indiferenza das potencias estranxeiras, polos reveses militares.

En Barcelona os camiños e os destinos bifúrcanse. Todos loitarán no exército republicano, agás Constantino Piñeiro Riveiro, de quen non se ten máis noticia. Todos sufrirán a derrota. Alfredo Piñeiro Riveiro, Domingo Antonio Castro Rodríguez, Manuel Lago Sambade, Joaquín Casais Piñeiro, José Casais Piñeiro e Ángel Casais Caamaño, caen prisioneiros e serán xulgados como consecuencia do previsto na causa nº 747-937, se ben os xuízos suceden en diferentes momentos. Os seis son condenados a doce anos e un día de prisión, saíndo en liberdade condicional en 1942. Deles, José Piñeiro Casais falecerá en Torrevieja, Alacante, mentres cumpría condena, ou iso considera a familia, xa que deixan de ter noticias del cando estaba alí. Sábese que Ángel Casais estivo confinado no campo de concentración de Deusto, formando parte dun batallón de traballadores. De Manuel Caamaño González e de Luis Casais Casais, nunca máis se soubo. O réxime franquista considerounos fuxidos en rebeldía.

Conta Barreiro Barral a historia dun tal Caamaño, vagabundo e algo tolo, que anos despois apareceu pola parroquia do Pindo, afirmando ser Marrolas, unha das referencias míticas de entre os fuxidos ao Monte Pindo. Porén, a familia dos irmáns Rodríguez Louro e outros veciños con memoria, afirman que Marrolas era Manuel. Quizais este Caamaño errante era Manuel Caamaño González, regresando do mundo das sombras moitos anos despois. Os irmáns de Marrolas, suponse que María, Agustín e Juan, quixeron identificalo como Manuel, pero non se correspondía. A xente do Pindo axudouno ata que morreu, dándolle enterro no cemiterio da parroquia. Por Barreiro sabemos tamén que polos días nos que escribiu o seu libro, outro dos fuxidos do AS vivía nos Alpes, casado cunha italiana. Quizais se trate de Luis Casais Casais, a quen Lamela chama Luís de Manuela (da Canteira), fillo de nai solteira.

Tras a derrota, Manuel Piñeiro López, Miguel Ferrer Fanda (Gándara), Manuel e Joaquín pasan a Francia e tras entregar as armas na fronteira, son confinados en campos de concentración. Manuel Piñeiro morrerá de gangrena no de Agde-Herault, como consecuencia dunha ferida de bala nunha perna. Miguel Ferrer Fanda (Gándara) e Joaquín Rodríguez Louro conseguirán embarcar no Winnipeg, o barco francés fretado por Chile, a instancia de Pablo Neruda. Velaí outra razón para considerar que el e Manuel eran comunistas. Sábese que Neruda só admitía a bordo a militantes do partido, rexeitando de maneira especial os anarquistas. Algún que chegou a embarcar, como é o caso do pintor Eugenio Granell, ao ser descuberta a súa afiliación, será obrigado a abandonar o buque na escala que este fai en Santo Domingo.

O Winnipeg, con 2200 refuxiados a bordo, parte do porto francés de Trompeloup o 4 de agosto de 1939 e, tras navegar a canle de Panamá, chega ao porto chileno de Arica o día 1 de setembro, coincidindo coa invasión de Polonia por parte de Alemaña, acto que supón o inicio da II Guerra Mundial. O gran recibimento será en Valparaíso, dous días despois.

Onde se separan para sempre Manuel e de Joaquín? Luis Lema sitúa a Manuel, xunto cos vellos camaradas Miguel Ferrer e Luis Casais, formando parte da XII Brigada da División 45ª, comandada por Enrique Líster. Nesa unidade participarían na Batalla do Ebro.

O 10 de febreiro de 1939, Manuel, tras cruzar a fronteira polo paso fronteirizo de Le Perthus, será recluído no campo de concentración de Argelès-sur-Mer. Veñen entón 23 meses de pouca información. Tras permanecer un tempo no campo, foi integrado nun dos Batallóns de Traballadores Estranxeiros do Exército Francés, cavando trincheiras coas que defender Francia da agresión alemá. Esta prodúcese o 10 de maio de 1940 e a capitulación un mes e medio despois, o 25 de xuño. A maior parte dos españois recrutados para os batallóns de traballo franceses, son apresados e recluídos nos Stalags alemás, xunto cos prisioneiros de guerra. Manuel será enviado ao Stalag XII D Trèves, ou Trier, en alemán.

En setembro Serrano Suñer, ministro de Asuntos Exteriores, viaxa a Berlín. A visita pretende preparar o encontro de Hendaya entre Hitler e Franco. O ministro de exteriores do Reich, Von Ribbentrop, pregúntalle que tratamento lles dan aos prisioneiros españois. Serrano, en nome do goberno presidido por Franco, renega deles e asegura que España non recoñece a nacionalidade dos partidarios da República. Marcados cun triángulo azul invertido, que distinguía aos apátridas, os exiliados serán enviados aos campos de exterminio. Apátridas si, pero como os alemás saben da súa orixe, deciden que os triángulos azuis inclúan a letra S de Spanien.

Sabía Manuel que o seu irmán menor, de quen seguro coidaría dende a fuxida ao monte ata a separación, conseguira praza no Winnipeg? Resulta particularmente cruel pensar no diferente destino de cada un, porque o 25 de xaneiro de 1941, Manuel ingresa no campo de Mauthausen. Chegaría en tren, xunto con outros 774 españois, procedentes do Stalag de Tréves. Con punzón e tinta indeleble gravaríanlle o seu número no brazo, 4148. Dende ese momento convértese nunha cifra e deixa de ter nome.

En febreiro é trasladado a Gusen. Suponse que traballaría na canteira de Steinbruch-Wienergraben, e subiría doce veces por día a escaleira dos 186 chanzos, cargado cunha pedra de 50 quilos sacada do corazón da montaña, erguéndose ás catro e media, case sen comer, vestido cun uniforme de raias verticais feito con fibra de papel, malia o frío e a chuvia. Subir, unha e outra vez, os chanzos  construídos sobre a lama, que se desprazaban coa chuvia e co peso dos homes e das pedras, esvarando, tropezando, provocando caídas que arrastraban aos compañeiros cara abaixo, sabendo que caer era a morte, e que esta podía vir polos golpes dos colaboradores ou kapos; polo disparo dunha pistola alemá entre os ollos ou na caluga, ou ao seren lanzados ao baleiro dende o alto da canteira, encirrados polos cans. O salto do paracaidista, dicíanlle os SS a esta diversión.

Enfermaría, de corpo ou de alma, ou de alma e de corpo ao mesmo tempo, vendo morrer aos compañeiros e amigos, padecendo o odio, a humillación, a tortura e a escravitude. Enfermaría, convertido nun musulmán, que era como lle dicían aos que toleaban, pero aínda non morrería, porque a morte chegará o día 16 de setembro dese ano no castelo de Hartheim, lugar no que os nazis ensaiaban a solución final, practicando modos de matar cos prisioneiros tolos ou enfermos terminais, seguindo as instrucións dos médicos Rudolf Lonaner e Georg Renno. Ese mesmo día, os voluntarios da División Azul, a forza militar española integrada na Wehrmacht, que Franco e Serrano enviaban a loitar cos exércitos de Hitler, iniciaba a xornada camiñando en dirección a Minsk e, contra o serán, cruzaban a fronteira que separaba Lituania de Rusia.

Era posible sobrevivir a Mauthausen ou a Auschwitz, pero non a Hartheim. O día 15 de agosto de 1941, dentro da operación 14 f 13, chegan ao castelo os primeiros españois. Na entrada os prisioneiros espíanse, sometíanse a un recoñecemento médico que determinaba a causa da morte antes de se producir e eran retratados. Cincocentos españois falecerían alí. Existe fotografía de Manuel Rodríguez Louro? A eficacia nazi e a teimosía xermana por rexistralo todo, indica que Manuel morreu gaseado.

Podemos pensar na diferente sorte dos dous irmáns, Manuel e Joaquín. Porén, o destino final de cada un non foi tan distinto. A condena de Manuel serían os chanzos e os bloques de pedra da canteira. Joaquín, chegado a Chile no Winnipeg, tamén entra a traballar nunha canteira e nela morre. As causas? Difusas ou escuras. Fálase de que, por un conflito no traballo, o capataz guinda contra el unha pedra que o mata, pero o feito non foi confirmado, é noticia transmitida por un parente que o viu alá. En calquera caso, velaí os elementos comúns entrambos irmáns: O Pedregal, a canteira, a pedra.

A memoria familiar lembra que na casa recibiuse unha carta que informaba do falecemento de Manuel no campo de concentración de Mauthausen. Coa chegada da democracia, Agustín, o sexto dos irmáns, pai dos meus informantes Carmen e Juan Carlos, recibe a noticia de que un sobrevivente dese campo acaba de chegar a Corrubedo. Sen pensalo moito, decide ir na súa procura. Chegado alá e preguntando, é orientado ata un bar, nel José García Sobrido xogaba unha partida ao dominó.

Agustín preséntase e José aténdeo. Si, el, o número 3717, sobreviviu a Mauthausen. Non sabe que ingresou no campo o mesmo día que Manuel, procedente do mesmo Stalag. Na conversa, Agustín descubre que para os prisioneiros, a loita contra o esquecemento era tan importante como a supervivencia. Era imprescindible manter a memoria máis alá do anonimato dos números; lembrar os compañeiros que sucumbían, manter viva a lembranza dos corpos calcinados, das cinzas convertidas en fosfatos cos que abonar os campos que alimentaban as cidades alemás. En Mathausen todos os españois aprendían os nomes dos compatriotas mortos, coñecidos ou non. Era o xeito de salvarse da infamia da desmemoria, que é o non ser, o non ter sido nunca. Mentres quedase un que recordase os nomes dos demais, o mundo sabería quen chegou ata alí e quen sucumbiu á barbarie. O número de españois mortos en Mauthausen ascende a 4.769, entre eles 108 galegos.

José conservaba aínda na memoria, pasado o tempo e aínda sen coñecelo, o rescaldo do nome de Manuel Rodríguez Louro, e así llo dixo a Agustín. Pero non quixo falar. Agustín contaría que ao escoitarlle pronunciar o nome do campo, o rostro de José cambiou de expresión. Diríalle, quizais que logo da liberación, o 5 de maio de 1945, os españois superviventes non puideron regresar a España. Eran apátridas. El aceptou a oportunidade brindada pola república francesa e viviu alí ata que puido volver. A parte primeira da historia de José non distaba moito da de Manuel. Xulgado en Ferrol e condenado por rebelión, escapa no vapor Malenchu a Francia. Ata Mauthausen o devir vaino levando dunha derrota a outra. Non é doado falar de Mauthausen, confesaría ese día García Sobrido, engadindo que un pregúntase a cotío: Por que eu? Por que eu fun dar alí? Por que eu sobrevivín e outros non?.

Carmen, a filla de Agustín, lembra que este, no regreso de Corrubedo, non quixo contar, so expresou a súa desolación, manifestando que, de saber por anticipado o que ía atopar no encontro con José, de imaxinar a dor que transformou o rostro do supervivente, non tería tomado a decisión de ir.

 

Cando miro o Pedregal
As pedras refléxanme as vosas caras.
Vexo Ferrer, vexo Caamaño, vexo Marrolas e vexo Perilla
E moitos, moitos máis
Pasando por tanto sufrimento,
Vexo as vosas nais chorando
Con tanta dor, e tanto lamento.

 -Xan da Centola-

 

O meu agradecemento a Mercedes Díaz Mayán, secretaria da confraría do Pindo; a Xilberto Caamaño; a Raúl Soutelo; a Carmen e Juan Carlos Rodríguez, sobriños de Manuel e de Joaquín Rodríguez Louro e ao historiador Bernardo Máiz Vázquez.

 

 

 

Advertisement