RAMÓN PARADA JUSTEL (I)

O pintor ourensán máis coñecido do século XIX, é Ramón Parada Justel (Esgos 1871- Ourense 1902), incluido na denominada xeración doente, formada por Jenaro Carrero Fernández, Ovidio Murguía Castro, Xaquín Vaamonde Cornide e o noso Parada Justel, nacidos os catro nos primeiros anos da década dos setenta e mortos entre 1900 e 1902. Ovidio Murguía era fillo de Rosalía e Murguía e naceu no pazo de Lestrove. Xaquín Vaamonde, nacido na Coruña, foi protexido de Emilia Pardo Bazán, quen lle deu papel  protagonista na novela La Quimera, morrendo no Pazo de Meirás. Jenaro Carrero era de Noia.

Parada Justel 3

No centro cultural municipal José Ángel Valente de Ourense, situado na rúa do Paseo, onde antes estaba o Banco de España, o Museo Arqueolóxico Provincial organiza unha exposición sobre o pintor ourensán, ao fío da restauración do cadro Os satélites.

O cadro figura como elemento central ou eixo da mostra, situándose á súa esquerda, sobre paneis, a información detallada do proceso e os traballos de restauración. Á dereita, ordénanse as outras obras do pintor que completan a mostra e, tamén unha pequena referencia biográfica.

Parada Justel 4

A min o cadro que máis me gustou foi o titulado O recordo das xoias, cun aire moi francés, impresionista, con ese xogo de luces, transparencias e reflectires no cristal do escaparate do cambiador, que lle dan o ton nostálxico que ten, tamén recollida, claro, na expresión da muller, nas mans… Logo, se me piden escoller, quédome co titulado A familia do anarquista no día da execución.

Parada Justel Anarquista

Pero hai na exposición unha cousa que me desconcertou. Dende que teño memoria, sobre todo dende que teño memoria cultural da miña cidade e do seu patrimonio, sempre escoitei dicir que a pintura que decoraba o teito do teatro Principal era del. Alguén me comentou hai algúns anos, que había dúbidas sobre a súa autoría. Nada se di dela nos datos biográficos que se ofrecen na exposición, que si recolle os momentos nos que pinta cada unha das obras máis singulares. Non sei se xa está absolutamente demostrado que non foi el quen pintou o teito do teatro, obra que lembramos de iren ao cine de nenos, substituida na actual restauración do edificio por unha alegoría de Xaime Quessada que hoxe podemos contemplar. Porén, con certeza ou sen ela, sabendo que moitos ourensáns seguen considerando que si foi el quen pintou ese teito, ou, cando menos, teñen dúbidas de si foi ou se non foi, ao meu parecer si se puido aproveitar a oportunidade e incluir unha referencia que dixese algo así: “1894: durante moito tempo considerouse que nese ano inicia os traballos de decoración do teito do Teatro Principal. Porén, investigacións recentes poñen en dúbida (ou rexeitan, non sei cal é o alcance do descuberto) que fose el o autor desa obra”.

Parada Justel. Principal

Paréceme a min que algo así non suporía quebranto para ningunha suposición ou certeza, e si tería un importante valor informativo e pedagóxico para os visitantes.

Non sei, se cadra este asunto non resulta de interese para os lectores destas páxinas que non sexan de Ourense, espero que a obra de Parada Justel, si e a referencia á súa xeración, si.

 

 

Advertisement

AMADOU NDOYE

No mes de novembro pasou pola Coruña, coma un vento traído de lonxe, Amadou Ndoye, ensaísta e profesor de literatura española na universidade de Dakar.

Amadouh Ndoye. Fotografía Maribel Longueira

Amadouh Ndoye. Fotografía Maribel Longueira

Aprendera o castelán e coñecera a literatura española, como estudiante en Canarias. Entre os autores que convidaba a ler como apoio nas súas aulas, estaba Emilia Pardo Bazán, por iso sentiu unha emoción especial ao visitar o seu museo e ao ter a oportunidade de dar unha conferencia sobre literatura africana no salón da Real Academia Galega. Coñecémonos nese acto. No pouco que falamos descubrimos moitas cousas en común. Chamaba a atención a súa dignidade no estar, o orgullo que sentía vestido coa roupa branca tradicional e tan significativa para el, a pureza do seu espírito, a súa humildade e humanidade. Tiña gana de regresar ao seu país e de ver a familia. Levaba fóra bastante tempo. Aquí chegara procedente de América. Sentíase canso e agora sabemos que tamén enfermo. No mes de marzo, por correo do seu discípulo, o músico e poeta, residente en Vilagarcía, Abdouleye Bilal Traore, recibiamos a triste noticia da súa morte. Dende aquí quixemos renderlle homenaxe e por iniciativa e mediación de Paloma Tomé, Fatou e outras amigas, fixemos un caderno coa memoria dos días que pasou entre nós, caderno que xa está en mans da familia. Para el escribín o texto que segue.

Amadou Academia con Xulia Santiso. Fotografía Paloma Tomé

Amadou na Academia con Xulia Santiso. Fotografía Paloma Tomé

AMADOU NDOYE NO CORAZÓN

Coñecer a Amadou Ndoye, facerlle de guía pola parte histórica da cidade na que eu vivo, conversar con el, foi un privilexio, unha emoción e un estímulo. Admireino escoitándoo falar de literatura africana, na conferencia que impartiu no salón da Real Academia Galega, a casa da nosa lingua. Alí fascinoume a súa capacidade para sintetizar, sen renuncia, o ser dunha literatura continental escrita en tantas linguas e que responde a conceptos vitais, relixiosos e políticos tan diferentes.

Ao remate abrazámonos e quedamos para o día seguinte. Era unha mañá grisalla e fría de novembro. El tomou un té e eu un café antes de saír á rúa. Camiñamos pola beira do porto, vendo entrar os barcos da pesca de baixura, a actividade dos guindastres, o voo dos corvos mariños. Faleille da porta pola que embarcaban os reis e tocamos as pedras da historia. Leveino a Fundación Luís Seoane, para que coñecera o máis importante pintor que deu Galicia e achegámonos ao Xardín de San Carlos. Daquela, xa falaramos de Rosalía de Castro e el contoume como a poñía de exemplo nas súas clases da universidade cando, os alumnos que querían escribir, consultaban con el que lingua empregar. Para el, unha muller que a mediados do século XIX decidiu escribir nunha lingua minoritaria e desprezada como o galego, e que foi quen de facelo con tal intensidade e calidade, era o mellor exemplo de que calquera lingua viva serve para explicar a esencia do ser humano e facer boa literatura.

No xardín onde repousan os restos do xeneral inglés Sir John Moore, espazo romántico baixo a sombra dos grandes olmeiros, limos os poemas de Charles Wolfe e de Rosalía, escritos ambos en honra do xeneral. Quixen traducirlle o dela, escrito en galego, pero insistiu en que non o precisaba porque sabía portugués. Así, fomos lendo xuntos, verso tras verso, apenas nun murmurio, mesturando as voces, nun recital íntimo que selou unha amizade que apenas durou no tempo, pero que foi intensa na súa brevidade: E se escoitas indefinibres voces/ e se entedes o que esas voces digan/ a alma vosa sentirá consolo, di Rosalía no seu poema e así foi como sentimos nós o decir noso.

Escribímonos. Contoume que fora ao médico pola dor do estómago e que os doutores descartaban unha operación. Pedinlle un texto para lerlle aos membros do club de lectura que coordino nunha biblioteca, xa que por eses días traballabamos o libro “O xiro postal” de Ousmane Sembène. Este é o texto que me enviou:

“El giro postal” es  una novela representativa de la realidad senegalesa de los primeros años de la independencia.Creo que se publicó en el ano 1962. Se encuentra en la novela la frase siguiente, si no me equivoco “La honestidad es un delito en nuestro país”. Ello dice hasta qué punto reinaba ya la corrupción en los primeros días de la “independencia jurídica” respecto a Francia que se fue oficialmente pero sigue controlando los bancos, los seguros, las palancas de la economía de nuestro país.

Ousmane Sembèene fue un hombre comprometido, panafricanista, luchador a lo largo de su vida. Cuando se enteró, al regresar a su tierra (en 1957, creo) que la gente no leía sus novelas por causa del analfabetismo (entre otras causas), decidió aprender a rodar películas para que sus textos alcanzaran un público mayor. Se hizo cineasta, al mismo tiempo que siguió escribiendo. Rodó una película (“Campo de Thiaroye) sobre la masacre por los Franceses de combatientes africanos que reclamaban su pago. Ello ocurrió en diciembre de 1946 en Thiaroye, un pueblo pesquero situado a unos 2O kms de la capital. Su última película ( “Molaldé”) denuncia un mal que seguimos viviendo y que practican unas  etnias minoritarias senegalesas y africanas: la ablación del clítoris. Ousmane Sembène está cosiderado como uno de los “padres fundadores” del cine africano. Ha sido galardonado varias veces en el continente africano y en el Festival de Cannes (Francia).

Amadou diante do Dakar. Fotografía Paloma Tomé

Amadou diante do Dakar. Fotografía Paloma Tomé

A triste nova do seu pasamento comunicouma o amigo común, o poeta Abdoulaye Bilal Traore. O único consolo para a tristeza é a lembranza e a alegría de telo coñecido e de compartir con el un momento das nosas vidas. Con todo o meu cariño, un abrazo.