CON ALFONSO COSTA EN COMPOSTELA

Fin de semana de vertixe, esta pasada. O venres saímos da casa ás 16,30 camiño de Compostela. Tiñamos xuntanza cos compañeiros que traballan na organización dos Encontros Internacionais de Embarcacións Tradicionais, que o ano que vén serán en Cabo da Cruz. Alí, con Xerardo Triñanes, Pablo Carrera, Manuel Sendón e Lino Lema, falamos de programación cultural, das Xornadas técnicas e de arqueoloxía mariña.

Alfonso e Teresa Seara

Alfonso e Teresa Seara

Logo, ás 20,30, recital e homenaxe a Alfonso Costa na clausura da súa extraordinaria exposición Imaxinar que soño, na sala Bus Station de Compostela, unha sorte de super nova creadora de Alfonso, en complicidade con Luisa Pita, responsable da sala. Moitas amigas e amigos entre o público. Presentou o acto Teresa Seara; tocaron os membros de Grus Art, Bernardo Martínez e Fito Ares; recitamos Marica Campo, Miguel Anxo Fernán Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Carlos Pereira Martínez, Luz Pozo Garza, Paco Souto, Dores Tembrás; Eva Veiga e eu. O agasallo que se lle fixo a Alfonso, en nome de todos, foi idea da fotógrafa Mada Carballeira e o libro obxecto, marabilloso, cos textos manuscritos e as fotos de Mada, elaborárono Carmen Villalba e Rosa Fernández, no seu obradoiro de encadernación Penumbra.

Eva, Bernardo e Fito

Eva, Bernardo e Fito

Na inauguración da exposición de Alfonso no Pazo de María Pita, a principios de ano, Mada, escoitando aos amigos que recitaban e aos músicos que tocaban, rodeados das obras de Alfonso, sentiu que alí agromaba a calor da emoción e o latexo da amizade. Pensou, entón, que pagaría a pena acoller todo aquel caudal de afecto nun soporte fermoso que fose quen de fixalo sen destruilo, coma un perfume. Así naceu a idea do libro. Mada fotografou a todas as amigas e amigos participantes no proxecto, diante dunha obra das que compoñían aquela exposición. Veu logo o proceso de escribir a man os textos dedicados a Alfonso no papel escollido, a amorosa maquetación e a coidada encadernación. En Compostela estabamos algúns, os implicados no proxecto eran máis: Pilar Pallarés, Gustavo Pernas, Xavier Seoane e Manuel Álvarez Torneiro.

Mada entrega o agasallo a Alfonso

Mada entrega o agasallo a Alfonso

Eu comparto con Alfonso a paixón polo ciclismo. Un cadro del, que representa a un ciclista no esforzo do sprint, me acompaña cada día no estudio. Tamén teño ciclistas debuxados a lapis que el me agasallou. Por iso fixen un poema no que xogo coa linguaxe común entre ciclismo e pintura e acelero cara o final, cun aceno semellante ao do pintor cando debuxa trazos longos sobre o lenzo.

SPRINT 2

Coma un nobelo tubular curvado sobre o cadro
enarborando o pincel
cruzando o aire
tensas a cor na órbita do radio
alumeas o día
e trazas o ronsel do incorpóreo
acelerando sobre a liña de luz
que o lenzo expande. 
Logo de tanta emoción, seguimos viaxe cara Ourense, onde durmimos, para saír o sábado pola mañá, rumbo a León.