O PEDREGAL DE NOVO

Costas do Xigante da Mina, en Chan de Lourenzo

Costas do Xigante da Mina, en Chan de Lourenzo

De novo o Pindo o sábado, ao día seguinte de se cumprir dous anos do incendio que arrasou o monte. Segunda excursión nos últimos oito días, terceira nos últimos vinte. Desta, a mañá amence cuberta, con nubes altas, que segundo transcorren as horas tórnanse baixas. No mar, a escuma esfiañada nas rompentes, anuncia temporal. Porén o tempo é bo, sen vento e cálido.

Paramos en Onde se Adora, por contemplar o mundo que dende alí se divisa. Sobre o alto do Pedrullo, antigo castelo medieval de San Xurxo, aparece un miñato ou ratoneiro común. Voa tranquilo, procurando alimento. Ao cabo, sobre o mesmo espazo, o azor. Tamén el busca o seu xantar. O miñato tenta expulsalo do ámbito polo que el voaba e sobre o que se cernía. Inician unha breve loita e, concentrados nela, non advirten que seis corvos os rodean e atacan en movementos coordinados e eficaces. Ao cabo, miñato e azor abandonan o espazo e os corvos, empoleirados nas pedras que coroan o outeiro, observan a fuxida dos competidores.

As ericas medran sobre o cascallo da antiga mina de wolframio

As ericas medran sobre o cascallo da antiga mina de wolframio

Víbora de seoaneSubimos dende Chan de Lamas e no descenso, a medio camiño, na pequena gándara que se forma na vaguada de rochas, sobre unha laxe, preguizosa e perfecta, unha víbora. Trátase da víbora de seoane, endemismo do norte e noroeste peninsular, descuberta e descrita polo naturalista Víctor López Seoane, nacido en Ferrol en 1832 e falecido na Coruña en 1900.

No seu tempo, Víctor López Seoane foi figura principal entre os naturalistas europeos. Aínda hoxe, nas coleccións de animaisVíctor López Seoane de moitos museos naturais, figuran pezas recollidas por el. Mantivo relación con boa parte do mundo científico do seu tempo, entre outros, polo que significa, con Charles Darwin. Tamén colaborou co Rexurdimento, en particular con Manuel Murguía, responsabilizándose da redacción dos capítulos sobre natureza da Historia de Galicia.

Creo que a víbora que vimos o outro día, individuo adulto, non padeceu o incendio de hai dous anos. O espazo que habita non ardeu, por ser zona moi húmida. Penso, polo tanto, que non se trata da recuperación dunha especie, senón dunha especie que sobreviviu ao lume.

Saben morrer de pé

Saben morrer de pé

O peor da excusión, descubrir novas pintadas no alto da Moa, que non estaban o domingo anterior, estas en amarelo. Non é suficiente o selfi para proclamar o protagonismo? Semella que non, que segue sendo necesario profanalo todo, cargar coa pintura e humillar o espazo, deixar constancia do nome de cada quen sobre as pedras, como se iso lle importase a alguén.

As imaxes da víbora e a de Víctor López Seoane foron recollidas da wikipedia.

As outra son miñas.