ESCRIBIR

Volvo ao libro Singulares de Adonis, o poeta sirio, residente en París, na edición publicada por Linteo, a editorial de Ourense, en tradución de Trino Cruz e Khalid Raissouni.

Volvo ao penúltimo poema dese libro, no que Adonis tenta explicar que escribe e que non escribe. Dinos, por exemplo, que escribe cousas que non se escriben fóra do costume e do que se di, pero que, ao cabo, non é el quen as escribe. Logo o poema constrúese sobre estrofas nas que nos di o que non escribe. Afirma, entón, que delira sobre o seu ser e a súa grandeza, fala daquilo que o domina e cara onde o leva o corpo. Enumerando o que non escribe, confesa que cada vez que procura aclarar algo non fai máis que aumentar a ambigüidade. O poema é moi fermoso, sobre todo cando di cousas como esta: Eu non escribo, eu vólvome xerar nunha nova alegría.

Cada vez que regreso a este texto, dáme por pensar nas razóns que me levan a escribir a min. Lembro, entón, que pasei varios anos da vida tentando deixar de facelo, ata que me decatei da inutilidade desa teima, porque só aceptándome e deixándome levar por esa paixón, podería atopar algo de acougo. Por que escribo?

Adonis

Dei varias razóns ao longo do tempo. Nalgún momento dixen que era por comunicar e compartir, cousa posible. Tamén fixen miña aquela frase, coido que de García Márquez, de que un escribe para que o queiran. Como frase non está mal, pero esa non é razón última, sobre todo cando un non é autor de éxito e non percibe ese cariño máis alá do círculo íntimo das amizades, que xa me quererían pola amizade en si, aínda sen escribir, como quero eu aos meus amigos escriban, canten, bailen, ou non. Ademais, postos a procurar agarimo, mellor sería colaborar cunha ONG ou formar parte dunha sociedade filantrópica.

Cheguei a pensar, tamén que escribía para min, só para min, por exorcizar pantasmas, por aforrar no psiquiatra, por me concentrar nunha distracción que ofrecese, ato tempo, a posibilidade de transcender as horas que nos tocan, razón esta que quizais si alente nun substrato fondo de moitos dos que escribimos. Pero non é iso, ou non é ese o núcleo da cuestión.

Crear mundos, recuperar a memoria da estirpe e da tribo, botar algo de luz sobre os misterios, poñer a palabra ao servizo do que creo xusto, tamén cismei e algo de todo iso hai, pero non só. Por cartos, non, de ser por iso, a saída, dende hai tempo, sería o abandono.

Dende neno, dende que leo, son consciente de que hai momentos, infrecuentes, pero posibles, na lectura dunha historia ou dun poema, nos que sinto unha emoción que me conmove. Esa emoción trasládame a un tempo da nenez na que eu era un ser inocente que se deixaba coidar e querer polos seus, en particular polo meu padriño, meu pai e miña nai. Lembro algúns momentos ou ritos repetidos dese coidado nos que sentía algo, acaso un son mineral, unha expansión, que me enchía o peito e saía de min como unha alegría silenciosa ou un pracer incomunicable que me mareaba. Non duraba moito, pero si se repetía cada domingo cando meu padriño me limpaba os zapatos, cando meu pai me levaba á sesión infantil do cine, cando miña nai me bañaba no gran balde de zinc, logo de quentar o aseo con alcohol de queimar.

garza haikuCo paso dos anos, o máis semellante a aquela sensación atopeino no gozo deses libros aos que me refiro. Na lectura, a sensación era semellante á da nenez, pero eu tiña máis idade e adoitaba ou adoito pensar que nese lampo interior, que agora é lampo e non sentimento mineral, hai algo de iluminación e de felicidade, algo fráxil, sutil e efémero, que ten un efecto liberador. Hoxe dáme por pensar que escribo por conseguir vivir e ofrecerlle aos demais un momento así. Un só. Por experiencia sei que iso unicamente se atopa na brevidade dun verso ou nun parágrafo extraviado na selva de palabras dunha novela.

Se acepto iso, xorde outra pregunta. Por que escribo ou escribimos tanto? Non sería mellor traballar en silencio, escribir só o xusto, verso a verso, procurando a conxunción de palabras que faga posible ese instante de maxia e de misterio. Bastaría ser como Matsuo Basho, quen consideraba que “aquel que crea entre tres e cinco haikus durante a súa vida é un poeta de haiku. Quen chega a dez é un mestre”. Dez haikus, trinta versos, cento setenta sílabas. Este é un haiku seu, aínda que na tradución perde a exactitude da medida.

Este camiño
xa ninguén o percorre
agás o crepúsculo.

Si, podería bastar a contención e a procura do equilibrio e escribir un só haiku que emocione; aínda que acaso ese esforzo e ese exceso de escribir responda tamén a esa pulsión, e esta sexa a razón íntima do exceso verbal. Escribir e escribir moito, actividade fabril e febril, na crenza, acaso errada, de que entre moitas páxinas, tantos parágrafos e estrofas, tantas frases e versos, acaso un, so un, se cadra por azar, acade esa felicidade. Escribir milleiros de palabras como quen debuxa nubes de estorniños, soñando con algún que se salve dos depredadores, que acade a perfección. Penso, ás veces, que ese esforzo compensase unha vida.  Pero como saber cumprido o soño?