O CAMBEDO

Chegoume a información de que o pasado 25 de febreiro, no Museu do Aljube de Chaves, estreouse un documental sobre O Cambedo, titulado O silencio, de António Loja e José Manuel Alves Pereira. A historia do Cambedo pódese ler polo miúdo neste enlace que segue. Eu non a vou repetir. Só lembrar, acaso, que O Cambedo forma parte común da historia da represión practicada polas ditaduras que, durante tantos anos, exerceron o seu poder a xente e as terras de Portugal e de España.

http://chaves.blogs.sapo.pt/filme-os-silencios-do-cambedo-estreia-1350137

Eu souben desta historia en 1996, cando se cumpriron 50 anos dos feitos e un grupo de persoas acudimos alí, en día de chuvia, para honrar a memoria dos que faleceron aquel 20 e 21 de decembro de 1946 e, tamén, a dos habitantes da aldea que sufriron unha acción de guerra criminal e desproporcionada e dos que foron apresados e confinados no peor presidio Portugués en Cabo Verde. Aquel día descubriuse esa lousa que coa lenda: “En lembranza do vos sufrimento: 1946- 1996” quería expresar agradecemento, solidariedade e amor por parte dos galegos.

O CambedoTempo despois, no ano 2004, a Asociación Amigos da República de Ourense, na súa celebración anual, rendeu homenaxe aos veciños que viviron aqueles feitos. Foron moitos os amigos da Raia que se achegaron a Ourense para participar nela. Daquela desvelounos moitos puntos escuros da historia a investigadora Paula Godinho, quen rematara a súa tese investigando O Cambedo. Publicouse, tamén, un libro, iniciativa da Asociación, con varios traballos sobre os feitos.

Xosé Luis Méndez Ferrín, no libro Estirpe, publicou un longo poema que leva por título o nome da aldea:

Agre pemento, e esgrevio
de vez, raíz. Torgueira do sentir, aló as cambas
que poñen rodopío ao corazón.
          Baixo as grandes abóvadas da luz Támega, de vez
          londras de traizón nas augas dos teus ollos, carniceira de ti, gorda.
Non; o home armado é non; Galiza.
          Pobo mestura o Cambedo, é.
          Delfina, meniña loira é.
          Chumbo no ventre, ollos abertos de nena morta,
          de garota triste, de almalla -inda non vaca- aluarada.
          Vellota seixo lembra sempre.
Culatas cen, pés mil. Mallan. El de alxemas e sangue na boca,
o Demetrio.
Disparo, viaxe ao centro do ollo, a luz que cega, en branco fica
Mestre Xoán Salgado.
Adeus mamaciña boa, bombón de metal su a lingua lista
do García.
          Olla, dona, como eles can sobre a terra do esquenzo.
          Olla como eles can sobre a terra do esquenzo.
Va, señores, que lles digo fogo de morteiro e de metralladora.
Dous mil contra o Cambedo, lembren Tebas.
Carne arde; fede, señores. Acolá, alcatrea.
          De pronto o verso hermético decai
          por lle deixar paso franco ao Pauto Ibérico.
          Gardas Fiscal, Republicana e Civil; PIDE, Falange Española.
          As verbas necesarias.
          Contra o Cambedo e ti.
          Vinte e vinteún de Natal do corenta e seis: Vossemecês
          aínda non naceran.
Bombardeo do Cambedo. Eu escoito o balbordo, tu deberas.
          Repara, corazón, que se me corta o leite que me daba a mamá.
Manuela, Engracia, Albertina, señoritas de todos, coraxe
nas matrices blindadas.
Pr’elas o beixo que che nunca quixen dar
por ser de esterco e broa feito.
Cópula, diamante orgánico nos cortellos
nos que o Partido construía o mundo
que non poidera ser.
          Os palleiros en lapas.
          Vexan como aquel can arrastra un intestino.
          Vacas loucas louquiñas
          arden de corna lírica.
          A res cos ollos fóra.
         Vexan as persoas humanas baixo mantos de estrume;
         castañolas, os dentes.
O día no que morreu Portugal.
A Espanha era comesta polo bode
das súas enxebres sombras inferiores (tan características).
Nós, sós.
          Chora Oimbra, carpen Vilarelho, Rabal e Outeiro Seco.
          Deica Verín e Chaves chega a labareda.
          ¡Cimo de Vila da Castanheira,
          Nantes!
Sabémo-lo enigma do Cambedo.
Consagración.
Sangues, de consún, nai, tu (gorda traidora), polos regos
dos lameiros de feno, dos lameiros de pasto.
          Baldío dos soños, república da morte.
          De raíz, cambas, corazón, abóvadas.

 

Advertisement

CABALOS NA TORRE DOS MOUROS

Subimos o domingo ata a Torre dos Mouros. Alí, o pasado verán, coa colaboración de varios centos de voluntarios, desenvolveuse a experiencia arqueolóxica de excavación contada en tempo real, a través das redes sociais. Dirixía o equipo de profesionais e voluntarios o arqueólogo Antón Malde. Da información e difusión ocupouse Manuel Gago. Comentar que a experiencia foi un éxito no concello de Carnota, sobre todo pola explicación e divulgación da iniciativa a través das “barconferencias”.

Na parroquia de Lira todos os veciños saben a copla que fala do lugar, Torre dos mouros ou Curro do Castro:

Curro do Castro,
campo do Medio:
hai un cabalo de ouro
coa súa sela
e os eu freo.
O que queira o tesouro
que o monte 
e será del. 

De investigar a súa posible orixe e o seu significado ocupouse Fernando Alonso Romero nun capítulo do seu libro Historias, leyendas y creencias de Finisterre, apuntando a procedencia xermánica da lenda recollida na copla.

Poldras e poldros no Castelo dos mouros

Eguas e poldros no Castelo dos mouros. Fotografía Maribel Longueira

O domingo, no interior do recinto murado do curro, pacían os cabalos. Un macho, sete eguas e dous poldros de poucos días. Un deles case non se sostiña nas longas patas e amosábase torpe, doada presa para os lobos que aínda señorean estas terras. Os dous procuraban os tetos das nais. Maribel disparou a cámara con emoción varias dúcias de veces. Eu lembrei o poema “Cabalos” de Méndez Ferrín, que forma parte do seu libro Estirpe, a el pertencen estes versos:

……………………………………………
polas húmidas provincias do seu sitio de femia
e eu o cabalo cheiro reverenciosamente
os visgos seus de dona das poulas dilatadas
das górguas recendentes a tomelo e fiuncho

 

das corgas de abrevarmos nas rexeiras do sol
das gallopadas loucas cando intervén o lobo
e a grea se recolle ao abeiro do sucastro
mollo daquela as nefras na urina
…………………………………………….