Onte pola tarde, tomando un café co meu amigo Pepe Fernández Ferreiro, falamos moito de Gabriel García Márquez. Anda arrefriado. Cousa do sol de Ourense, o sábado 12, día no que recibiu homenaxe, xunto co resto dos membros que restan do grupo Brais Pinto, todos agás Ferrín, que non acudiu. Por certo, Brais Pinto non é un grupo musical, que foi o que dixo o xornal La Región.
Pepe é da opinión de que a mellor novela de Gabo (el dille así), vén sendo Crónica dunha morte anunciada, pero que Cien años de soledad é algo que está máis alá do común, un monumento, un universo inabarcable. Onte, tamén, Elena Poniatowska recollía o premio Cervantes, cun discurso sobre os amigos escritores perdidos ultimamente, o que lle valeu para falar dos desposuídos de México e de América en xeral, en particular das mulleres.
Cada día recibo correos dunha sorte de axencia de información libre que funciona na rede, con novas sobre México, chamada Mexileaks. Sempre ofrece perspectivas interesantes sobre o que sucede alá. As persoas que escriben manteñen unha actitude valorosa e firme contra a corrupción e o narcotráfico. O outro día, nunha información sobre intelectuais orgánicos, viña esta foto que aproveito para ilustrar esta entrada. Non sei Gabo, pero non considero a Elena nin a Monsivais intelectuais orgánicos, dende ningún punto de vista, senón todo o contrario.
Sei que no grupo hai políticos e xente do xornalismo e do teatro que eu non coñezo. Só identifico a Elena de pé no centro, a Monsivais, na esquina esquerda e a Gabriel García Márquez, do outro lado no sofá. Eu dinlle a man unha vez, en Guadalajara e ceei nun restaurante, nunha mesa á beira da que el compartía cun grupo de amigos. Tamén tiven a fortuna de estar naquela feira na que el mantivo un diálogo con Álvaro Mutis, aínda que aquel día o diálogo case non existiu, xa que os dous confesaron a amizade que se tiñan e que entre eles non había nada que discutir. García Márquez sempre dixo que el foi a México, a visitar por unha semana ao seu amigo Mutis, alí exiliado, e en México quedou xa para sempre.
A propósito de García Márquez tiven que falar na radio o outro día. Lembrei o que me contou a min Paco Porrúa, de como chegou a el o nome do escritor colombiano, como o buscou e como recibiu o orixinal de Cien años de soledad. Dicir que Paco Porrúa, nacido en Corcubión, foi sempre un editor exemplar.
O que non contei na radio foi o esforzo que debín facer para vencer a tentación de mal emular o xeito de escribir de García Márquez. Do esforzo por borralo sobrevive o inicio da miña primeira novela, O bosque das antas, na que quixen xogar cun deses principios tan marabillosos cos que el nos agasallaba. Como en Cien años de soledad eu pretendín arrincar a historia proxectando a novela nos tres tempos narrativos. Non sei se o conseguín: Levaba moito tempo agardando aquel intre. Que para min tiña dinamismo, viña do pasado, fincábase no presente e abría a porta a acción que se iniciaba. En fin.