XAVIER BLANCO NA FESTA DOS MUÍÑOS

Xavier Blanco 2O sábado pasado os veciños de Caldebarcos celebraron esa romaría íntima á que nos convocan cada ano, chegado xuño. O espazo da romaría chama a esa intimidade á que me refiro, entre os muíños por eles restaurados, algúns con data do século XVIII, á beira do rego de Amil, tamén denominado Caldeirón, que baixa dende as cumes do Pindo ou Pedregal (advírtase da querencia da xente da contorna por duplicar os nomes) a se xuntar co Vadebois (que ten o mesmo significado que Oxford, vaia isto por diante, por aquilo do diálogo intercultural). O fondo do escenario son os cumios do monte recortados contra o ceo.

Como cada ano, acudimos a compartir ese momento entrañable, con tanta xente querida. A condución do programa, sempre ameno, en representación da Asociación Xurde Caldebarcos e da Mancomunidade de Montes, foi cousa de César Cambeiro e de Belén Campos (ou da Crega), clásica parella da festa, que quizais un día veremos nunha televisión, conducindo o programa de despedida de ano e as badaladas.

É costume amenizar o día con actuacións, individuais ou colectivas nun programa que abrangue a tarde toda. Ás veces anímanse os espontáneos, outras suben ao escenario as agrupacións das parroquias e concellos dos arredores. Nunca falta un desafío regueifeiro e moita música. Tamén este ano cantou María de Fetós, que é a nosa devoción, coa súa voz que aínda resiste, malia os anos, e a súa pandeireta.

Este ano o nivel do programa foi moi alto. Por alí pasaron Moncho do Orzán con varios amigos de Cántigas da Terra, que moi ben cantaron. As pandereiteiras de Mazaricos; pandereiteiras de Corcubión: sección adulta, Millo Verde, na foto; sección menuda: As Xaviñanas.

Pandereiteiras CorcubiónPero a grande sorpresa, por espectacular, foi descubrir a Xavier Blanco e os seus instrumentos pobres. Xavier é veciño de Moaña, concello no que exerce de técnico en cultura tradicional. Na Escola de Música Tradicional que hai no concello, desenvolve unha actividade incesante na salvagarda da memoria daqueles que non tiñan cartos para pagarse instrumentos musicais, e que aprenderon a facer  música co que tiñan: unha basoira, unha fouce e un testo; unha tella; unha peneira; un muíño de café, unha leiteira.

Xavier Blanco 1A súa actuación foi unha regalía, algo formidable que moitos nos admirou e nos fixo gozar, tanto polo que lle escoitamos tocar, como polo que nos contou. Tamén polo que nos fixo cantar, que moito coro armamos coas súas cantigas. Eu escoitei, por vez primeira, como soa a gaita de cana. Unha descuberta que quero compartir. Aquí vos deixo este vídeo no que podedes apreciar as súas habilidades.