NEIRA VILAS e CHAO REGO

Foi esta pasada unha dura fin de semana para aqueles que andamos arredor da literatura galega. A perda sucesiva de Pepe Neira Vilas e Pepe Chao Rego, deixounos dobremente orfos.

Coñecinos e trateinos, máis a Neira Vilas que a Chao Rego. Si axudei, sendo vocal da xunta directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a organizar a celebración dos actos de homenaxe a Pepe Chao, en Vilalba, co gallo de serlle outorgada a letra E de escritor, aínda que, daquela, o principal do traballo correspondeulle a Yolanda Castaño.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Con Neira Vilas a relación quizais se iniciou forzada, xa que cando máis intimei con el e con Anisia foi no tempo que traballei para a Consellería de Cultura nos días do bipartito. Porén, foi el quen deu un paso adiante, paso xeneroso que sempre lle agradecín, porque cando saíu publicado o primeiro libro sobre nós e Julio Cortázar publicado por Linteo: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, interesoulle moito. Chamoume e escribiume en varias ocasións, ofrecéndome a memoria que tiña de Julio Cortázar, tanto dos días de Bos Aires, como dos de Cuba. Por el souben que Cortázar asistira a unha conferencia de Francisco Luis Bernárdez sobre Rosalía no Centro Galego, acompañando a Aurora Bernárdez.

Resulta curioso que do tempo de Cortázar en Cuba tamén me falou Ramón Chao, irmán de Pepe Chao, porque coincidiu con el en 1969, nunha viaxe a Cuba, embarcados nun avión ruso Tupolev, ambos convidados pola Revolución a celebrar o seu décimo aniversario. Esa historia cóntase no libro: O soño galego de Julio Cortázar, tamén publicado por Linteo.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Non sei cando foi a última vez que estiven con Chao Rego, saudeino algunhas veces polas rúas de Compostela hai xa bastantes anos. Del gardo lembranza de varias lecturas, entre elas o revelador Prisciliano, profeta contra o poder, que non sei se é posible atopar hoxe, porque A Nosa Terra, a editorial que o publicou xa non existe, e, tamén, O demo meridiano-lembranzas dun transgresor-, que editado por Xerais supoño que segue estando vivo nas librarías. Con Neira coincidín en agosto, na feira do libro da Coruña. Dese día son estas fotos que Pepe Carballude propuxo que fixeramos e que hoxe lle agradezo, xa que foron iniciativa súa. Conmóveme o agarimo a a tenrura con que sostén, nesta, a man de Neira.

Advertisement

SOMBRA TENDIDA

Ás veces sorprendémonos diante das coincidencias e a forza do casual. Eva Veiga acredita na teoría das Resonancias mórficas, do inglés Rupert Sheldrake. Hai unhas semanas, agardaba eu por Pepe Fernández Ferreiro no bar onde toma café polas tardes. Tardaba en vir e eu xa despachara dunha ollada os xornais todos. Quen entrou, daquela, foi o fotógrafo Manuel Vilariño. Situouse na barra, á miña beira e saudeino. Achegueime a el e enredamos nunha conversa vertixinosa que nos levou dun tema a outro: as súas últimas exposicións, os meus últimos libros ou o albergue de Portaventosa. Nun momento preguntoume por unha fotografía, feita no mes de abril de 1989, na que estamos os dous con José Ángel Valente, quen viñera dar unha conferencia no instituto Eusebio da Guarda, na praza de Pontevedra da Coruña. Aparecemos nela: Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Manuel, Valente, Xulio López Valcárcel e eu. El non tiña copia e quedei en buscala para darlla.

valente

Os poucos días fun a Ourense e o meu amigo Antonio agasalloume cun libro de Julio López Cid, publicado en agosto deste ano pola editorial Autófagas, en edición de J. M. Bouzas. Pensei en principio que sería un libro de relatos de Julio, pero logo, cando o lin, decateime de que Valente é eixo do libro (velaí o das resonancias). Valente é o centro, xunto cos outros membros do grupo Los silenciosos, do que con el formaban parte o propio Julio, Valentín Estévez, Antón Risco, Manuel Bouzo e José Miguel Valenzuela.

López Cid

Logo do limiar de Pepe Bouzas titulado “Tanto lodo”,  López Cid tece para nós un pano de lembranzas que teñen como protagonistas os membros do grupo, en especial Valente, pero con eles invoca outras referencias importantes da súa vida, unhas coñecidas e outras que non chegou a coñecer, pero si a querer: Ernesto Gómez del Valle, Cándido Fernández Mazas, Alfonso Costafreda, Claudio Rodríguez ou María Zambrano.

A primeira frase do primeiro texto é unha proclamación de intencións e de memoria, poisPaco Luis, Fdez. Mazas lembra a frase pronunciada por Gómez del Valle: En realidad, casi todo lo que nosotros somos se lo debemos al Dichi. El Dichi non era outro que Cándido Fernández Mazas (1902-1942), o artista e escritor ourensán de vangarda, tan inxustamente esquecido, de quen J. M. Bouzas organizou no ano 2002 a exposición: Vanguardia, militancia y olvido. Mazás mantivo vínculos fortes con boa parte da intelectualidade española da súa época e colaborou en proxectos como As Misións Pedagóxicas. Eu referinme en numerosas ocasións a el, a propósito da relación de amizade mantida con Francisco Luis Bernárdez, a quen retratou, ilustrou libros e para quen deseñou tarxetas de visita, sobres e papel de correspondencia.

Quizais o texto máis importante de Sombra Tendida é Maleza, no que Julio López Cid desvela a razón da ruptura entre José Ángel Valente e María Zambrano. Tamén singular resulta Ajustes de cuentas, que explica o motivo polo que Valente mantivo sempre un certo distanciamento con Ourense, a pequena cidade sórdida, perdida, municipal, escura. A causa sería o fallo dos Juegos Florales de las Fiestas de Orense, de 1956, onde o xurado concede o premio ao escritor falanxista Carlos Rivero, outorgando o segundo a El Cristo, la ciudad y el tiempo, o poema que el presenta.

Recomendo con fervor a lectura deste libro de Julio López Cid, por ben escrito, por curioso, polo coidado da edición e, tamén, porque hai nel augas que, con tempo, deron os lodos, dos que fala Pepe Bouzas.

Engadir, como corolario, que aquel día de 1989, na praza de Pontevedra, tiven ocasión de falar con Valente da novela O bosque das antas, que viña de gañar o premio Xerais e que el lera por recomendación de Julio.

RICARDO GÜIRALDES, O MALÓN E O GAUCHO

O domingo 5, tivemos ocasión de realizar unha excursión dende Bos Aires, xunto con Julio Veiga e Jorge Omar. O obxectivo era xantar na chacra de Cristina, José Luis e Francisco, respectivamente filla, xenro e neto de Julio, e irmá, cuñado e sobriño de Jorge Omar. Hai tres anos, José Luis e Francisco acordaron deixar a cidade, mercaron vinte hectáreas de terreo, ao norte de San Antonio de Areco, e iniciaron a aventura do engorde do polo e o cultivo da froita. A finca é fermosa, pequena para o que alí se leva, por iso é chacra e non facenda, pero está rodeada de árbores por dous lados e polo oeste mira a unha facenda grande, dedicada a pastos e colza. Periodicamente reciben os polos para o engorde. Sobre setenta mil de cada vez, o que supón que por alí pasan case un millón ao cabo do ano. A idea de Francisco é duplicar a produción nos vindeiros meses.

Güiraldes 3

É a súa unha vida illada, sen veciños, compartindo as horas cos catro xornaleiros contratados, tendo como referencia urbana a localidade de San Antonio de Areco, capital gauchesca do norte, segundo nos informa Jorge Omar. A vila é fermosa e a municipalidade tena moi ben coidada. Os veciños rexeitaron o modelo especulativo e as rúas sucédense e crúzanse harmónicas, tanto dende o punto de vista das alturas, como do modelo de construción. San Antonio ten sona por dúas cousas, sobre todo, por ser a capital dos traballos artesanais en prata, en particular os referidos á vida do gaucho: esporas, adobíos dos cabalos e dos sombreiros, bombillas de mate, e porque foi unha das referencias vitais do escritor Ricardo Güiraldes.

Güiraldes 4Visitamos vellas pulperías e lembrei aquela anécdota que contaba Luis Seoane de si mesmo, de que cando chegou exiliado a Buenos Aires e soubo das pulperías, alegrouse moito pensando que ía xantar polbo, que moito lle gustaba. Pero a pulpa non é polbo, cousa que aprendeu axiña. Hai en San Antonio algunha que non mudou dende que abriu ao público, quizais a finais do século XIX. Dende logo, na que nós visitamos, o tempo detívose  hai décadas e a figura do cliente, debruzada sobre o mostrador, semellaba formar parte do ser do local dende sempre.

Güiraldes 1Tamén puidemos ver a casa museo de Ricardo Güiraldes, o escritor arxentino nacido en 1886 e morto en París, en 1927, aínda novo. El participou, xunto con Borges e o algo noso Francisco Luis Bernárdez, na fundación da revista Proa.

Güiraldes foi autor de varios libros importantes, nomeadamente, Don Segundo Sombra, visión do mundo do gaucho no século XX, unha sorteRicardo Güiraldes 0 de complemento ou continuación de Martín Fierro. Porén, Güiraldes non emprega o ton reivindicativo de José Hierro. Fala el da vida gauchesca en ton evocador, intuindo o final dun tempo e dunha estirpe, salientando, iso si, o valor, a lealdade e a vida de honra dos habitantes da Pampa. Güiraldes, para escribir a novela, inspiraríase no gaucho Segundo Ramírez, ao que coñeceu persoalmente e con quen mantivo amizade. A min, os nosos amigos agasalláronme cunha fermosa edición deste texto, e aí ando enredado, en aventuras gauchescas.

O museo está situado no centro da facenda na que residía no tempo que pasaba nas pampas. A casa rodéase de foso e artillaría contra o malón, a incursión defensiva que practicaban os indios, tan semellantes ás que coñecemos polo cine do oeste.

La vuelta del malón de Ángel del Valle.

La vuelta del malón de Ángel del Valle.

Na chacra tamén hai malones contemporáneos, estes de ladróns que entran na finca para roubar. Logo dun xantar feliz, todos xuntos, baixo a sombra dun xacarandá, gozando do voo do colibrí que alí chaman pica flor, percorremoscon escopeta a propiedade ata o límite. Pero compre ir armados, non sexa o malón. Así se vive na verde riba da pampa onde os galegos soñaban un val imposible, segundo escribe Federico García Lorca no seu poema galego Cantiga do neno da tenda. Non creo que a miña sexa unha presenza marcial, que meta medo, pero decidín colaborar na patrulla do solpor.

Cruz do sur

Logo, antes de regresar, nun ceo despexado e preñado de estrelas, constelacións e nebulosas, puidemos ver a Cruz do sur, tan importante para os navegantes doutrora.

BORGES NOS XOGOS FRORAES DO IDIOMA GALEGO

No libro Borges dende o labirinto galego, publicado por la Xunta de Galicia en 2008, o autor, Claudio Rodríguez Fer, inclúe unha fotografía de Jorge Luis Borges falando no banquete dos “Xogos Froraes do Idioma Galego” do ano 1968, nun tempo no que aínda era posible fumar nos banquetes. Formidable a galeguización do nome do autor El brujo postergado, relato que ten a Compostela como referencia.

Borges

Xa a coñecía, pero din con ela de novo estes días, traballando un artigo de encarga sobre a relación entre Francisco Luis Bernárdez e Julio Cortázar, para o que moito debín remexer.

A intervención de Borges prodúcese no acto central dos Xogos, do día 31 de agosto. O mantedor central do acto é Xosé Luis Méndez Ferrín, a quen Borges dedica garimosas palabras.

Ferrín aproveita a viaxe e o día 9 de setembro reúnese co Consello de Galiza, dando conta das accións da UPG e da situación política no interior do país. O Consello, representante da legalidade republicana, vaille encargar a constitución dunha delegación na Terra. Historias esquecidas dun país con pouca memoria.

AURORA BERNÁRDEZ

maribel longueiraNon foi bo o espertar do venres. Erguinme, pasei polo estudio por coller un libro de versos para ler no almorzo e botei man do teléfono. Esa non é cousa habitual en min, que non miro o teléfono ata que saio da casa. Había varios correos advertíndome do accidente de Aurora, a partir da información incorrecta, pero certa, publicada por Clarín en Bos Aires. Horas despois conseguía falar cos amigos do Centro de Arte Moderno. Raúl contoume o que sucedera, o accidente, a dureza do diagnóstico, a ausencia de expectativas.

Hoxe confirmouse o que non sei se era a mellor das posibilidades, visto o dano sufrido na caída e o futuro previsto polos médicos no suposto, difícil, de que sobrevivise.

Falei con ela varias veces entre os meses de maio e xullo deste ano. Foi ela quen me buscou. Un día recibín un correo que dicía que a Sra. Aurora Bernárdez desexaba falar con Chisco Fernández Naval e agregaba un número de teléfono. O correo viña da axencia de Carmen Balcells. Quería pedirme un favor, que a axudase na publicación dun libro que recollese a relación con Galicia do seu irmán Francisco Luis Bernárdez, e toda a súa obra galega, moita inédita.

– Me gustaría que escribieses tú ese libro -díxome.

– Pero Aurora, eu non son quen de facer estudos académicos ben feitos -respondín.

– Por iso mesmo quero que sexas ti -concluíu.

Con Aurora e Mariángeles

Estabamos niso, pero non sei se será posible avanzar nese seu último soño. Ordenado todo Julio, desde el punto de vista literario y jurídico, ahora quiero ordenar a mi hermano y me voy a dedicar a eso, mientras no me fallen las piernas y la cabeza. Penso esa foi unha das últimas cousas que me dixo, a última vez que falamos, xa en xullo. Engadiu que para iso eu sería o seu home en Galicia, e ao escoitala, sentinme trasladado a unha novela de Graham Greene.

Quíxena e quéroa moito. Sempre me chamou a atención o seu xeito natural de vivir e de contar as cousas, falase de quen falase, ela que conviviu con boa parte da literatura universal do século XX. Era xenerosa, divertida, culta, irónica e, sobre todo, sedutora, aínda agora. Dende a primeira vez que falei con ela por teléfono, sentina como alguén próximo. Cando a visitei en París e lle dixen que traballaba nun libro que analizaba a relación de Cortázar con Galicia, respondeu que se alegraba, que non sabía como non se lle ocorrera iso antes a alguén. Axudoume. Mantivemos correspondencia. Vímonos logo en Compostela e en Carnota. Tivo a grandeza de seguir sendo amiga de Julio e volveu ao seu carón cando a precisou. Eu sentín que coñecela era un agasallo da vida. Quería deixar aquí, en homenaxe, as imaxes de Galicia, as da viaxe de 1957, pero non deixa o blog por razóns de seguridade. Así pois, deixo esta dela con Julio do principio, e outras dúas do día no que se inaugurou a exposición sobre el, sobre eles, no salón de Fonseca en Santiago de Compostela. Tomou a foto miña con ela Mariángeles Fernández, amiga, estudosa e divulgadora da obra de Cortázar. Cando Mariángeles nos fotografou, viñamos de percorrer xuntos a Rayuela, dende a terra ao ceo. A outra na que estamos os dous con Mariángeles, é de Maribel Longueira.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A primeira vez que nos vimos na súa casa en París, ofreceume algo de beber, pedínlle unha cervexa, pero non tiña. Nesta casa só hai viño branco, viño tinto e whisky, dixo. Eran as 17,30 dun serán de outono. Ela tiña entón 84 anos e optou polo whisky, porque lle sentaba moi ben para a tensión a aquela hora. Fun solidario con ela e tomamos dous cada un. A tensión, finalmente, foi o a venceu e a min gustaríame volver a brindar con ela, como fixemos aquela tarde, por saúde, pola calor das lembranzas e por amor.

FRANCISCO LUIS BERNÁRDEZ

Paco Luis, Fdez. MazasRamón, da revista dixital “Letra en obras”, pedíume unha colaboración literaria. Decidín escribir sobre Paco Luís Bernárdez, o medio irmán de Aurora Bernárdez e cuñado de Julio Cortázar. Non é unha figura moi coñecida aquí e eu creo que debería sernos máis familiar, sobre todo porque foi un grande escritor, entre dúas linguas, unha delas a nosa. Este retrato fíxollo o pintor ourensán Cándido Fernández Mazas. Velaí vai o artigo, aínda que é necesario engadir que o libro de Linteo xa está na rúa:

O pasado mes de agosto cumpríanse os cen anos do nacemento de Julio Cortázar. Tempo de celebración. Nós, dende aquí, podemos tirar de moitos fíos para nos achegar á figura de Cortázar, tamén á súa obra, xa que a súa relación con Galicia e cos galegos da emigración e do exilio foi intensa e constante. Unha das relacións máis singulares foi a que mantivo co seu cuñado, Francisco Luis Bernárdez, escritor galego-arxentino a quen se refire o seguinte texto, resumo do que figura no libro O soño galego de Julio Cortázar que proximamente publicará a editorial Lintelo.  

Segundo propia confesión, Francisco Luis Bernárdez naceu no século XIX, porque chegou ao mundo uns días antes de rematar o ano mil novecentos. Foi en Bos Aires; o ambiente, unha familia de emigrantes procedentes do concello de Maside, na provincia de Ourense.

Na súa mocidade Paco pasou varios anos en Galicia e Portugal. En Galicia fíxose amigo dos escritores galegos da época e aproveitou para iniciar relación con parte da intelectualidade española. Daquela, exerceu o xornalismo nas páxinas de El Pueblo Gallego e Faro de Vigo, e escribiu en galego, circunstancia compartida co seu amigo Amado Villar Novaiz, poeta arxentino nacido en Galicia, coñecido como O Meleiro. Rafael Dieste lembrarase del ao comentar como era a vida dos escritores e xornalistas na cidade de Vigo en 1925:

(…) Traballei primeiro no periódico Galicia, con Roberto Blanco Torres, Valentín Paz Andrade Signo… Despois en El Pueblo Gallego, dirixido entón por Fernández Mato. Lembro como cousa máxica a convivencia e os coloquios sen fin, sobre todo o humano e o divino, cos xa mencionados e con Eugenio Montes, Amado Carballo, Francisco Luis Bernárdez, Manuel Lastre Rivas, Johán Carballeira, Fernández Armesto…

Na revista Nós daqueles días pódense ler dous traballos de Francisco Luis en galego, «A estrela y–o aturuxo» e «Apoloxética do cadaleito».En Galicia escribe Alcándara, editado por Proa no regreso a Bos Aires. Roberto Blanco Torres, publica na revista Nós unha recensión deste libro, na que di: «Alcándara foi inzada en Galicia, aireouse no mar e froiteceu na outra Terra do poeta, terra de sementes, sempre encinta».

Jorge A. Mazzinghi falando de Paco Luis, afirma que: En Galicia vivió, adolescente, y creo que allí se concertaron sus bodas con la poesía —que comenzó abordando en la lengua ancestral— porque le fue revelada por autores portugueses y gallegos, que lo pusieron en contacto con el encantamiento que las palabras pueden lograr. Engade logo que foi Rosalía de Castro quen deixou a pegada máis fonda no seu espírito. Luís Seoane tamén escribiu sobre el:

Francisco Luis Bernárdez foi sempre un galego polos seus sentimentos, polo seu pensamento e por ter adicado gran parte da súa obra a Galicia. É un gran poeta arxentino que en ningún intre deixou de colaborar, cando se lle solicitou, cos galegos emigrados, soñando como éstes sempre en Galicia.

Paco Luis será o encargado de dar a coñecer en Bos Aires a Castelao; primeiro, a través dun artigo que publica en Martín Fierro e, logo, actuando como presentador do libro Cousas na cervexería Royal Keller, na rúa Corrientes, onde se reunía o mundo cultural máis moderno da cidade.

Paco Luis- Poemas elementales

Sorprende a súa firmeza afectiva, salvando relacións con persoas que mantiñan criterios e opinións políticas e relixiosas opostas ás súas, xa que Bernárdez decantarase a favor do bando insurrecto durante os primeiros días da Guerra Civil española. Aurora Bernárdez, media irmá e primeira esposa de Cortázar, afirma que: «Paco foi franquista, pero non era sectario». Quizais foi iso o que lle permitiu ser crítico co réxime que perseguía e executaba aos amigos e o que o impulsou a continuar espallando a obra e a vida de escritores como Castelao, Luís Pimentel, Miguel Hernández ou Antonio Machado; a participar no que se deu en chamar a batalla de Montevideo, denunciando por escrito a persecución do galego por parte de Franco e o seu réxime ditatorial, ou a seguir sendo amigo de republicanos como Eduardo Blanco Amor.

En 1970, Edicións Nós de Buenos Aires publica Escolanía de merlos de Faustino Rey Romero, con limiar en galego de Francisco Luis Bernárdez. Neste texto que reflicte a saudade do tempo e dos amigos que quedaron atrás, Paco lembra os días da República e proclama, outra volta, a súa condición de galego:

Pode que algún deles refírese aos merlos de Faustinocombine segredamente ises ritmos cos primeiros compases do Hino de Riego, notas que no devandito Dacón ouvía eu cantar ao merlo dun barbeiro republicán. Como queira que sexa, veleiquí un poeta universalmente (catolicamente) galego, e uns paxaros que fican incorporados aos que non esquenceréi.

Amigo de Borges dende a mocidade, este dedicoulle varios poemas. Nun deles, «Epílogo», escrito logo da súa morte, Borges, logo de expresar a súa dor, de afirmar que tamén el morreu co amigo, e de repasar a xuventude compartida, remata con esta invocación:

                 Francisco Luis, del estudioso libro,
                 ojalá compartieras esta vana
                 tarde conmigo, inexplicablemente,
                 y me ayudaras a limar los versos.

Francisco Luis Bernárdez será co tempo o cuñado de Julio Cortázar. En realidade, Julio coñece a Paco antes que a Aurora. Por Julio sabemos que Paco levaba na carteira unha folliña, quizais de prímula, cortada na tumba de Keats en Roma e, recoñecendo a común afección polos sonetos del e do cuñado, chegará a afirmar que os sonetos son unha enfermidade de familia. 

Paco Luis Bernárdez

Ata aquí o artigo. Hai un poema de Paco Luís que é moi importante na Arxentina. Apréndeno os nenos na escola e Augusto Monterroso era quen de recitalo de memoria, mentres afirmaba que a poesía de Bernárdez influira en todos os escritores da súa xeneración. É o Soneto unitivo, do libro La ciudad sin Laura:

Tan unidas están nuestras cabezas
y tan atados nuestros corazones,
ya concertadas las inclinaciones
y confundidas las naturalezas,
que nuestros argumentos y razones
y nuestras alegrías y tristezas
están jugando al ajedrez con piezas
iguales en color y proporciones.
En el tablero de la vida vemos
empeñados a dos que conocemos,
a pesar de que no diferenciamos,
en un juego amoroso que sabemos
sin ganador, porque los dos perdemos,
ni perdedor, porque los dos ganamos.