PACO IBÁÑEZ CANTA EN GALEGO

Meu amigo Antonio García Teijeiro é grande amigo de Paco Ibáñez, o cantautor por excelencia, aquel que nos emocionaba con “Palabras para Julia” ou con “La poesía es un arma cargada de futuro”, a primeira composta a partir do poema de José Agustín Goitisolo, a segunda do poema de Gabriel Celaya. Este ano Paco Ibáñez vivirá dobre celebración, cumprirá a marabillosa idade de oitenta anos e lembrará que hai cincuenta editaba o seu primeiro disco no que facía cancións cos versos de Góngora e Lorca.

Arredor destas celebracións, haberá unhas Xornadas de homenaxe nas que Antonio participará falando de poesía e música. Hai unha canción moi fermosa que Paco Ibáñez canta sempre, composta a partir dun poema de Antonio; titúlase “Que ocorre na terra?”, pero non é a única colaboración. Paco tamén lle puxo música ao poema “O vento dorme”. A continuación podedes escoitar a primeira en edición radiofónica, nun programa da SER.

E como a cantei con Paco Ibáñez tantas veces, como a sentín tan intensamente, como a poesía e a canción seguen sendo necesarias, agora que tamén queren privarnos do canto comunal, da comuñón da canción, aí deixo “La poesía es un arma cargada de futuro”…