O GALEGO A ÚNICA BANDEIRA

Unha vez máis polas rúas de Compostela, convocados pola Mesa. Unha vez máis esixindo defensa, amparo, promoción, presenza, políticas activas, atención, coidado, cariño, do e co galego. Unha vez máis. Mani galego 2

Unha vez máis alí, malia non entender a frase ou o lema da convocatoria.

Dende o principio tiven a sensación de que eramos menos. Durante todo o percorrido pareceume advertir menor entusiasmo e un certo escepticismo. Imos breados e non atopamos o xeito de frear o deterioro, de virarlle a tella ao aire.

Non sabemos ou non podemos transmitir o amor pola lingua aos que desertan, aos que rexeitan, aos que recúan. Sei ben de quen é a responsabilidade maior, sei quen representa a irresponsabilidade maior, pero iso non evita que pretenda comprender, que olle ao meu redor, iso non me impide reflexionar.

Máis alá deles, máis alá de nós, hai vida, hai relacións, hai comunicación, hai simpatías e antipatías, hai comunidade. Velaí o espazo onde traballar.

Mani galego 3

Non leva razón o Sr. Feijoo, que onte volveu eludir o seu deber culpando en exclusiva á sociedade da deriva do galego. Aínda aceptando a responsabilidade colectiva, que é certa, á súa obriga é desenvolver políticas que actúen sobre a cerna do problema, prestixiando, dando valor, convocando e recuperando o consenso político e social, a acción común, achegando vontades.

Moito foi o mal causado á lingua en pouco tempo. A argumentación falaz, tantas veces repetida polas voces que gobernan e tan ben recollida nos medios de comunicación, encheu o fardel dos argularios; a estratexia de dividir e de danar deu azos aos inimigos da lingua, que haber, hainos, e incrementou o bando dos indiferentes.

Onte acudimos unha vez máis a Compostela, que non é terra liberada. Ata a conexión eléctrica na Quintana lle foi negada á convocatoria.

É imprescindible a profusión de bandeiras que ondean de cada vez e que a tantos arredan?

Gustaríame percorrer as rúas, en mañá de sol ou de chuvia, convocado por unha única chamada, por unha única bandeira: a da lingua. Penso que estariamos máis, se así fose. É tan difícil? Unha soa organización, a sociedade civil, comprometida e libre, sen outro pavillón, sen outro estandarte, sen outro emblema. Sumando e non restando. Sumando sempre.

Advertisement

ABANCA/AFUNDACIÓN E O GALEGO

Quizais xa o sabedes. Haberá quen recibiu unha mensaxe de correo electrónico con esta información. Pero por se alguén non está ao tanto, fago miña a mensaxe recibida que comparto. Ten que ver con ABANCA, esa nova entidade, adquirida por capital foráneo, que ao chegar afirmou que mantiña os compromisos con Galicia. Quizais por iso xogou a nun principio con ese nome que pode ser lido como se queira, pero, tamén, en clave galega. O do nome tamén foi aplicado á fundación cultural, que agora se chama AFUNDACIÓN.

Poren, malia eses primeiros augurios que prometían, vimos de saber que a entidade financeira con sede en Galicia que fai bandeira da súa galeguidade co propósito evidente, e lexítimo, de recuperar a súa cota no mercado propio, acaba de tomar a decisión de facer a publicidade, a sinalética e a comunicación xeral dentro de Galicia en castelán. “Curiosamente”, manterán o catalán como lingua vehicular en Cataluña.

Con independencia de que esa decisión poida ser considerada por algúns como necesaria e por outros como erro estratéxico, o que si supón é un novo e forte golpe en contra do idioma propio do país. Por iso seguro que paga a pena tentar que rectifiquen. Poderiamos facermos algo. Algo sería, por exemplo, introducir no noso muro do facebook e na páxina de twitter comentarios e opinións sobre a decisión incluíndo no corpo do texto as referencias a @escotet e @abanca. Pódese enviar unha mensaxe directa por twitter a @somosabanca ou en facebook en https://www.facebook.com/SomosAbanca. Outra opción, non excluínte, sería enviar unha pregunta ou comentario a través do seguinte formulario online: http://www.abanca.com/gl/axuda/contacto/.

Quizais, se facemos o suficiente ruido ao respecto, poderiamos conseguir que reconsideren esta nefasta decisión e salvemos un referente principal dese espazo clave para o noso idioma como é a comunicación financeira.

Esta entrada de hoxe non leva imaxes, coido que non as precisa. Se vos parece ben, espallade isto todo o que poidades.

DEZ ANOS CON PLAN, PERO PLANTADOS

Dende hai catro anos, asisto dous días por semana a clase de inglés. Tomei a decisión cando me vin participando dun proxecto europeo, no que o inglés era o idioma principal de comunicación entre os socios, xente das illas Orkney, en Escocia; de Islandia; Noruega; Chipre e Bulgaria, amais de nós, os galegos, claro.

Non era a primeira vez que tentaba o tentaba. Durante un ano, máis ou menos, loitei cun ordenador nunha academia cibernética, sen obter ningún resultado. Daquela tiña por compañeiro a Miguelanxo Prado, pero el si sabía e ía a clase por manter o nivel acadado durante o tempo no que traballara en Estados Unidos. Eu non me entendín coa máquina e non aprendín nada. Ademais, a cadea multinacional á que pertencía a academia crebou e eu perdín os cartos dunha matrìcula excesiva que había que ingresar na conta bancaria da academia antes de comezar.

O formato agora é máis amable. Unha academia a douscentos metros da casa, xente moi profesional e moi amable, que non só me permite aprender, senón que me axuda cando o necesito. Recibo clase de persoas, non de ordenador, e o grupo de alumnos do meu nivel e hora é pequeno. Todo humano e á medida dos días. Ao proxecto cheguei tarde, pero non á vida, e algo de inglés sei, incluso para avanzar lentamente polas páxinas dos libros. A nosa profesora tennos comentado moitas veces a súa opinión de que non todas as linguas son iguais á hora de valorar o acento do aprendiz de inglés. Falamos de niveis medios de aprendizaxe. Hai linguas que polas súas características e polos sons e rexistros que posúe, darán mellores acentos que outras. Ela considera que o brasileiro, o portugués e o galego, por cuestións fonéticas, dan un acento moi bo e permiten superar algunha das dificultades que o inglés ten para os estudantes que proceden doutras linguas.

Se iso é así e se o goberno da Xunta de Galicia que preside Núñez Feijoo está tan preocupado de que a xente do país aprenda inglés, debería promover a aprendizaxe masiva do galego, con toda a súa potencialidade fonética, na certeza de que estaría conseguindo magníficos anglo falantes que poderían competir en condicións de vantaxe, con respecto a aqueles que se incorporan a esa lingua dende o outros rexistros.

Semella unha brincadeira, pero non é tal. Hai dous anos viaxamos a Fortaleza, capital do estado de Ceará, no norte do Brasil. Maribel participaba coas súas fotos nunha bienal de arte. Tamén ía Félix, un catalán, partidario do dereito a decidir e, ao tempo, cidadán do mundo, presidente dunha das sociedades artísticas máis antigas e importantes de Cataluña. Puxéronnos chofer e coche para os tres. En realidade os choferes eran dous que facían quendas durante o día. Os dous, cando falaban con Félix chamaban por min e pedíanme que actuase de intérprete, porque a el non lle entendían nada do que dicía e a min si. Sobra dicir que eu faláballes galego. Félix recoñeceume un día que se Cataluña tivese unha lingua coa potencialidade do galego, capaz de ser ponte de comunicación cunha comunidade lingüística tan importante e cun estado emerxente da capacidade do Brasil, toda a poboación a sabería e a Generalitat, as universidades, o mundo empresarial, cultural e deportivo, traballarían cada día por afondar e afirmar esa relación. Realmente, en Ceará eu sentín orgullo da miña lingua que me permitía a comunicación coa xente tan lonxe da casa, sen problema ningún e sen que interferise a procedencia social ou o estrato económico e cultural dos interlocutores.

Este ano viaxamos a Islandia, país con lingua propia que só falan 322.000 persoas, a totalidade dos habitantes que ten o estado soberano, que así nos dicían alí referíndose ao seu país. Todos falan inglés e moitos tamén noruegués, claro, pero o islandés é a lingua de seu, a importante, porque é a propia, a que empregan cada día, na que medran e na que morren. Unha lingua aínda máis pequena ca nosa, pero forte e asumida pola comunidade á que pertence.

Cemiterio de Lira

Aquí semella que sempre andamos a por trabes na roda. O Plan de Normalización Lingüística, aprobado por lei do noso Parlamento, e que hoxe celebra o décimo aniversario, foi exemplo de consenso político e social. O Plan non impedía aprender e falar castelán, inglés, francés ou islandés, pero procuraba facer posible o soño de que en Galicia, a vida, tamén podía ser en galego. Consenso e soño non importaron á hora de quebrantar o espírito e a letra do Plan. Tampouco importou para envelenar os discursos relativos á lingua. Nunca tantos argumentos se deron dende o poder para armar aos que se senten inimigos do galego, que son poucos, pero fan ruído. Estes invocan agora as palabras pronunciadas polo presidente, por algúns conselleiros, secretarios, parlamentarios, concelleiros, escribáns ou escudeiros, en defensa dun decreto innecesario e que o único que fixo foi ampliar e ensanchar unha fenda que sendo entón ferida leve, hoxe e grave, e coloca ao galego en situación de emerxencia e de risco.

Hai un mes asistín na Coruña ao acto de inauguración da Mostra de Arte Gas Natural-Fenosa. Todos os discursos foron en castelán, agás o do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen falou en galego polo cargo que ocupa. Lembro un tempo, recente pero que semella moi afastado, no que iso non sucedía, no que o delegado da empresa, o alcalde da cidade, a directora do museo, falaban galego, mellor ou peor, pero galego, porque ese era o consenso social asumido e aceptado.

Así van as cousas, a contramán. Todo resulta tan áspero e pesado. Quixera reclamar e esixir dende aquí a recuperación daquel espírito e daquel consenso. Recuperalo e darlle a ese feito transcendencia pública, tanta como se lle deron aos argumentos falaces, porque consenso e rectificación pública son imprescindibles para curar as feridas da lingua e frear a hemorraxia que padecemos. Pero non confío nada en que iso sexa posible. A preocupación actual semella ser quebrantar todos os consensos. Crebar todas as pontes. Velaí, senón, a proposta de modificación da lei electoral ou a redución de parlamentarios galegos sen variar os criterios de reparto e de elección. Pero así, a nosa viaxe como colectividade é viaxe a ningunha parte, ademais, sen plan.

(A foto, tomada por min nesa parte fermosísima do cemiterio de Lira, onde están enterrados os nenos en tumbas de cunchas, non é unha metáfora, aínda que podería selo. Só quere lembrar aquela campaña de en galego ata a morte)