Queridas e queridos todos: Buscando calor que alivie o frío que sinto nun recuncho do corazón, deixo dous agasallos: un breve fragmento da novela nova e unha peza musical que aparece como referencia varias veces nela, compañía que procuro, porque desa peza aliméntase o ritmo e o ton dalgunhas pasaxes e porque a min ese violoncelo prodúceme acougo. A peza é “Fantasía” de Fanny Mendelssohn.
A novela avanza lentamente cara as 200 páxinas. Quizais vai pola metade.
Cos meus mellores desexos para estas festas, sempre tan complexas.
Nora pretendía manter vivo o español aprendido nos anos vividos en Oaxaca. Tocaba o violoncelo, cello dicía ela, e cada mañá, cando Alma se aproximaba á casa, pola fiestra entreaberta da sala de estar, chegaban ata ela os acordes dalgunha peza de Fanny Mendelssohn ou da compositora mexicana Graciela Agudelo.
Parecíalle unha muller admirable. De personalidade decidida e forte, coidaba o seu pelo longo, noutrora negro acibeche e agora abrancazado, que peiteaba moitas veces e recollía nunha coleta, como fan moitas mulleres mexicanas. Coidaba o seu pelo como quen coida un xardín, pensaba Alma. Recoñecía que todas as tardes, contra o serán, bebía un vasiño de mezcal e fumaba un cigarro delgado e pequeno, feito con follas de tabaco. Íalle ben para a tensión, afirmaba, aínda que logo recoñecía que a tensión a tiña ben e que bebía e fumaba por gusto. A relación con Alma era de mañá, pero esta comprobara que o do mezcal e o do cigarro era certo algún serán de sábado no que quedaran para iren ao cine, ao teatro ou a algún concerto, aos que sempre convidaba Nora. Ían a Broodway, ao corazón do espectáculo dicía Nora, quen gozaba coas luces, cos disfraces de Watman, Superman ou Spiderman con que se fotografaban os turistas, coas bandas que interpretaban marchas militares, cos faquires e cos mariachis, coas mulleres e homes anuncio. Anoxábana as mozas espidas co corpo pintado coas barras e estrelas da bandeira e o escudo do capitán América debuxado nas mamilas, convidando aos homes a locales de streap-tease.
-
Gústanme os corpos espidos, pero non a explotación comercial e patriótica –sentenciaba.
Tocaba descalza. Necesitaba sentir nos pés a vibración do planeta, a forza telúrica da orixe, de Pangea, dicía, o continente primeiro que reunía as terras orixinarias sobre a que abrollaron os primeiros gromos. E rían cando Alma apuntaba que quizais o que percibía na palma e nas dedas dos pés, non era máis ca vibración subterránea do metro. Nora tiña unha risa sonora e franca, ría coa boca moi aberta, botando a cabeza cara atrás, como entregándose. Cando se dispuña a tocar, sentaba na cadeira e arremangaba a saia por riba do xeonllos, para logo afirmar o cello entre as coxas. Nese momento a Alma gustaríalle apertala, agarimala, porque era moita a tenrura que lle causaban a súa naturalidade e a súa pel morena e suave, o seu xeito firme e delicado de empuñar o arco e de tocar. Afirmaba que a expresión musical do cello está intimamente ligada ao arco. Perseguía o que ela denominaba dobre audición, escoitar as vibracións directas que recibía do instrumento e procurar a resonancia do son no espazo e dentro dela. Daquela imaxinaba a música en toda a súa sutileza e riqueza de detalles. A isto chamáballe canto interior.
……………………………………………………………………………………………………..
O repertorio musical de Nora estaba formado por música de mulleres. Os fermosos concertos das mulleres sen voz, dicía. Consideraba que o silencio imposto sobre as composicións musicais femininas, era a mellor metáfora do papel atribuído a estas nas sociedades burguesas e que aínda se lles reservaba na sociedade moderna do século XXI.
- Sal aí fóra e pregunta cantas mulleres compositoras coñece a xente -incitaba.
Alma pensou na colección de cen discos de música clásica que tiña na casa, en Galicia, e na que, de non se enganar, non había unha soa composición de muller. Mercara a colección pola garantía que supoñía para ela a selección de obras feita por un selo de tanto prestixio na música clásica como Deutsche Grammophon, pero agora comprendía que se equivocara. Polas mañás non tiñan moito tempo, pero entre os minutos roubados ás clases de conversación e os seráns dos sábados, Alma achegouse á música dunha Alma coma ela, Alma Mahler, tamén a Lili Boulanger, Iluminada Pérez, Clara Wieck ou Clara Schumann, Fanny Mendelssohn, Nannerl Mozart, María de Alvear, Manranne von Martínez, Kaija Saariaho ou as compositoras mexicanas Graciela Agudelo, Cecilia Medina ou Leticia Armijo. Aquel era un mundo novo que a fascinou. Representaba o ritmo feminino do tempo, a emoción expresada en cadencia de muller.
-
Nunca interpretas música composta por homes? –preguntou unha vez Alma.
-
Pensas que son tan estúpida e arrogante coma eles? Como non gozar do voso Pau Casals ou do repertorio para cello de Dvorak ou Elgar? –respondeu Nora con certa arrogancia.