CON ALFONSO COSTA EN COMPOSTELA

Fin de semana de vertixe, esta pasada. O venres saímos da casa ás 16,30 camiño de Compostela. Tiñamos xuntanza cos compañeiros que traballan na organización dos Encontros Internacionais de Embarcacións Tradicionais, que o ano que vén serán en Cabo da Cruz. Alí, con Xerardo Triñanes, Pablo Carrera, Manuel Sendón e Lino Lema, falamos de programación cultural, das Xornadas técnicas e de arqueoloxía mariña.

Alfonso e Teresa Seara

Alfonso e Teresa Seara

Logo, ás 20,30, recital e homenaxe a Alfonso Costa na clausura da súa extraordinaria exposición Imaxinar que soño, na sala Bus Station de Compostela, unha sorte de super nova creadora de Alfonso, en complicidade con Luisa Pita, responsable da sala. Moitas amigas e amigos entre o público. Presentou o acto Teresa Seara; tocaron os membros de Grus Art, Bernardo Martínez e Fito Ares; recitamos Marica Campo, Miguel Anxo Fernán Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Carlos Pereira Martínez, Luz Pozo Garza, Paco Souto, Dores Tembrás; Eva Veiga e eu. O agasallo que se lle fixo a Alfonso, en nome de todos, foi idea da fotógrafa Mada Carballeira e o libro obxecto, marabilloso, cos textos manuscritos e as fotos de Mada, elaborárono Carmen Villalba e Rosa Fernández, no seu obradoiro de encadernación Penumbra.

Eva, Bernardo e Fito

Eva, Bernardo e Fito

Na inauguración da exposición de Alfonso no Pazo de María Pita, a principios de ano, Mada, escoitando aos amigos que recitaban e aos músicos que tocaban, rodeados das obras de Alfonso, sentiu que alí agromaba a calor da emoción e o latexo da amizade. Pensou, entón, que pagaría a pena acoller todo aquel caudal de afecto nun soporte fermoso que fose quen de fixalo sen destruilo, coma un perfume. Así naceu a idea do libro. Mada fotografou a todas as amigas e amigos participantes no proxecto, diante dunha obra das que compoñían aquela exposición. Veu logo o proceso de escribir a man os textos dedicados a Alfonso no papel escollido, a amorosa maquetación e a coidada encadernación. En Compostela estabamos algúns, os implicados no proxecto eran máis: Pilar Pallarés, Gustavo Pernas, Xavier Seoane e Manuel Álvarez Torneiro.

Mada entrega o agasallo a Alfonso

Mada entrega o agasallo a Alfonso

Eu comparto con Alfonso a paixón polo ciclismo. Un cadro del, que representa a un ciclista no esforzo do sprint, me acompaña cada día no estudio. Tamén teño ciclistas debuxados a lapis que el me agasallou. Por iso fixen un poema no que xogo coa linguaxe común entre ciclismo e pintura e acelero cara o final, cun aceno semellante ao do pintor cando debuxa trazos longos sobre o lenzo.

SPRINT 2

Coma un nobelo tubular curvado sobre o cadro
enarborando o pincel
cruzando o aire
tensas a cor na órbita do radio
alumeas o día
e trazas o ronsel do incorpóreo
acelerando sobre a liña de luz
que o lenzo expande. 
Logo de tanta emoción, seguimos viaxe cara Ourense, onde durmimos, para saír o sábado pola mañá, rumbo a León.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisement

GRUS ART, A MÚSICA DE FITO E BERNARDO

A grúa e o grou son paxaros leais e fieis, di Eva Veiga na presentación do disco Grus Art, desa parella de grúas que son Ber (nardo) Martínez e Fito Ares. Amigos dende nenos, quizais aprenderon xuntos a vivir e a tocar e aí seguen, altos coma grúa ou grou, coma eles leais e peiteados de gris, ofrecéndose e ofrecendo o mellor de si, sobre todo cando improvisan, como fan neste disco.

Bernardo

Bernardo

Estamos no Filloa, o clásico do jazz e da noite, en crepúsculo de partido da roja nun Mundial ao que non debeu ir. A convocatoria da presentación-concerto era ás dez -as grúas non saben de fútbol- pero pola tarde, a través das redes, anunciouse a proposta de adialo ata as once.

A esa hora Eva sube ao escenario, recita tres versos que escribiu para o disco: tocar ramas/ a ruta dos paxaros/ diexar que veñas e presenta a Fito e a Bernardo a un auditorio de amigos. Para rematar le un fermoso poema que Chefa Alonso, tantas veces compañeira da parella co seu saxo e as súas percusións, escribiu a modo de celebración, cando escoitou por vez primeira o material que gravado que compón o disco.

Fito e Bernardo

Fito e Bernardo

Logo voaron as dúas aves, voaron e fixeron voar co seu canto, nun xogo de complicidades. Fito alternando saxo soprano, clarinete baixo e frautas; Bernardo dialogando con el, unhas veces cos saxo alto ou co clarinete e outras facendo latexar a noite co ritmo negro da percusión.

Tras unha primeira peza das que integran o disco, foron subindo ao estrado os amigos músicos presentes, formando tríos, sempre os dous, Fito e Bernardo, acompañados por: Michel Canada, Roberto Somoza, Risto Vuolanne, Cennet Jönsson e Antonio Ferreiro, para rematar a sesión, todos xuntos no escenario encheron a noite de luz.

Con Michel e Cennet

Con Michel e Cennet

Ildefonso Rodríguez, poeta e músico leonés, pero que pasa o mes de agosto en Canedo de Carnota, compañeiro tantas veces de formación musical, coma eles mestre da improvisación, escribiu un texto que acompaña o disco e que axuda e mellor comprender ese concepto de música improvisada:

¿Que son? Éstas que ahora escucho, las que dos improvisadores tocan cuando se encuentran. Unidos por la fraternidad del odío y la escucha, por una tradición viva que son ellos mismos, Bernardo y Fito, sin más interés ni usura, tocan por tocar, como quería Novalis: “Hablar por hablar es fórmula de la liberación”. ¿De qué? De la tiranía de lo ya escuchado y repetido. Al retirar el bastidor aparece la trama del bordado, la personalidad desnuda de los dos músicos, sus ternuras melódicas, sus turbulencias, sus remansos. Suenan así porque son musicalmente libres para tocar lo justo, impulsados por su ritmo y su sentido de la forma. Lo que fluye es un relato que cada cual llena con sus propias imágenes (animales y máquinas, los instrumentos vivos, miniaturas animadas, frases de una lejanía; y el batir de lo que está fuera de campo). Escuchas más de cerca: fluyen los pulsos, los impulsos, esa electricidad que los músicos se pasan uno al otro. Escucha, son Fito y Bernardo. Nadie puede tocar por ellos lo que ahí se toca. Y tú no quedas fuera: es una música entre iguales, nadie pierde el hilo. Sólo es “dejar que vengas”.

Risto Vuolanne

Risto Vuolanne

(As imaxes, móbiles como a música improvisada, son de Maribel Longueira)