ESPIRAL DE SOMBRAS

Hai poucos días, asistín á presentación do último libro de Xavier Seoane, Espiral de sombras. Acolleu o acto o local que a Asociación de Amigos dos Museos ten na cidade vella da Coruña. Participaban o responsable da edición, Luís Rei, que dirixe a colección Tambo de poesía da editorial Kalandraka, a mesma colección que acolleu Os ángulos da brasa de Manuel Álvarez Torneiro; Henrique Rabunhal, quen comentou polo miúdo e de maneira pousada e lírica o contido do libro; Eva Veiga e Olga Patiño, que recitaron varios dos poemas, achegando, ademais, a súa propia experiencia de lectoras do libro e o autor, quen tamén leu varios textos.

Xavier é voz principal e referencia fundamental na poesía contemporánea galega. A primeira noticia que eu tiven del foi no ano 1979 cando, coido que na libraría Tanco da rúa do Paseo en Ourense, merquei o seu primeiro libro A caluga do paxaro. Dende entón, quince libros de poemas, literatura infantil e xuvenil, libros de aforismos e unha novela, Ábrelle a porta ao mar, publicada no ano 2000, da que eu gustara moito, con referencias ao mundo oceánico de Urbano Lugrís, e que fomos presentar a Compostela el, Miguel Anxo Fernán Vello e eu, presentación que non se levou a cabo por falta de público, polo que regresamos á Coruña e acordamos darnos unha cea de compensación. Todo isto sen esquecer Atravesar o espello, unha reflexión sobre a importancia da lectura na sociedade actual, na mellor liña de escritores como Alberto Manguel. Xavier é, tamén, un dos mellores intérpretes da arte galega actual e permanente activista cultural. Hai dous veráns tiven o pracer de facerlles de guía, a el e a Fátima, na súa primeira ascensión ao Monte Pindo, daquel día é o poema que figura no libro Versos no Olimpo, o Monte Pindo na poesía galega.

Eu non sei se Espiral de sombras é un libro curador das feridas, como dixo alguén no acto de presentación. O que sei é que dende a capacidade poética de Xavier, con paixón,  o libro vai debullando o que somos como país e, tamén, como seres humanos, convidándonos a unha reflexión, que tamén provocar a reflexión é función do poema. Dende os mitos que aínda ecoan na memoria, pasando polos símbolos e signos da prehistoria, os brillos e as formas, a historia poucas veces ben contada, o que foron os nosos antes ca nós, o que nós mesmo fomos, o que deixamos de ser, o que puidemos ou aínda podemos ser como colectividade, o libro, sen renunciar aos elementos esenciais do poema, Xavier convócanos a unha imprescindible análise de nós mesmos, para poder alimentar a esperanza. Son moitas as referencias e tamén moitas as complicidades que se intúen, procedentes desa multiplicidade de voces da poesía universal que Xavier tan ben coñece. Para min é un libro importante,

Vai como mostra (pedindo desculpas porque non consigo a xustificación que o poema ten no libro) a primeira parte do poema titulado: 1936-1939 (Nocturno no Campo das Ratas) dedicado a Xoán Casal, Manuel Monge, Reimundo Patiño e Manuel Rivas:

                  I

MATARON, alí, o pedernal,

A terra estaba fría, as fontes secas.

 

   Un tumor viña no vento.

Xirou a Torre, trinta e sete veces.

Alguén botou carbón de chumbo ao mar.

Un furón uliscou o ventre aberto

da lareira violada.

   As mulleres cuspiron

na tépeda borralla. 

   Este
comeu piollos.
                       Aquel
maldixo os sanxoáns.
                                   Xaceron as meniñas
maceladas
                 en pel de ra.
Advertisement